A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Arrinca a Marcha Stop Velutina con unha concentración reivindicativa diante da Consellaría de Medio Rural

Arrinca a Marcha Stop Velutina con unha concentración reivindicativa diante da Consellaría de Medio Rural

18 de Outubro do 2017

Marcha Stop Velutina

Ante a alarmante situación que está sufrindo o medio ambiente a causa da imparable e devastadora praga da avespa velutina, a Asociación Galega de Apicultura xunto con outras asociacións da Cornixa Cantábrica decidiron organizar a Marcha Stop Velutina, que partirá o día 19 de outubro dende Santiago de Compostela, onde terá lugar unha concentración con motivo da saída da marcha, diante do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano ás 10.30.

A invasión da especie invasora Vespa velutina supón un grave problema medioambiental de consecuencias imprevisibles que afecta a toda a sociedade. É urxente a posta en marcha dun plan de choque, coordinado pola administración, xunto coas asociacións e a poboación, para frear o avance desta praga e os terribles estragos que está causando. A única vía posible neste momento é a convivencia con esta especie, pero non a calquera prezo, a convivencia esixe a supervivencia das abellas e o resto de polinizadores.

Até agora a loita recaeu principalmente no sector apícola e a administración limitouse á entrega dunhas 10.000 trampas, que foron colocadas só nos colmeares, xunto coa retirada de niños durante o verán. Según o noso parecer, é necesario realizar unha nova planificacións dos traballos, centrándose moito na loita preventiva, coa colocación masiva e coordinada de trampas na primavera para a captura de raíñas fundadoras, xa que por cada raíña capturada un niño evitado. Para iso, precisaríanse 50.000 trampas xunto cos seus atraíntes, a distribuir pola administración tanto no sector apícola como noutros colectivos, colexios, concellos, etc., e que tería un orzamento dun millón de euros. Por outra banda, a investigación é fundamental para coñecer mellor o comportamento desta especie invasora, o seu impacto medioambiental e económico e estudar métodos de control eficaces. Deben ser os organismos oficiais os que a promovan e poñan os medios necesarios para levala a cabo, xunto con universidades e outras institucións. A pesar de ter anunciado medidas neste sentido a Xunta de Galicia limitouse ata agora ao asino dun só convenio de colaboración coa Universidade de Vigo e máis coa Universidade de Santiago, contando soamente a UVigo cun orzamento específico. É absolutamente necesario, como así reclama a rama investigadora, que se unifique e se financie a investigación dende a administración, xa que ésta será a orixe das ferramentas que poderemos utilizar contra a Vespa velutina no longo prazo.

Ante esta situación, a Asociación Galega de Apicultura en colaboración coa Confederación en defensa da abella na Cornisa Cantábrica (CODACC), convocaron do 19 ao 23 de outubro a Marcha Stop Velutina, unha marcha de sensibilización social e reivindicación sobre este problema que percorrerá as comunidades máis afectadas polo tártago asiático, realizando concentracións e actos informativos nos diferentes lugares polos que pasará. En Santiago de Compostela, con motivo da saída da marcha o xoves 19 de outubro ás 10.30 h., faremos unha concentración diante da Xunta de Galicia en San Caetano, á que animamos a participar a toda a poboación e na que entregaremos as nosas reivindicacións ó Presidente da Xunta de Galicia, solicitándolle unha reunión urxente para explicarlle a gravidade da situación e as nosas propostas.

Ente os obxectivos da marcha está tamén a divulgación das ferramentas que temos sobre a mesa para frear o avance desta praga. Unha delas é a Plataforma Stop Vespa Velutina, unha iniciativa que partiu de Galicia e que ten como obxectivo trasladar as demandas do sector aproveitando a xuntanza de forzas como un mecanismo de presión ás administracións competentes. Na actualidade tamén Asturias e Cantabria teñen as súas plataformas constituídas. Por outra banda, informaremos acerca dos primeiros resultados obtidos co sistema "trampa eléctrica", un sistema de protección das colmeas que foi obxecto de estudo en AGA e que concluíu coa difusión da "Guía para a construcción caseira da trampa eléctrica" dispoñible na páxina web de AGA.