A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. PP e PSOE unidos de novo para aprobar un tratado de libre comercio con Canadá nefasto para o rural galego

PP e PSOE unidos de novo para aprobar un tratado de libre comercio con Canadá nefasto para o rural galego

18 de Maio do 2017

CETA

O Pleno do Congreso dos Deputados e das Deputadas vén de ratificar esta mesma mañá o acordo de libre comercio entre a UE e Canadá, co voto a favor do PP, PSOE, Cidadáns, PdeCAT, PNV e Coalición Canaria. O Sindicato Labrego Galego considera unha grave irresponsabilidade esta decisión porque pon en perigo o modelo social e profesional da agricultura da UE e a aposta estratéxica das nosas producións de calidade, a seguridade alimentaria, o benestar animal e o respecto ao medio ambiente.

Para o SLG, igualar a normativa europea coa canadense en materia de seguridade alimentaria e produción agraria suporía un atraso sen precedentes nos dereitos dos consumidores e das consumidoras, ao tempo que suporía unha competencia desleal para os labregos e as labregas en base a un modelo produtivo coma o canadense, que permite a inxección de anabolizantes, antibióticos e hormonas de crecemento no gando.

En definitiva, a posta en marcha do CETA terá gravísimas consecuencias para algúns dos nosos principais sectores produtivos e para o medio rural. De seguido, analizamos algunhas delas:

CARNE DE VACÚN

Cómpre lembrar que sectores como o da carne de vacún é dos máis vulnerables da nosa terra, con boa parte das granxas en zonas desfavorecidas de montaña onde a gandería é o único medio de vida posible que permite que a xente siga vivindo aí, sen ter que emigrar. Ademais, a venda de becerros é un complemento económico importante para moitas granxas de leite que complementan os baixos prezos das súas producións cos xatos.
Estas granxas levan anos aturando uns prezos excesivamente baixos que non cobren os custes de produción e se manteñen artificialmente grazas ás axudas publicas. A entrada de grandes continxentes de carne de vacún de Canadá libre de impostos creará fortes distorsións no mercado e afundirá aínda máis os prezos, polo que miles de explotacións de vacún de carne veranse obrigadas a abandonar a produción, agudizando a desertización rural que padecemos.

SEGURIDADE ALIMENTARIA

Outra cuestión conflitiva é que a normativa canadense é moito máis permisiva en cuestións como o benestar animal ou a utilización de químicos prohibidos: lavado e procesado de carne de polo e tenreira con auga clorada, aclarado carne de vaca con ácido láctico; ou engorde de gando bovino, porcos e pavos con ractopamina. O país norteamericano tamén permite o uso de pesticidas con neonecotinoides, vinculados á morte de millóns de abellas, ou de glifosato; e é o quinto produtor mundial de transxénicos. Máis alá dos transxénicos (OXM) para alimentar o gando, en Canadá tamén se producen OXMs só para consumo humano, como mazás e salmón.

SECTOR LÁCTEO

En canto ao sector gandeiro que, teoricamente, se vai ver beneficiado polo CETA na UE, o lácteo, cómpre advertir que o goberno canadense realizou varias accións a finais de 2016 de cara a reforzarse pola inminente aprobación do CETA. Unha delas foi a de entregar unha axuda de 350 millóns de dólares canadenses (uns 240 millóns de euros) á súa industria láctea para facela máis competitiva. En canto ao sector produtor, creouse un programa de investimentos que, durante cinco anos, permitirá ás granxas canadenses modernizar os seus equipos e aumentar a súa produtividade. Este reforzo para un país no que os centros de engorde gandeiro poden superar as 20.000 cabezas de gando, 100.000 se falamos de aves, fará que as nosas granxas dificilmente poidan competir en pé de igualdade se o produto canadense chega a Europa libre de impostos.

MINARÍA

Outro dos riscos do CETA que afectaría á totalidade do noso medio rural e producións agrogandeiras é a minaría. Canadá é unha das principais potencias mineiras mundiais, representando este sector o 4% do seu PIB e xerando 40.000 millóns de dólares ao ano. Isto combinado coa resolución privada dos conflitos comerciais a través do sistema de tribunais de inversión (ICS) permitirá que as mineiras canadenses poidan denunciar calquera lei ou goberno que se opoña aos seus proxectos. Un bo exemplo témolo no ouro de Corcoesto, que pretendía explotar a mineira canadense Edgewater a ceo aberto empregando cianuro de xeito masivo. Afortunadamente, a presión da cidadanía obrigou á Xunta a negarlle o permiso de explotación. Se isto chega a acontecer co CETA aprobado, Edgewater podería ter denunciado á Xunta a través do ICS e, con total seguridade, a Xunta sairía condenada e obrigada a indemnizar a Edgewater cunha multa millonaria a conta dos cartos das galegas e dos galegos. E o problema é que a case totalidade do territorio galego é apta para extraccións mineiras, segundo o Plano Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta.