A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os labregos e labregas do mercado ecolóxico de San Agustín celebran o 17 de abril na praza de abastos

Os labregos e labregas do mercado ecolóxico de San Agustín celebran o 17 de abril na praza de abastos

19 de Abril do 2017

17 de abril San Agustín

Os labregos e labregas que manteñen o mercado ecolóxico da praza de abastos de San Agustín, na Coruña, levaron a cabo, 18 de abril, un sinxelo acto para conmemorar o Día Internacional das Loitas Labregas, que se celebra cada 17 de abril en memoria do Masacre de Eldorado dos Carajás, no que 19 Sem Terra morreron asasinados pola policía militar no estado brasileiro de Pará en 1996.

O acto na praza de abastos, que se celebrou un dia despois da efeméride para facelo cadrar co mercado ecolóxico semanal, consistiu nunha mostra fotográfica da xornalista Vera-Cruz Montoto, que ten retratado labregas en diversos lugares do mundo como Chiapas ou Palestina. Ao final, por motivos de espazo, non se puideron expoñer as imaxes sobre as catro décadas de loita do Sindicato Labrego Galego na nosa terra. O que si se fixo, tal e como estaba previsto polos organizadores do acto -SLG e a Asociación Labrega Natura-, foi dar difusión ás demandas da Via Campesina, organización internacional na que se integra o SLG, neste ano 2017. De seguido, compartimos con vós o texto que leu o labrego Mauro Álvarez Cortés e que, como xa adiantamos, este ano está moi centrado na demanda dunha Carta de Dereitos Labregos na ONU, documento que países da Unión Europea como España son moi remisos a apoiar:

«A pesares de que a comunidade labrega alimentamos o meirande da poboación mundial, o sistema alimentario industrial socava os nosos dereitos. Nun contexto no que as políticas dominantes posibilitan o acaparamento violento das terras e os recursos naturais, e no que os defensores e as defensoras dos dereitos humanos se enfrontan a unha criminalización sistemática, é urxente e necesario instaurar un mecanismo que garanta o pleno recoñecemento e a protección dos dereitos humanos do mundo rural. Con este fin, as organizacións que integramos a Vía Campesina iniciamos, hai máis de quince anos, un proceso para obter unha declaración internacional sobre os dereitos dos labregos e das labregas. Hoxe en día, despois dunha considerable campaña de promoción e de varias mobilizacións, e diante das negociacións que se achegan no seo das Nacións Unidas, o apoio cidadán resulta máis importante que nunca.

Tras un Congreso Mundial dos Dereitos Labregos do pasado mes de marzo, unha coalición de movementos sociais e organizacións da sociedade civil puxemos en marcha unha petición co fin de aumentar a presión sobre a Unión Europea e os seus estados membros para que participen activamente e de boa fe na elaboración dunha declaración. Dado que a oposición e o desinterese foron características distintivas da súa posición até agora, a petición anima ao cidadáns e cidadás a esixir do seu Ministerio de Asuntos Exteriores respectivo que recoñeza e se comprometa a favor dos dereitos do mundo rural, incluíndo os dereitos á terra, ás sementes, á biodiversidade, á rendas e medios de subsistencia dignos e aos medios de produción. Con máis de 3.000 sinaturas recollidas en pouco máis de dúas semanas, o obxectivo da petición é mobilizar o apoio de 30.000 persoas, en particular en Europa.

As violacións dos dereitos dos labregos e das labregas, en particular, e das persoas que traballan nas zonas rurais, en xeral, tamén se cometen en Europa a través dunha Política Agraria Común (PAC) que favorece a lóxica de “crece ou desaparece”. Este sistema agrícola e alimentario industrial europeo de produción orientado á exportación dá lugar á perda de empregos, á degradación das condicións de vida dos labregos e das labregas e ao éxodo rural. Sen esquecer as enormes repercusións sobre o planeta enteiro deste modelo agrícola.

A cuarta sesión do Grupo de Traballo Intergobernamental de Composición Aberta sobre os Dereitos Labregos no Consello de Dereitos Humanos da ONU terá lugar do 15 ao 19 de maio en Xenebra. Dende as organizacións que formamos parte da Vía Campesina, prestaremos unha especial atención á posición do bloque da Unión Europea, que xa ten cuestionado a lexitimidade dos labregos e das labregas como titulares de dereitos e se ten amosado reticente á hora de defender cuestións como a terra, as sementes e a biodiversidade como dereitos que deben someterse a novas normas.

Ao soster esta loita, os labregos e labregas preservaremos alternativas agroecolóxicas resistentes á agricultura industrial e seguiremos contribuíndo ao desenvolvemento de sistemas alimentarios locais sans e sostibles para o futuro do noso planeta».

Ademais, tamén quixemos encadrar nesta importante data para as organizacións que integramos a Vía Campesina a entrega de máis de 200 alegacións no Concello de Mesía en contra do proxecto mineiro Xanceda 7138 co que a empresa Erimsa pretende extraer cuarzo metalúrxico nunha concesión de 781 hectáreas. O rexistro das alegacións fíxose, precisamente, o 17 de abril como acción que busca a defensa dun dereito que consideramos fundamental para os labregos e labregas e que debería estar protexido polas autoridades: o dereito á terra como recurso para alimentar a humanidade e que, por desgraza, en países como Galiza se usurpa para utilizalo na produción de materia prima barata para industrias como a mineira ou a celulosa. 

17 de abril San Agustín