A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Graxas de Abadín doan un cargamento con 35 toneladas de herba a unha granxa d'As Neves damnificada polo lume

Graxas de Abadín doan un cargamento con 35 toneladas de herba a unha granxa d'As Neves damnificada polo lume

7 de Novembro do 2017

Trailer rolos herba

Xesús Ferreira ten unha explotación de vacas de carne e ovellas na parroquia de Cerdeira, no concello pontevedrés d'As Neves. Na vaga de lumes que asolou Galiza na fin de semana do 15 de outubro, tivo a mala sorte de que lle arderán todos os pasteiros do que se alimentaba o seu gando: 35.000 metros cadrados de prados e todo o monte comunal da parroquia.

 Dende aquela, as redes sociais ferveron con peticións de axuda e ofertas de solidariedade nun diálogo no que tamén participou a afiliación do Sindicato Labrego Galego. Froito deste intercambio, foron os cargamentos de herba que lle enviaron a Xesús dende parroquias chairegas como Labrada ou Fanoi (Abadín). En total, dende a Terra Chá enviáronselle esta fin de semana a Xesús 65 rolos de herba ensilada que superan as 35 toneladas. Para o transporte contouse tamén coa colaboración desinteresada de Transportes Montes de Goiriz, de Vilalba.

Xesús quixo expresar o seu agradecemento aos gandeiros e gandeiras da Terra Chá que lle doaron herba, pois este apoio foi moi importante, xa que, até que cheguen as axudas da Xunta, o gando ten que comer. Tamén estendeu o seu agradecemento a granxas doutras zonas que tamén lle enviaron herba, tanto dende a súa propia comarca como dende San Sadurniño. “Agora mesmo, estou alimentando o gando grazas á herba que me doaron estas e outras granxas”, explica Xesús, “porque, a nivel oficial, aínda non recibimos nada e non sabemos aínda se imos ter apoios ou non. E o meu gando ten que comer xa, dende a hora seguinte aos lumes. E, hoxe, grazas á solidariedade, as miñas vacas e as miñas ovellas están comendo”.

Dende o Sindicato Labrego Galego, tamén queremos darlle as grazas ás granxas de Fanoi e Labrada que colaboraron desinteresadamente nesta campaña solidaria, xa que os tempos que corren para a gandería non son bos e tiveron que facer un grande esforzo para apoiar a un compañeiro desafiuzado polos lumes. Esta é a forza que mantén aínda vivo o rural galego a pesares da falta de apoios institucionais e das políticas destrutivas da Xunta de Galicia.