A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Secretaría das Mulleres do SLG culmina cunha xornada na Estrada a súa campaña en torno ao 25 de novembro

A Secretaría das Mulleres do SLG culmina cunha xornada na Estrada a súa campaña en torno ao 25 de novembro

28 de Novembro do 2017

xornada violencias

A secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego organiza mañá, mércores 29 de novembro, no local da Asociación de Mulleres Rurais de Tabeirós (A Estrada), unha xornada de análises e traballo en torno á violencia machista baixo o título “Labregas sementando igualdade”. Previamente, realizáronse obradoiros en localidades rurais como Ponteareas, O Rosal, Teixeiro, Lalín, ou nas parroquias compostelás de Marrozos e Sar.

Nesta ocasión, contaremos coa participación da escritora Eli Ríos, que compartirá coas asistentes como unha enfermidade como o cancro de mama que afecta a mulleres é tratada e estudada dende a perspectiva masculina; e coa da que fora responsábel da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta no bipatito, Ana Luísa Bouza.

Para a Secretaría das Mulleres do SLG, este tipo de accións é fundamental, xa que problemáticas como a desigualdade ou as violencias machistas intensifícanse no medio rural. A responsábel da Secretaría das Mulleres, María Ferreiro, explica que “vimos dunha historia na que, en moitas ocasións, a herdanza das granxas e, polo tanto, a mellora, era case sempre para un fillo varón, e se ese fillo casaba, a muller era a que ía para unha casa allea onde convivía co compañeiro, co sogro e coa sogra, etcétera, e pasaba a ocuparse, co paso dos anos, dos coidados tanto dos nenos e das nenas como das persoas maiores. Esta situación leva a que moitas mulleres, a pesares de traballar toda unha vida nunha granxa, non teñan dereitos profesionais recoñecidos, xa que a titularidade da granxa está a nome dos cónxuxes e, no mellor dos casos, comezan a cotizar ao redor dos 45 ou 50 anos de idade. Ningún ben ou dereito desa actividade profesional que exerce a muller labrega está ao seu nome e, polo tanto, carecen de independencia económica”.

Esta situación”, denuncia María Ferreiro, “xera unha gran vulnerabilidade. Temos que ter en conta que moitas zonas rurais sofren despoboamento e son as mulleres as que se atopan especialmente illadas, xa que a parte pública e de relacións sociais corre a cargo do home. Este illamento tamén agudiza a vulnerabilidade das mulleres maltratadas que, no rural, non teñen capacidade para falar con alguén para denunciar a súa situación, xa que a única persoa coa que teñen contacto é o propio maltratador e o seu círculo familiar”.

Os recortes nos servizos públicos do rural agudizan na vulnerabilidade das mulleres

Ademais disto, María Ferreiro tamén denuncia “os recortes nos servizos rurais, xa de por si moi reducidos”. E sinala como exemplos destes recortes a supresión de áreas sanitarias eminentemente rurais como a de Monforte, A Mariña, Salnés ou Valdeorras; ou que só existan xulgados de violencia machista en Vigo e A Coruña.

Por todo isto”, conclúe a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, “e porque a violencia machista procede dun sistema patriarcal avalado polo propio sistema económico vixente, é preciso seguir organizándonos, seguir camiñando xuntas para poder rachar con esta desiguladade que nos afecta no noso día a día”. Nese espírito, precisamente, habería que encadrar a xornada que se celebrará mañá en Tabeirós.

Xornada violencias machistas