A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Galiza perdeu 1000 granxas lácteas dende a fin das cotas e segue a ter un dos prezos máis baixos para o leite da UE

Galiza perdeu 1000 granxas lácteas dende a fin das cotas e segue a ter un dos prezos máis baixos para o leite da UE

1 de Abril do 2017

Manifestación sector lacteo

Co remate da campaña 2016-2017 no sector lácteo, cúmprense dous anos dende que desapareceu o sistema de cotas lácteas. O triunfalismo de moitos daquela, hoxe desapareceu. Polo medio, tivemos unha das peores crises de prezos que se recordan e pecharon máis de 1.000 granxas: das 9.484 explotacións en activo que había en abril de 2015, pasamos ás 8.475 que contabilizaron os últimos datos do sector, correspondentes a xaneiro de 2017.

Asemade, a crise de prezos que asolou a Unión Europea teima en facerse crónica na Galiza, onde as nosas granxas seguen a soportar valores dos máis baixos en Europa mentres en moitos países recuperaron valores rendibles. A pesares de que o prezo medio na Galiza situábase en xaneiro nos 30'3 céntimos por litro, a maioría das nosas granxas están a percibir remuneracións entre 26 e 28 céntimos. Moi lonxe dos prezos medios de países como Alemaña (34'13), Francia (35'15) ou Irlanda (35'85). Sen ir tan lonxe, en comunidades veciñas como Asturias o prezo medio está en 33'4 céntimos. Teriamos que ir aos Países Bálticos para atopar prezos semellantes aos galegos, pero alí os custes de produción son moito máis reducidos que no Estado Español, onde o Ministerio de Agricultura sitúa o gasto por litro de leite en 34 céntimos. É dicir, seguimos vendendo o noso leite a perdas.

En dous anos sen cotas, e co acicate da crise, poderíase agardar que poderes públicos como o Ministerio de Agricultura ou a Consellaría de Medio Rural levasen a cabo políticas dirixidas a fortalecer as nosas granxas coa redución dos custes de produción e a mellora dos prezos. Pero o único que fixeron foi redactar un Acordo Lácteo de boa vontade que asinaron as industrias e as cadeas de distribución, xunto con algunha organización agraria entre as que non estivemos nin a COAG nin o Sindicato Labrego Galego, que denunciamos dende o primeiro día que o documento non comprometía nin obrigaba a nada. Co meirande das nosas explotacións cobrando por baixo dos 30 céntimos, as industrias impoñendo nos contratos as condicións leoninas que se lles peta e as grandes superficies comerciais utilizando o leite como produto reclamo ao seu antollo, o tempo deunos a razón.

Outras políticas que poderían ser favorables para as granxas, como dotar de suficiente base territorial as granxas para que reduzan os custes de produción, seguen estancadas mentres Ence utiliza a nosa terra como un plantío privado de eucaliptos para producir celulosa.

A liberalización do sector acabará traendo a deslocalización

As mesmas políticas e os mesmos políticos que se gaban dunha suposta recuperación de prezos no sector, que na Galiza seguimos sen ver, agora aplauden a iniciativa dunha empresa navarra que pretende construír unha granxa con 20.000 vacas de leite en Noviercas (Soria). Precisamente, a fin do sistema de cotas liberalizou o sector, de maneira que calquera pode producir leite libremente onde queira. Se este modelo de granxa se autoriza, será o principio da fin do sector lácteo galego, pois 40 granxas deste tamaño, construídas nas inmediacións dos grandes núcleos habitados do Estado, poderían producir o leite que produce agora o sector lácteo español; só quince, poderían substituír as 8.475 explotacións que quedan na Galiza.

O sistema de cotas non era perfecto, pero a liberalización salvaxe que agora se impón é aínda peor. De seguirmos por este camiño, o sector lácteo galego seguirá a ser o máis prexudicado, até o punto de que agora é posible que as industrias aposten por deslocalizar para reducir custes, de maneira que nin Galiza, nin o seu clima, nin os seus pastos naturais, nin as súas granxas, serían necesarias xa para fornecer de leite o Estado Español.

Por iso, dende o SLG seguimos reclamando a necesidade de facer políticas públicas de control da produción e dos mercados que garantan prezos dignos e unha distribución racional e xusta da capacidade produtiva dos diversos territorios. O contrario, seguir co sector liberalizado como até o de agora, supón rubricar a sentenza de morte do sector lácteo galego.