A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O XIII Encontro de Mulleres do SLG céntrase no papel fundamental das labregas como produtoras de alimentos

O XIII Encontro de Mulleres do SLG céntrase no papel fundamental das labregas como produtoras de alimentos

14 de Marzo do 2018

Maria Ferreiro e Sonia Vidal

O Sindicato Labrego Galego presentou, o 13 de marzo en Ourense, o XIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres, que este ano se celebrará entre os concellos ourensáns de San Xoán de Río, Parada de Sil e Castro Caldelas o 17 e o 18 de marzo baixo o lema “As mulleres alimentamos o mundo: Soberanía Alimentaria e feminismo”.  Na presentación participaron a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro Santos; e a gandeira de Xunqueira de Ambía e integrante da Executiva da organización agraria, Sonia Vidal Lamas.

Tal e como indica o lema, a décimo terceira edición do Encontro da Secretaría das Mulleres virará ao redor do papel indispensable das mulleres como produtoras de alimentos. Non en van, segundo datos achegados pola ONU, as mulleres producen entre o 60% e o 80% dos alimentos no meirande dos países en vías de desenvolvemento e constitúen o 43% da forza agrícola laboral nestes mesmos países. Neste senso, a propia ONU recoñece que as mulleres son o piar básico da agricultura familiar, de onde sae o 70% dos alimentos producidos no mundo.

As mulleres só posúen o 24% da terra agraria na Galiza e non pasan do 2% a nivel global

Porén, as mulleres non teñen o mesmo acceso cós homes a terras, maquinaria agrícola ou insumos para facer o seu traballo. A nivel mundial, as mulleres só dispoñemos de entre o 1% e o 2% da terra. Na nosa historia, até hai ben pouco, sempre foi regra que os homes herdasen a terra a través de figuras coma o primoxénito ou o herdeiro que levaba a mellora, tradicións discriminatorias que impediron o acceso das mulleres á propiedade da terra que traballaban. Na Galiza, as mulleres somos titulares dun 24% da terra, mentres que o 76% restante está nas mans de homes, segundo os últimos datos publicados no Censo de 2009.

Tras seis anos de Lei de Titularidade compartida, só houbo 17 altas na Galiza

En cuestión de dereitos laborais, as mulleres labregas tampouco poden dicir que se avanzase moito. Segundo denunciou na rolda de prensa María Ferreiro, “a pesares de que temos unha Lei de Titularidade compartida nas explotacións dende o ano 2011, a día de hoxe só se deron de alta como titulares 17 mulleres na Galiza, a pesares de que as estimacións apuntan a que hai unhas 35.000 que se poderían beneficiar desta medida. E na Seguridade Social do agro, mentres que os homes cotizan unha media de 37 ou 38 anos e poden xubilarse co 100% da pensión, a media nas labregas é de 20 anos cotizados ao final da súa vida laboral, polo que as súas pensións son moi inferiores ás dos homes”.

María Ferreiro tamén apostou pola soberanía alimentaria como vía para o empoderamento das mulleres labregas, un concepto defendido pola Vía Campesina en todo o mundo que defende o dereito dos pobos a decidir o seu sistema e produción alimentaria e a ter acceso a alimentos nutritivos e culturalmente axeitados, accesibles, producidos de xeito sostible e ecolóxico.

O foco do encontro: mulleres líderes de proxectos agroecolóxicos

Con estes vimbios desenvolverase un programa que foi debullado por Sonia Vidal Lamas na rolda de prensa e que comezará o sábado pola mañá cun debate no castelo de Castro Caldelas sobre feminismo e agroecoloxía. Xa pola tarde, as participantes viaxarán até Parada do Sil para visitar a adega Ronsel do Sil, rexentada por María Yravedra que, ademais de viticultora e arquitecta, é a primeira muller que forma parte do consello regulador da Ribeira Sacra.

O domingo, sen perder o fío temático deste encontro, haberá numerosas mesas redondas e debates no castelo de Castro Caldelas nas que participarán mulleres que lideran proxectos agroecolóxicos como Mimá (horta en Allariz), Amarelante (castaña e derivados en Manzaneda) ou A Cernada (leite pasteurizado e iogures ecolóxicos en Palas de Rei).

XIII Encontro Mulleres SLG