A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A praga da couza guatemalteca váiselle das mans a Medio Rural, chega a Muxía e ameaza a produción de Bergantiños

A praga da couza guatemalteca váiselle das mans a Medio Rural, chega a Muxía e ameaza a produción de Bergantiños

23 de Maio do 2018

Mapa couza Galiza

O 26 de marzo, o DOG publicaba unha resolución pola que se declaraba o Concello de Muxía como zona infestada pola couza guatemalteca, praga que afecta aos cultivos de pataca. Iso implica que en Muxía se implantarán as medidas que se aplicaron en 31 concellos da Mariña e Ferrolterra, entre as que se inclúen a prohibición de botar pataca e de comercializala. A maiores de Muxía, os concellos limítrofes terán que adoptar restricións e obrigas no cultivo da pataca como concellos tampón, ademais de informar á Xunta á hora de plantar.

Os concellos tampón son Fisterra, Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas. Parece ser que a Consellaría de Medio Rural detectou a presenza de Tecia solanivoraen tres plantacións de autoconsumo. Desta maneira, Muxía convértese no primeiro concello afectado fóra dos que xa o estaban no norte da Coruña e Lugo; e fracasa o plan de contención da praga, tal e como vaticionou o Sindicato Labrego Galego (ver artigo Cos sistemas de sanidade vexetal actuais, a couza guatemalteca vén para quedar, de Anxo Pérez Rúa, na páxina 3 do Fouce 315), e tal como teñen criticado organismos oficiais como a propia Comisión Europea. No caso de Muxía, aparte da afectación directa dos concellos da Costa da Morte, preocupa a cercanía da segunda zona produtora de pataca de Galiza: Bergantiños. Esta comarca tivo 1.153 hectáreas dedicadas ao cultivo en 2015, só por detrás da Limia.

Mapa couza galiza Preocupación na veciñanza polo escurantismo e falta de medidas efectivas da Xunta

A coordinadora comarcal do SLG na Costa da Morte, Marieta Pastoriza, asistiu a unha xuntanza informativa de Medio Rural en Fisterra o pasado 5 de abril. Tamén houbo charlas semellantes noutros concellos afectados da Costa da Morte. Ese día constatamos o fondo malestar que existe entre a veciñanza, con moitas familias que se negan a levantar os cultivos. Polo que nos explicou a xente afectada, existe a sospeita de que a Xunta oculta información, xa que estraña que a praga se estendese da Mariña a Muxía sen tocar a maior comarca pataqueira do norte de Galiza que queda no medio: Bergantiños. Tamén escoitamos críticas sobre a colocación das trampas de feromonas, con ubicacións impostas dende a Consellaría moi lonxe das leiras. Respecto da xuntanza informativa, houbo perlas do persoal técnico da Xunta como que a couza guatemalteca era “un tema de moda”, ou que a praga comezou en 2015 cando os primeiros casos denunciáronse xa en 2014.

Polo que se informou, as accións da Xunta para erradicar a praga, a maiores das obrigas e prohibicións impostas á veciñanza, limítanse a facer charlas, repartir trípticos e poñer trampas en ubicacións máis que cuestionables para facer estudos. Algo totalmente insuficiente e ineficaz, como proba a expansión da couza. Aínda que a nosa coordinadora comarcal fixo moitas preguntas na xuntanza -como cales eran os controis sobre a pataca de importación, por que non se facilitan datos do avance da praga, se existe a certeza de que o trampeo con feromonas está a ser efectivo, se existe un plan propio para a zona ou se a Xunta ía compensar o lucro cesante- o persoal técnico da Xunta respondeu con evasivas. Tamén denunciamos nesta xuntanza o feito de que o SLG solicitara unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para tratar este tema dende o 14 de xullo, xuntanza que se acabaría mantendo coa conselleira o 27 de abril (ver páxina 5 do Fouce 319).

Testemuñas denuncian a ausencia de controis á pataca que entra polos portos

O máis interesante da xuntanza de Cee foi, ademais de compartir o malestar e indignación da veciñanza, poder escoitar testemuñas que evidencian que a loita da Xunta contra a couza guatemalteca é un auténtico desastre e que, de seguirmos así, expandirase sen remedio por toda a xeografía galega. Unha desas testemuñas foi a dun veciño da zona que traballa no servizo de aduanas. Explicounos que apenas existen controis do que vén de fóra, e que el mesmo ten visto entrar cargamentos de pataca do estranxeiro sen que se lles faga o máis mínimo control sanitario. Datos como este indican que a Xunta non está a realizar un control eficiente da praga, nin á hora de estudala nin á hora de evitar a súa expansión.

Aberto o prazo para pedir as axudas de compensación

En canto ás axudas para compensar as perdas polas medidas sanitarias aplicadas, publicáronse as bases no Diario Oficial de Galicia do 4 de maio e poderán solicitarse até o 1 de outubro. En resume, as axudas consistirán en:

  • Pataca de semente. Pola non utilización de pataca de semente certificada establécese un pago máximo de 0,70 euros por quilo.
  • Pataca de consumo producida na explotación: 0,30 euros por quilo.
  • Plantacións establecidas en zonas infestadas: 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

Para almacéns comercializadores:

  • Pataca de semente: o baremo a ter en conta é a factura de venda do proveedor da pataca.
  • Pataca de consumo, como consecuencia da detección de lotes contaminados. Establécese como baremo o prezo de adquisición.