A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Da Terra Chá a Ordes: unha década de loita contra Erimsa

Da Terra Chá a Ordes: unha década de loita contra Erimsa

5 de Abril do 2017

Margarida Prieto Ledo

Artigo de opinión escrito por Margarida Prieto Ledo, coordinadora comarcal do SLG na Terra Chá. Neste texto, a nosa compañeira dá un repaso aos dez anos de loita que levan na Terra Chá contra as intencións de Erimsa de extraer seixo, e compara o conflito chairego co que vén de esbourar agora na comarca de Ordes.

En 2006, aprobáronlle a Erimsa tres concesións para a extracción de seixo en preto de 6.000 hectáreas na Terra Chá. Pasou unha década e, dende aquela, sucedéronse xuízos, recursos, escritos, centos de alegacións, festivais de denuncia, manifestacións, xuntanzas e charlas, moitas charlas por todo o pais contando o que estaba a acontecer. Paseniño, conseguimos irlle pechando as portas ás intencións desta empresa norueguesa integrada na multinacional chinesa Blue Star.

A pesares de pretender comezar a executar os seus proxectos en primavera de 2007, chegamos á primavera de 2017 sen que Erimsa dese iniciado extracción ningunha en terras chairegas e asistindo á publicación de sentenzas contrarias á súa actividade por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. As máis recentes, de xaneiro e febreiro deste ano. A día de hoxe, o conflito con Erimsa na Terra Chá dá os seus últimos estertores coa polémica da caducidade das concesións, que a Consellaría de Industria se nega a declarar. Todo fai prever que ese silenzo administrativo que só beneficia á empresa rematará tamén nos tribunais.

Charla Erimsa

Unha década de loita tecendo alianzas

Nesta década de loita, no Sindicato Labrego Galego fomos coñecendo moitos proxectos mineiros, uns que xa existían e outros que foron xurdindo. Desta maneira, moitas loitas invisibilizadas foron vendo a luz a raíz do conflito entre Edgewater e a veciñanza de Bergantiños polo proxecto mineiro de Corcoesto. Polo camiño, tamén estivemos e estamos por idénticos motivos en Xinzo, Triacastela, San Fins, na Gudiña, Forcarei, na Fonsagrada, etcétera contra a minaría destrutiva e en defensa da terra.

Ao redor destas loitas xurdiron moitos lazos, amizades, colaboración entre colectivos e, sobre todo, unha rede de apoio: Contraminacción. Hoxe en día, a rede Contraminacción está integrada por máis dunha vintena de asociacións de afectados e afectadas, grupos ecoloxistas, organizacións agrarias e outros colectivos do país

Xa choveu dende que eu entrei en contacto con isto da minería, pero seguimos nas mesmas: Ao tempo que aparecen novas ameazas de proxectos, reviven outros conflitos xa existentes. E nestas, volvemos con Erimsa á comarca de Ordes.

contraminaccion

A base territorial de 200 granxas ameazada

O 6 de marzo publicábase no DOG unha nova resolución da Xefatura Territorial na Coruña da Consellaría de Industria para “someter a información pública o proxecto de explotación, o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración da solicitude de concesión de explotación derivada do permiso de investigación Xanceda, número 7138, situado nos concellos de Frades e Mesía (A Coruña), promovido pola sociedade Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (ERIMSA)”.

Desta vez, tocoulle á comarca ordense con máis de 6.000 hectáreas afectadas nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes. De primeiras, está en fase de alegacións o proxecto Xanceda, que abrangue 781 hectáreas e pretende explotar unha superficie de 210.

Dende o SLG, levamos vixiando estes proxectos dende o ano 2013, cando se publicaron as solicitudes dos permisos de investigación. Que muda nos proxectos da comarca de Ordes con respecto aos da Terra Chá? Basicamente, nada; pero, á hora de enfrontalo, moitas cousas. Por exemplo, grazas ao seguimento que lle fixemos a estes proxectos, na comarca de Ordes comezamos co labor de oposición na fase previa á aprobación da concesión, cando na Terra Chá a loita comezou coa concesión xa aprobada.

Cambiou tamén que Erimsa agora fracciona os proxectos para agachar as súas intencións reais e evitar o rexeitamento social. Por iso, estamos dando a coñecer á veciñanza que esta primeira concesión de 781,29 hectáreas podería seguir ampliándose con outros proxectos até abranguer 6.000. Polo demais, os proxectos de Erimsa en Ordes son unha copia dos da Terra Chá por moito que os enfeiten.

