A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia a manifestación do domingo contra a Lei de Depredación por deixar sen protección a nosa agricultura

O SLG apoia a manifestación do domingo contra a Lei de Depredación por deixar sen protección a nosa agricultura

18 de Outubro do 2017

Mani contra LFIIE

O Partido Popular aprobou onte, 17 de outubro, a Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais (LFIIE), máis coñecida como Lei de Depredación de Galiza, que elimina de golpe unha grande cantidade de ferramentas legais coas que a cidadanía podía defenderse do impacto negativo de actividades empresariais nocivas e negativas para o medio ambiente e a vida das persoas.

Levamos moitos anos vendo como actividades industriais están a usurpar impunemente o seu territorio ás actividades agropecuarias: eucaliptos, parques eólicos ou extraccións mineiras estanse a expandir de maneira indiscriminada e coa complicidade da Xunta en detrimento da produción de alimentos e da base territorial das nosas granxas, que teñen serios problemas para facer rendible a súa actividade por non poder acceder a máis terra ou por ver as súas producións mermadas polo impacto destas actividades industriais.

Se até agora, coas ferramentas legais que tiñamos, a agricultura e a gandería estaban a ser asediadas por estas actividades industriais, coa Lei de Depredación de Galiza a cousa irá a peor, pois nos rouban moitas desas ferramentas legais coas que contabamos.

Así, a LFIIE facilita os procesos de expropiación forzosa e acaparamento de terras mediante figuras como a declaración de utilidade pública ou os proxectos de especial interese; reduce os prazos para a emisión de informes en materia ambiental, de maneira que se que fai case imposíbel o traballo do persoal técnico encargado de redactalos; recorta e mesmo elimina procesos de participación pública; limita os tempos ao máximo nas tramitacións ambientais e exposición pública e, en caso de vencer o prazo de emisión dos informes, considerao como silencio positivo aínda que o documento final sexa desfavorábel; furta información á cidadanía sobre iniciativas empresariais que poden ter unha grave afección nas súas vidas, permitindo, por exemplo, que as mineiras decidan que documentación consideran reservada; reduce o papel dos concellos á hora de protexer o seu territorio.

Máis alá da agricultura e da gandería, no plano forestal, a LFIIE fai prevalecer o aproveitamento industrial do monte fronte aos tradicionais e comunitarios; só esixe unha declaración responsábel para o aproveitamento de especies forestais como o eucalipto, mesmo en masas con presenza de árbores autóctonas; suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas e ameaza ao patrimonio cultural dos nosos montes; suprime criterios como o respecto á natureza á hora de outorgar en concorrencia os dereitos de construción dun parque eólico; e, finalmente, outorga boa parte da capacidade decisiva sobre cuestións ambientais e relacionadas co territorio aos organismos que acollen as propias actividades económicas, nomeadamente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Con esta lei en vigor, proxectos mineiros que a acción cidadá paralizou polas súas nefastas consecuencias coma o do ouro de Corcoesto, o feldespato en Xinzo ou o seixo da Terra Chá e da comarca de Ordes, poderían ter ido para adiante, facendo imposible a actividade agrícola e gandeira de centos de explotacións e deixando sen traballo nin medios de vida a miles de familias. Ademais, a instalación de parques eólicos ou a eucaliptización do noso territorio e das terras agrarias beneficiaranse por ter agora menos atrancos legais para seguir a súa expansión.

Coa aprobación da Lei de Depredación de Galiza é moi probable que empresas coma estas e outras, cuxos proxectos empresariais foron legalmente paralizados polo prexuízo que supuñan, volvan impulsalos de novo amparadas pola impunidade que lles outorga o novo marco legal. A aplicación desta lei suporá un deterioro aínda máis grande e veloz do noso medio rural e medio ambiente e provocará a destrución de miles de postos de traballo e a ruína de miles de familias que teñen na agricultura e na gandería o seu medio de vida.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego acudirá á manifestación do 22 de outubro contra a Lei de Depredación de Galiza para dicir non a este novo marco legal depredador, salvaxe e pirómano co que o Partido Popular pretende favorecer descaradamente as súas empresas amigas a costa, coma sempre, dos labregos e labregas e do medio rural que sempre di defender pero que, dende hai décadas, está a agredir e destruír impunemente.

Mani contra LFIIE