A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Tralo 25 de marzo, a seguir traballando por unha nova PAC baseada na agroecoloxía e na soberanía alimentaria

Tralo 25 de marzo, a seguir traballando por unha nova PAC baseada na agroecoloxía e na soberanía alimentaria

27 de Marzo do 2017

Mani 25 marzo Roma

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e o asesor da Executiva do SLG, Xosé Ramón Cendán, regresaron de Roma tras participar nos actos reivindicativos da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) con motivo do 60 aniversario do Tratado de Roma en base ao cal se fundou o xermolo do que naceu a actual Unión Europea.

Neste marco e durante catro días, do 22 ao 25 de marzo, Isabel Vilalba e Xosé Ramón Cendán participaron, en representación do SLG, en multitude de debates, foros e manifestacións nos que organizacións sociais de todos os ámbitos e procedencias reflexionaron e demandaron unha Unión Europea alternativa que poña por diante o coidado das persoas e dos pobos que a integran e non os intereses corporativos das grandes empresas.

No eido agrario, as intencións iniciais do Tratado de Roma e a Política Agraria Común (PAC) levan xa 60 anos en suspenso. A pesares de seren mencionados no acordo fundacional de 1957, obxectivos fundamentais como garantir unha vida digna aos labregos e labregas, estabilizar os mercados e asegurar o subministro de alimentos a Europa con prezos que sexan accesibles para todos os consumidores e todas as consumidoras, foron en grande medida ignorados nas políticas agrícolas das últimas décadas. No seu canto, vemos que a actual PAC está deseñada para engrosar os beneficios corporativos a costa de desangrar aos labregos e labregas que producen os alimentos. Non podemos obviar que todos estes anos de Política Agraria Común deron como resultado un medio rural cada vez máis despoboado e envellecido, a desaparición de centos de miles de granxas en toda Europa, un modelo produtivo predominante de corte intensivo e industrial que ten provocado numerosos escándalos alimentarios e unha sangría de recursos públicos destinados a subvencionar uns prezos en orixe moi rendíbeis para as industrias e grandes cadeas de distribución pero inviables para os homes e mulleres que gañan a vida no meirande dos sectores agrogandeiros.

Antes de entrar no Mercado Común, na Galiza había máis de 100.000 explotacións leiteiras; hoxe, tras décadas de coutar o crecemento do sector cunhas cotas lácteas inxustas que marxinaron claramente a nosa terra, ás penas pasamos de 8.000 granxas. Datos coma este deberíannos facer reflexionar e considerar a necesidade urxente de dar unha viraxe radical ás políticas agrarias comunitarias.

Por iso, porque queremos recuperar os obxectivos fundacionais do Tratado de Roma de garantir a seguridade alimentaria dos pobos de Europa, porque pensamos que a PAC debe incorporar unha visión adaptada aos desafíos que actualmente afronta a nosa sociedade como son a saúde pública, a conservación do medio ambiente e a xustiza social, o Sindicato Labrego Galego seguirá traballando, tanto en solitario como no seo da ECVC, para que as políticas agrarias comunitarias recuperen o espírito fundacional do Tratado de Roma e evolucionen cara un século XXI en base a principios irrenunciábeis como termos un traballo digno e construír novas políticas baseadas na agroecoloxía e na soberanía alimentaria.

Mani Roma 25 marzo