A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O modelo da granxas das 20.000 vacas ameaza con deslocalizar a produción láctea galega fóra da nosa terra

O modelo da granxas das 20.000 vacas ameaza con deslocalizar a produción láctea galega fóra da nosa terra

31 de Marzo do 2017

Rolda Noviercas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e a responsábel do sector lácteo, Lupe Prado, ofreceron hoxe, 30 de marzo, unha rolda de prensa en Lugo para denunciar o plan da cooperativa Valle de Odieta de construír unha granxa de 20.000 vacas en Noviercas (Soria). Aínda que a macro-explotación estará a máis de 500 quilómetros de Galiza, de ir para adiante poñerá en xaque o sector lácteo galego. E non é unha esaxeración. Hai que ter en conta que, dende que rematou o sistema de cotas, calquera granxa pode producir sen límites canto leite queira. Sabendo que a granxa de Noviercas poderá producir en 1 ano o leite que producen as 8.475 granxas galegas en 1 mes (preto de 200.000 toneladas), só quince explotacións destas dimensións poderían suplir a potencia produtiva galega actual.

Así as cousas, autorizar a implantación deste modelo de macro-granxas favorecería a súa construción preto dos grandes núcleos de poboación do Estado (área mediterránea e centro peninsular), para fornecelos eliminando os gastos de recollida e minimizando os de transporte. Isto aceleraría un proceso de deslocalización da produción láctea que xa está en marcha. Un dato a ter en conta: as 17.151 toneladas de caída produtiva na Galiza de 2015, incluído o leite que se tirou na folga de entregas, foron compensadas a nivel estatal por un aumento de produción dun volume similar en Andalucía, Levante e Murcia. É dicir, as macro-explotacións nin sequera terían que estar na Galiza para forzar o peche das nosas granxas. Por iso, aínda que este proxecto se vaia desenvolver a máis de 500 quilómetros da Galiza, o sector lácteo galego, que agora mesmo fornece o 40% da produción leiteira do Estado, cun alto custe de transporte para as industrias pola dispersión das nosas granxas pero esencial para a mantenza de miles de familias do noso rural, sería o principal damnificado do novo modelo produtivo.

A xeito de resume, lembremos o impacto que pode ter unha granxa das dimensións da que se pretende construír en Noviercas:

  • Emprego: Unha soa granxa con 20.000 vacas podería producir preto de 180.000 toneladas de leite ao ano, cifra que se achega á produción mensual das 8.475 granxas que seguen activas na Galiza. É dicir, de autorizarse un modelo produtivo destas dimensións, quedaría vía libre para que unhas 15 granxas industriais como a de Noviercas podan substituír as máis de 8.000 que temos na nosa terra.

  • Medio Ambiente: A granxa de Noviercas consumiría entre 4 e 6'35 millóns de litros de auga ao día e xeraría unhas 368.000 toneladas de zurros ao ano, o que implicaría que leitos fluviais, auga potábel, saúde pública, fauna e mesmo outras actividades económicas, como o turismo da zona, puideran verse gravemente afectadas. Unha soa granxa como a de Noviercas consumiría a cuarta parte da auga que consume unha cidade como Lugo ou Santiago de Compostela por día1; en canto aos refugallos, as 20.000 vacas producirían case o dobre de residuos orgánicos que toda a poboación de Galiza e case 50 veces os xerados por todos os habitantes da cidade de Lugo. A empresa pide 6 millóns de euros de cartos públicos para poder tratar os residuos, o dobre dos 3 millóns de euros dedicados pola Consellaría de Medio Rural para as axudas de apoio ao sector lácteo galego en 2016.

  • Benestar animal: A intensificación da produción sería unha barbaridade, cunha media de 30 unidades de gando maior (UGM) por hectárea.

  • Sanidade: Sería unha bomba a nivel sanitario, pois un só caso positivo de tuberculose bovina, moi posible ao ter que traer animais de diversas procedencias para xuntar unha cabana gandeira tan desproporcionada, obrigaría a sacrificar todas as vacas con cargo a orzamentos públicos. O baleiro sanitario da macro-granxa de Noviercas custaríalle á Administración 14'6 millóns de euros. Non está de máis lembrar que o orzamento da Consellaría de Medio Rural no capítulo das compensacións polos sacrificios obrigatorios para erradicar enfermidades animais ascende a 300.000 € para 2017.

  • Calidade: O Estado Español converteríase no principal produtor de leite-lixo de Europa, fronte a países coma Irlanda, que apostan polo produción en base a pastos e forraxes naturais, ou Francia, onde os labregos e labregas da Confédération Paysanne lograron paralizar e poñer á opinión pública en contra dun proxecto de granxa de 1.000 vacas que, en comparación coa de Noviercas, queda pequena. A granxa de Noviercas sería un primeiro paso para facer do Estado Español o produtor de leite barato de Europa e de subprodutos como leite en po, rendíbeis para grandes empresas pero ruinosos e inviables para as granxas familiares.

Campaña contra a granxa de Noviercas a nivel europeo

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego instamos ás organizacións do campo, aos partidos políticos, ás organizacións agrarias e á sociedade galega a expresar o seu máis firme rexeitamento á instalación dunha granxa con 20.000 vacas en Noviercas, porque sería o principio do fin do sector lácteo na Galiza e no Estado como xerador de emprego e riqueza no rural, para concentrarse nunhas poucas factorías deshumanizadas, capitalizadas por empresas sen vinculación co rural, inviables dende un punto de vista ecolóxico e sanitario e destrutoras do escaso tecido social que sobrevive no campo.

Por iso, dende o SLG iniciamos unha campaña na que xa solicitamos formalmente a todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia que expresen o seu rexeitamento ao proxecto de Noviercas; ademais da recollida de sinaturas, tanto a través de Internet cunha iniciativa en change.org, como granxa a granxa solicitando o apoio dos gandeiros e das gandeiras da nosa terra. Ademais, a través da secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, este problema foi introducido na axenda da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), nos encontros de traballo que tiveron lugar en Roma a pasada fin de semana; e foi tratado na última xuntanza do Grupo de Diálogo Civil do Leite (Civil Dialogue Group on Milk), organizado pola Comisión Europea en Bruxelas. Tamén, esta mesma semana, dende a COAG fíxoselle entrega ao comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan, un informe para poñelo ao corrente dos riscos e ameazas que representaría autorizar un modelo de explotación como o de Noviercas na UE.