A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia no Parlamento problemas que fan inviable a gandería na Galiza ante os que a Xunta non actúa

O SLG denuncia no Parlamento problemas que fan inviable a gandería na Galiza ante os que a Xunta non actúa

28 de Marzo do 2018

SLG BNG

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por representantes da Dirección do Leite do SLG (Manuel Villaverde, Eliseo Cebreiro e Sandra Cancelada) e pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, mantiveron, o 28 de marzo, encontros con representantes dos grupos parlamentarios de BNG (Xosé Luís Rivas Cruz), En Marea (Luís Villares e Davide Rodríguez) e PSOE (José Manuel Pérez e José Antonio Quiroga).

O motivo destas reunións foi o de tratar catro das principais ameazas e lastres que teñen os nosos sectores agrogandeiros para ser rendibles e que, diante do deterioro sufrido nos últimos meses, ameazan cunha crise de consecuencias imprevisibles: os baixos prezos no sector lácteo, o decreto de prohibición do esparexemento de xurros, o difícil acceso á terra e os danos da fauna salvaxe. Aínda que o SLG tamén pediu manter un encontro co grupo parlamentario do PP, a día de hoxe non recibiu resposta.

Comisión de investigación parlamentaria para os prezos do leite

Nos prezos do leite, o SLG alertou aos deputados e deputadas da situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan as nosas granxas de cara á vindeira campaña, con prezos medios dos máis baixos de Europa que xa comezaron a amosar síntomas de novas baixadas cando apenas comezaron a subir. Oficialmente, o prezo medio da Galiza xa caeu medio céntimo de decembro de 2017 (0'322) a xaneiro de 2018 (0'317); máis alá damedia, o meirande das granxas galegas cobran prezos inferiores, normalmente por baixo dos 30 céntimos. Neste senso, cómpre lembrar que as granxas galegas non se beneficiaron das subas xeneralizadas que houbo en toda Europa en 2017. Así, a nova campaña que comeza o 1 de abril e na que se asinarán novos contratos, vén co anuncio dalgunhas industrias de que van baixar os prezos (ver bit.ly/SLGcelega) e mesmo con subas en insumos coma os pensos.

Respecto á posibilidade de negociar un prezo digno, dende o SLG denunciouse que os prezos e condicións veñen impostos polas industrias, que as OPLs que se supón que cobran subvencións para negocialos non serven para nada, e que os foros de diálogo que existían no pasado -como a Mesa do Leite- están completamente desmantelados. Do famoso Plan Estratéxico do Sector Lácteo anunciado en 2015, non se sabe nada del nin se lle agarda.

Diante da pasividade da Consellaría de Medio Rural nestes graves problemas, o SLG pediu a creación dunha comisión de investigación parlamentaria que, coa participación de expertos, estude se as industrias lácteas fan prácticas ilegais pactando prezos á baixa e explique por que unha mesma empresa paga menos en Galiza que en comunidades veciñas por un leite de igual calidade e que despois se vende no mesmo brick e baixo a mesma marca. Ademais, tamén se lles pediu aos grupos da oposición que propoñan a restauración de foros como a Mesa do Leite e que ás industrias que se beneficien de subvencións se lles esixan nas bases das subvencións prezos dignos e boas prácticas mercantís coas granxas e se fagan auditorías para garantilo.

Fronte común para anular a prohibición de esparexer xurros

Outro dos temas que o SLG tratou con BNG, PSOE e En Marea foi o decreto que prohibe esparexer xurros. Trátase dunha obriga inxusta, arbitraria, inútil e, polo tanto, innecesaria, que pasará unha factura millonaria ao noso sector lácteo e ao erario público. Aínda que a escusa para impoñer esta norma é diminuír as emisións de gases contaminantes como o amoníaco, esta contaminación é producida, maioritariamente en España, pola industria dos fertilizantes e pola cría intensiva de aves e porcos. Voces autorizadas, coma o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, defenden que boas prácticas como esparexer os xurros con prato invertido e despois pasar unha grade de discos tería os mesmos efectos á hora de reducir as emisións que inxectalos na terra tal e como obriga o decreto. Polo tanto, os inxectores de xurro non solucionan nada, non son necesarios e, por se non abondase, non son aptos para traballar na Galiza. Diante disto, dende o SLG pedíuselle aos grupos políticos que sumen forzas para deter esta normativa disparatada que pode saírlle moi cara ao noso sector lácteo e ás arcas públicas.

Definir quen é responsable de facer que se cumpra a lei nas forestacións de terras agrarias

O SLG denunciou diante de BNG, PSOE e En Marea que a Xunta segue consentindo as forestacións ilegais de terras agrarias con total impunidade. A pesares da crise dos incendios de outubro de 2017, na que as caóticas e case sempre ilegais forestacións con eucalipto e piñeiro propiciaron a morte de catro persoas e incontables danos materiais, a día de hoxe a lei segue a vulnerarse e cadaquén planta o que quere onde lle peta sen que o delito sexa perseguido. Sobre as plantacións ilegais existentes, tampouco se fixo acción algunha dende a Xunta. É obvio que precisamos un Goberno que faga cumprir a lei á hora de ordenar o territorio, que protexa o solo agrario para producir alimentos e que desenvolva unha política forestal racional; e iso comeza por que a Consellaría de Medio Rural ordene que os axentes que deben facer cumprir a lei -gardas forestais e concellos- actúen de oficio diante de calquera vulneración da norma que detecten.

Informe xurídico para dilucidar se a Xunta é responsábel civil dos danos da fauna salvaxe

Finalmente, o SLG denunciou diante dos grupos parlamentarios da oposición a problemática en aumento dos ataques da fauna salvaxe. Lonxe de crear un sistema de compensacións que posibilite a conservación da vida salvaxe e o desenvolvemento da actividade das nosas granxas, a Xunta está a desmantelar as deficientes e cativas axudas que tiñamos ao respecto. O síntoma máis evidente disto é que, en 2017, non se convocaron as axudas para paliar os danos do xabaril. Nas que si se convocaron, seguen a padecerse as mesmas eivas: contías insuficientes que non cobren nin de lonxe os danos, prazos imposibles para xustificar os gastos, ou demoras de dous anos en cobrar a axuda. Isto fai que moitas granxas atacadas non pasen o traballo e a burocracia que supón denunciar e que a actividade gandeira comece a ser inviable en amplas zonas do noso territorio. A maiores, dende o SLG explicóuselles aos grupos parlamentarios que existe xurisprudencia de Castela e León que di que a administración competente é a responsable civil subsidiaria dos danos da fauna salvaxe. Neste senso, pedíuselles respecto desta cuestión a elaboración dun informe xurídico que dilucide se é a Xunta de Galicia a responsábel civil dos danos da fauna salvaxe e, en caso de selo, que se actúe en consecuencia indemnizando directamente os estragos sen necesidade de solicitar axudas.

Tras esta xuntanza, dende o Sindicato Labrego Galego agardamos poder reunirnos tamén co Partido Popular de Galicia para poder expoñerlle unhas problemáticas que, combinadas, poden resultar catastróficas e provocar fortes crises nalgún dos principais sectores agrogandeiros do noso país, como o lácteo ou o da carne de vacún; e fronte ás cales, nin a Consellaría de Medio Rural nin a Xunta están a tomar ningún tipo de medida nin a activar plan algún para enfrontalas.

slg bngslg en mareaslg psoe