A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. "Resiliencia fronte a cambio climático", por Belén Fervenza, responsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do SLG

"Resiliencia fronte a cambio climático", por Belén Fervenza, responsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do SLG

21 de Marzo do 2018

Resiliencia

O ano que se foi, o 2017, ofreceunos unha cara nunca antes vista, cara que probablemente acabará sendo coñecida, por frecuente, para todas nós nun futuro non moi afastado. Será lembrado, polo de agora, coma o ano da seca e os lumes forestais. En moitos lugares de Galicia tivemos que sortear situacións até o de agora, inusuais. A falla de auga, xunto coas altas temperaturas, provocaron que a horta de inverno non puidese estar lista nas épocas que normalmente se fai, coas consecuencias que isto ten na economía e viabilidade dos nosos proxectos.

En xeral, todo o sector primario depende moitísimo das condicións climáticas, condicións que non podemos modificar para obter mellores resultados. A nosa supervivencia e día a día pasan pola capacidade de adaptación que os nosos cultivos teñen. A nosa capacidade de resposta non é inmediata polo que, moitas veces, a falla doutro tipo de políticas que apoien a este sector, está nas nosas mans, na das labregas, na nosa práctica de traballo e no manexo que da terra e dos cultivos fagamos.

En Galicia, maioritariamente predominan solos de compoñente areosa, incapaces de reter auga por si solos, condición que se trata de solucionar co aporte de materia orgánica á terra, o que fai que teñamos solos fértiles e aptos para a horta. Mais, en xeral, as nosas prácticas e o tipo de cultivos que empregamos son altamente dependentes da auga e, nalgúns casos, moi demandantes no uso deste recurso.

Co cambio climático pisándonos os talóns, debemos ser capaces de artellar respostas colectivas ás novas situacións que imos ter que afrontar: mellorar a capacidade de retención e almacenaxe de auga no solo, a perda de fertilidade, a erosión e contaminación do solo, a contaminación da auga , a presión sobre o nivel freático (cada vez maior), a busca de variedades adaptadas ás novas condicións climáticas, a falla de cultura labrega e de manexo, etc.

Precisamos ampliar a nosa visión sobre o noso traballo, ser conscientes do tipo de prácticas que facemos cando poñemos o foco na produtividade e non na mellora da fertilidade, porque deste novo enfoque dependerá o futuro deste sector.

Debemos loitar co día a día de sobrevivir nun modelo económico que non dá prioridade ao valor da terra e ao coidado dos seus recursos, nin das persoas que así o fan.

As nosas prácticas deberían ir enfocadas cara ao novo escenario que se nos presenta. Temos que ser capaces de captar e fixar CO2, de reter auga no solo e mellorar a resposta do mesmo fronte ao cambio climático, co noso facer.

Hai un termo que resume este tipo de prácticas: resiliencia.

Hai varias definicións que resumen este concepto:

  • Os solos posúen unha capacidade inherente para restaurar o seus sistemas de sustento da vida, sempre que a perturbación causada, especialmente polas actividades humanas, non sexa moi drástica e teñamos tempo suficiente para que os sistemas se recuperen. Esta capacidade intrínseca do solo para rexenerar a súa produtividade chámase “resiliencia”
  • A capacidade dun ecosistema de aguantar choques externos e reorganizarse mentres muda, para poder reter esencialmente a mesma función, estrutura, identidade e mecanismos de retroalimentación.

Estas definicións que poden parecer complexas de entender, pretenden explicar a capacidade que teñen os solos para rexenerarse e volver a unha situación de “produtividade”tras un cambio moi forte.

Mais nesa capacidade de volver ser o que era e de adaptación, nós somos unha peza fundamental, xa que o noso manexo da terra fará esta resposta mais rápida ou non.

Se dalgún xeito queremos seguir producindo alimentos para a nosa sociedade e mudar un modelo económico que dá prioridade a outros sectores fronte ao noso, e segue afondando nas causas do cambio climático, debemos aprender desta situación e poñer máis que nunca sobre a mesa os nosos argumentos.

Este mundo precisa máis que nunca de labregas na terra, do noso saber facer e das nosas prácticas respectuosas baseadas na observación e respecto polos ritmos e a vida.

A importancia de trasladar os nosos argumentos, facernos escoitar e dar a coñecer as nosas preocupacións, é fundamental para a vida neste planeta.

Porque nós somos os primeiros e as primeiras en ser conscientes dos cambios, en observalos por estar en contacto coa terra, e ninguén mellor que nós para entender o que se nos vén enriba...