Outra novidade é que, en Ordes, Erimsa ensaia novos xeitos de confundir á xente. Diante do rexeitamento social, na Terra Chá vendéronnos un protocolo asinado coa Consellaría de Industria onde reducían a zona a explotar, pero en ningún lado falaban de reducir a concesión e, con trinta anos por diante, xa se vería o que pasaba co protocolo no futuro. Agora, na comarca de Ordes, Erimsa vén con que renuncia ao dereito de expropiación. Que significa isto na práctica? O mesmo que na Terra Chá: a lei e a lei, e as declaracións de boa vontade dunha empresa lévaas o vento. Unha vez que calmen a veciñanza e a Xunta aprobe o proxecto, con trinta anos de concesión por diante e a lei da súa man, hase ver se expropian ou non.

En calquera caso, dende o Sindicato Labrego témolo claro: o problema non é a forma de adquirir a terra, o problema é que a minaría e a agricultura son incompatibles.

A veciñanza da comarca de Ordes non vai comungar rodas de muíño

A semana pasada tivemos unha xuntanza informativa na Casa da Cultura de Xanceda, onde un cento de veciños e veciñas asistiron para informarse do proxecto. Tamén viñeron tres empregados de Erimsa para defender as bondades da empresa. Increpáronnos dicindo que nos tiñamos que dedicar a conseguir mellores prezos para o leite. Dende o SLG, temos que dicirlles aos señores de Erimsa que, ao defender a base territorial das explotacións, estamos a defender unha mellor rendibilidade para a actividade gandeira. Defendendo a produción de leite e carne en base á terra, minimizamos a dependencia das granxas á hora de mercar forraxes, cereais ou insumos para alimentar o gando. Quizais a mentalidade extractivista coa que pensan os partidarios da industria mineira non o dea entendido, pero defender a terra das granxas afectadas polos proxectos de Erimsa é defender o futuro e a rendibilidade da profesión gandeira. Pola contra, a minaría é miseria para hoxe e fame para mañá, na medida en que a súa actividade destrúe os recursos doutras profesións como a agricultura, xa que, decotío, esa destrución de recursos é irreversible.

No caso que nos ocupa, quitarlle o seixo ao solo -aquí preténdese extraer un 8% fronte ao 3% previsto da Terra Chá- supón deixalo sen estrutura. Por experiencias coñecidas, sabemos que as fincas explotadas tardan uns oito anos en volver producir a niveis semellantes previos á extracción e, con choiva, a terra enlámanse como moita facilidade, dificultando o acceso de tractores e gando maior.

A actitude da Consellaría de Industria denota unha rechamante permisividade con Erimsa

Que doado é incitar ao enfrontamento entre a veciñanza, mentres a Administración recibe a representantes con gravata dunha empresa que, evidentemente, só busca o seu beneficio. De seguro que estes representantes coñecen á perfección a decoración dos despachos dos altos cargos da Consellaría de Industria, os mesmos altos cargos que se negan a conceder unha entrevista ao Sindicato Labrego Galego para tratar a caducidade das concesións a Erimsa na Terra Chá e que se negan a darlle información á Valedora do Pobo respecto deste tema.

Os feitos lévannos a pensar que a Administración non está a ser o suficientemente dilixente nin respectuosa coas súas funcións públicas nin coa necesaria ecuanimidade que se lle presume. E é que nos consta a existencia de expedientes de denuncia por extracción de seixo sen permiso que remataron arquivados. En 2013, por exemplo, Erimsa realizou extraccións en Oroso cunha pala e unha peneira mecánica Powerscreen Warrior 1400, maquinaria pesada propia da industria mineira. Así o denunciamos formalmente, diante da inexistencia de permisos para extraccións, con numerosas probas como fotografías da escavación. Días despois da denuncia, aparecía un permiso solicitado por un particular para realizar simples movementos de terras. A resposta da Consellaría de Industria foi que “non queda suficientemente probado que alí houbese aproveitamento dun recurso mineiro”. Fronte a esta versión, a fiscalía de Medio Ambiente, onde acabamos por levar a denuncia, dixo nas dilixencias que “a simple alegación da empresa Erimsa (que podería ser obxecto de sanción e, polo tanto, interesada, e moito, no expediente sancionador), é validada sen máis comprobación polo órgano sancionador, sen contrastala coa información policial...

Extracción ilegal de Erimsa en OrosoE seica debemos fiarnos da boa vontade de Erimsa. Velaí a súa minaría sustentable! Señores de Erimsa, non queremos a súa minaría sustentable. Queremos que o seixo siga onde está e queremos vivir dignamente do noso traballo, algo que xa nos poñen difícil de abondo como para que veñan agora vostedes fozar nos nosos prados. A terra é nosa e o seixo tamén!