A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 17 de abril: Liberemos aos labregos e ás labregas de tratados de libre comercio como Mercosur, CETA ou TTIP!

17 de abril: Liberemos aos labregos e ás labregas de tratados de libre comercio como Mercosur, CETA ou TTIP!

5 de Abril do 2018

17 de abril

O 17 de abril de 1996, 19 labregos Sem Terra foron asasinados a tiros por unha milicia privada en Eldorado dos Carajás, Estado de Pará, Brasil. O seu crime: a ocupación de terras en barbeito propiedade dun rico terratenente. Este asasinato impune ficou na memoria das organizacións agrarias da Vía Campesina cuxa data foi designada como Día Mundial das Loitas Labregas.

As violacións dos dereitos fundamentais dos labregos e das labregas que, por desgracia, acontecen a diario, medran agora polos tratados de libre comercio (TLC) que están, exclusivamente, ao servizo das multinancionais.

Trátase de acordos comarciais asentados e acadados por grandes investidores privados que, coa axuda de tribunais privados de arbitraxe, pasan por riba das normas e as leis dos estados, apoderándose das terras, sementes, auga, bosques, recursos mineiros, materias primas agrícolas e mesmo dos coñecementos labregos, desatando unha carreira desenfreada cara á mingua das súas rendas.

O TLC que se está a negociar actualmente entre a Unión Europea e Mercosur é un exemplo disto. En nome dunha ilusoria “competencia libre e non distorsionada”, este TLC quere impoñer a importación de enorme cantidades de produtos libres de impostos, como 100.000 toneladas de carne de vacún e 90.000 toneladas de aves de curral, entre outros. Un golpe fatal para nós, labregos e labregas que vivimos unha situación de crise. Pero este acordo tamén xeneraliza o dumping social e ambiental: a expansión da agroindustria en detrimento das comunidades labregas, maior deforestación, monocultivos, consolidación dos transxénicos e impactos nociovs nos dereitos labregos.

Este acordo, do mesmo xeito que o CETA ou o TTIP e outros TLC negociados pola UE, tamén pon en perigo aos consumidores e consumidoras ao atacar o principio de precaución e barreiras non arancelarias como as normas de seguridade sanitaria dos alimentos, cuxo recoñecemento é froito de longos anos de loitas da cidadanía.

Os labregos e as labregas do mundo somos as primeiras vítimas das políticas de libre comercio e sentímonos como unha moeda de cambio ou unha simple variable nas negociacións en curso. A través de La Vía Campesina, denunciamos unha carreira frenética por producir máis ao menor custe. Europa, incapaz de reformar profundamente unha política agraria común, inxusta e ilexítima; incapaz tamén de garantir unha renda aos traballadores e ás traballadoras da terra; ou de preservar o medio ambiente e o clima; pretende resolver estes retos mediante a exportación. Xa é hora de denunciar esta fraude e apostar pola soberanía alimentaria.

Liberemos aos labregos e labregas do libre comercio!

Gandeiros e gandeiras! Labregos e labregas! Cidandáns e cidadás! Unámonos en Bruxelas o 17 de abril contra o acordo da Unión Europea con Mercosur e contra outros acordos tóxicos!

Cartaz 17 de abril