A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego organiza en Arzúa unha Xornada de saberes ao redor da sabedoría ancestral das labregas

O Sindicato Labrego organiza en Arzúa unha Xornada de saberes ao redor da sabedoría ancestral das labregas

30 de Xaneiro do 2018

Februa

O Sindicato Labrego Galego organiza este 1 de febreiro, no local social de Pantiñobre (Arzúa), unha Xornada de saberes dirixida a mulleres. Nela, as participantes realizarán ao longo de todo o día un intercambio de coñecementos sobre os saberes ancestrais das mulleres labregas.

Así, pola mañá, as mulleres presentes falarán dos saberes e coñecementos que teñen en torno a catro elementos fundamentais na cultura rural: a lúa, os santos, o calendario e o mal de ollo. Tras un xantar en común, pola tarde haberá un obradoiro sobre herbas medicinais impartido por María Bagaria, de Erva Meira (http://ervameira.blogspot.com.es/), no que ademais de compartir entre todas os diversos coñecementos que cada unha teña sobre as herbas e os seus usos, ensinarase a elaborar un bálsamo medicinal a partir dun aceite esencial.

O momento escollido para a celebración destas xornadas non é casual. Dende antigo, o principio de febreiro é a época de inicio das actividades do campo en case que todas as culturas. Esta data marca no calendario a planificación dos traballos das labregas.

É coñecida a celebración da Virxe da Candelaria en todo o país o 2 de febreiro. O curioso do caso é que esta devoción, que vén da cristianización da tradición romana, celébrase alén das nosas fronteiras: as calendas de febreiro (de febrearius, mes dedicado á deusa Februa). Crese que a orixe do nome deriva de febrau ou februale, termo co que a civilización romana designaba certos sacrificios e cerimonias relixiosas de purificación. Os antigos encamiñábanse cara á celebración das Lupercais, poñíanse baixo a protección de Neptuno e representábase por unha “muller vestida de azul que entre as súas mans suxeitaba un ave acuática e sostiña na súa cabeza un depósito do que saía abundante auga”, simbolizando as frecuentes choivas que se dan este mes.

Na xornada falaremos disto, ademais da lenda de Yamanjá, de orixe africana, que se celebra na outra beira do Atlántico o mesmo 2 de febreiro.

O que nos interesa contextualizar é como a celebración dunha festa cristiá coincide, unha vez máis, cos tempos dos calendarios agrícolas que, de novo, non deixa de ser a celebración da luz.

Xornada saberes