A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Secretaría das Mulleres do SLG leva a Madrid propostas para enfrontar o fracaso da Lei de Titularidade Compartida

A Secretaría das Mulleres do SLG leva a Madrid propostas para enfrontar o fracaso da Lei de Titularidade Compartida

18 de Septembro do 2017

Ana Eiras

A Lei de Titularidade Compartida entrou en vigor, o 5 de xaneiro de 2012, para dar unha solución á flagrante desigualdade que padecen miles de labregas que non son titulares da explotación na que traballan. Cando nacera a lei, calculábase que só na Galiza había 35.000 mulleres nesta situación, 400.000 se falamos a nivel estatal. Porén, dende aquela, só se deron de alta na Galiza 17 mulleres, 290 en todo o Estado.

O Fouce 316 recolle a última xuntanza que mantivo a técnica da Secretaría das Mulleres do SLG e membro da Executiva, Ana Eiras, coa directora xeral de Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Esperanza Orellana, para tratar a cuestión do desenvolvemento da Lei de Titularidade Compartida. Neste encontro participaron tamén representantes de asociacións de mulleres rurais, cooperativas e organizacións agrarias de todo o Estado.

Nun comunicado emitido con respecto a esta xuntanza, o propio Ministerio de Agricultura que “o ritmo de incorporación de explotacións a este réxime debería ser máis elevado”. Precisamente, na xuntanza analizáronse as posibles causas deste fracaso.

A solución posible: titularidade compartida de oficio

En nome da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e da Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres), Ana Eiras defendeu un documento no que se recordaba unha petición ambiciosa das nosas organizacións coa que, de seguro, a Lei de Titularidade Compartida sería plenamente efectiva: que todas as explotacións agrarias que teñan un só cónxuxe como titular pasen a ter titularidade compartida de oficio.

Para levar a cabo isto, habería que implicar os servizos xurídicos do Estado. Estes, deberían determinar que granxas se atopan en situación propicia para ter a titularidade compartida e comunicarse con elas para obter o seu consentimento e regularizar a súa situación. Desta maneira, acadarían a titularidade compartida todas aquelas explotacións que non expresasen a súa intención de continuar cun só titular.

Tamén pedimos nesta xuntanza que a Administración forme funcionarios e funcionarias en cada comunidade autónoma para asesorar e acompañar nos trámites da titularidade compartida ás persoas interesadas, xa que, na actualidade, o meirande do corpo funcionarial non sabe como actuar diante deste trámite burocrático.

Aproveitar o financiamento para desenvolvemento rural

Outro dos principais obstáculos á hora de que nunha explotación soliciten a titularidade compartida é a obriga posterior de ter que cotizar ambos titulares á Seguridade Social. As bonificacións anunciadas para mulleres de 40 e 50 anos non foron suficientes para promover a alta. Para superar este obstáculo, dende Ceres e o SLG pedimos que o Ministerio de Agricultura modifique o Programa Estatal de Desenvolvemento Rural para que promova a igualdade de xénero nas explotacións con axudas e estímulos que realmente inciten a dar o paso de acollerse á titularidade compartida.

Finalmente, tamén expresamos a necesidade de organizar unha campaña informativa específica para o medio rural a través de axentes locais como grupos de desenvolvemento rural (GDRs), organizacións agrarias ou asociacións de mulleres. Esta campaña debería contemplar a realización de charlas xeneralizadas no marco da Rede Rural Estatal e estar baseada no contacto directo cos homes e mulleres que se poden acoller á titularidade compartida.

Ana Eiras

A técnica da Secretaría das Mulleres e integrante da Executiva do SLG, Ana Eiras (a primeira pola dereita) representou á nosa organicación e a Ceres nesta xuntanza de ámbito estatal