A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Dirección de Vacún de Carne do SLG prepara unha campaña para traballar na dignificación do sector

A Dirección de Vacún de Carne do SLG prepara unha campaña para traballar na dignificación do sector

14 de Maio do 2018

Vacún de carne SLG

O pasado 19 de abril, o grupo de traballo da Dirección da Carne mantiña unha xuntanza en Compostela na que un dos principais temas trabados foi o deseño dunha campaña para poñer este sector no centro da axenda do Sindicato Labrego Galego.

Os eixes fundamentais desta campaña serán tres:

  1. Mostrar á cidadanía a importancia socioeconómica do sector da carne de vacún na Galiza para traballar na dignificación social do mesmo.
  2. Denunciar a difícil situación pola que atravesa o sector, con baixos prezos, dificultade para comercializar as producións ou os ataques permanentes da fauna salvaxe. A maiores, tamén se poñerá o punto de atención noutras problemáticas relacionadas coa organización territorial na Galiza que afectan estas producións, como a perda progresiva de superficie agraria útil e, en consecuencia, as dificultades para traballar en extensivo.
  3. Tamén se reclamará que as axudas públicas se utilicen para potenciar o sector e non para beneficiar a baixada de prezos ou os modelos de produción intensiva. Precisamente, as axudas deberían favorecer a extensificación e a conservación do medio natural.

A voltas coa fauna salvaxe

Un dos problemas nos que máis se afondou, pola súa gravidade, foi o da fauna salvaxe. Dende o grupo de trabalo da Dirección da Carne seguirase traballando na liña xa exposta diante dos grupos parlamentarios da oposición en Galiza na xuntanza mantida con eles o 28 de marzo: esixir que a Xunta sexa a responsábel civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe e, en consecuencia, indemnice directamente calquera denuncia de ataque unha vez certificados os danos. Outra fronte de traballo ao respecto é a de obrigar aos tecores que cumpran coas súas obrigas como xestores da fauna salvaxe.

Axenda de traballo ateigada para 2018

Como tarefas concretas no sector do vacún de carne para desenvolver o devandito, o grupo de traballo marcou as seguintes tarefas na súa axenda:

  • Elaborar un informe propio do sector que recolla as súas principais problemáticas e a importancia económica e social do mesmo.
  • Elaborar unha carta de demandas, tanto inmediatas (fauna salvaxe, prezos, etc.) como a longo prazo.
  • Traballar estes documentos e informes directamente coa afiliación en asembleas comarcais.
  • Levar a campaña ás redes sociais e difundir socialmente estas problemáticas para obter máis apoios e repercusión.
  • Elevar mocións á Xunta con todas estes problemas a través dos concellos.

Outros temas tratados na xuntanza do grupo de traballo da Dirección da Carne foi o da necesidade de aumentar a frecuencia das xuntanzas deste órgano do SLG un mínimo de catro veces ao ano. Ademais, vaise estudar a posibilidade de organizar unha viaxe formativa no sector da carne de vacún no vindeiro outono para visitar granxas e proxectos en comunidades como Asturias ou Cantabria.

Grupo de traballo da carne Imaxe de arquivo do grupo de traballo do sector do Vacún de Carne no marco do congreso sectorial que se celebrou o 11 de febreiro de 2017 en Guitiriz