A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Concello de Muras aproba a redución do IBI ás granxas pero concede só tres días de prazo para solicitala

O Concello de Muras aproba a redución do IBI ás granxas pero concede só tres días de prazo para solicitala

27 de Decembro do 2017

IBI

O Sindicato Labrego Galego quere avisar a toda a veciñanza do rural de Muras que o concello vén de abrir o prazo de solicitude para pedir a redución do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás granxas. Isto acontece despois de que, a finais de 2016, o pleno aprobase inicialmente a ordenanza que o permite; e esta fose aprobada definitivamente e publicada no BOP de Lugo onte, 26 de decembro. Dado que a aplicación da redución do IBI comezaría a ser efectiva dende o 1 de xaneiro de 2018, as persoas que queiran solicitar esta bonificación terán que facelo nos tres días hábiles que lle quedan ao ano 2017: 27, 28 e 29 de decembro. Cando leas isto, só quedarán dous días.

Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos positivamente esta redución do IBI, habida conta que responde a unha petición desta organización agraria realizada en 2015. A intención da nosa petición era que, a través desta bonificación no IBI, minguase o forte impacto da regularización catastral na economía das familias labregas de Muras. Dende ese ano, o SLG levou a cabo unha intensa campaña informativa, con xuntanzas veciñais e contactos cos e coas representantes dos partidos políticos, que culmina coa publicación do BOP da ordenanza devandita.

Sendo como é positiva esta bonificación no IBI, consideramos tamén un despropósito que se publique no BOP do 26 de decembro, sen ningunha publicidade nin aviso institucional para promover a medida, e con tan só tres días de prazo para realizar todos os trámites necesarios.

Polo demais, dende o SLG queremos recordar que, despois de ter rematado o procedemento de regularización catastral en practicamente todos os concellos, na maioría non se teñen aprobado bonificacións para construccións agrarias. Por este motivo, dende o SLG facemos un novo chamamento a todos os concellos da Terra Chá para que sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural, e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas.

No caso de Muras, animamos á veciñanza a pasar polo concello para solicitar a bonificación no IBI, ao tempo que poñemos as nosas oficinas na Terra Chá á súa disposición para informar ou tramitar estas bonificacións.