A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. I Encontro LGTBIQ da ECVC: Construíndo espazos para a diversidade sexual e de xénero no sindicalismo agrario

I Encontro LGTBIQ da ECVC: Construíndo espazos para a diversidade sexual e de xénero no sindicalismo agrario

17 de Novembro do 2018

LGTBIQ ECVC

A Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) celebrou en Compostela, entre o 15 e o 17 de novembro, o I Encontro LGTBIQ. A el asistiron representantes de diversas organizacións agrarias europeas que forman parte da ECVC, de países coma Euskal Herria, Andalucía, Alemaña, Austria, Noruega, Bélxica ou Gran Bretaña, ademais da propia anfitrioa: o Sindicato Labrego Galego.

Moitas veces as nosas axendas reivindicativas e de loitas están moi orientadas ao mundo exterior e, grazas a elas, logramos cambios e conquistas importantes para a sociedade. Pero, moitas veces, esquecémonos de ollar cara ao interior: cara o interior das organizacións e cara ao interior das persoas. E a nosa reflexión é que é fundamental mirar ás persoas tamén, non coma seres illados e individualistas, tal e como pretende o sistema capitalista, senón como pezas fundamentais e esenciais para a construción do noso movemento coma un todo. Desde este punto de vista, precisamos tratar cuestións coma os afectos, as emocións ou a sexualidade para, como movemento feminista e antipatriarcal que somos, abranguer tamén tódalas diversidades dos suxeitos políticos que formamos parte da Vía Campesina”. Con estas palabras, enmarcaba o encontro Paula Gioia, membro do Comité Coordinador da ECVC.

Afondando nos motivos desta xuntanza de traballo, Paula Gioia engadiu que “un dos obxectivos principais deste encontro é a creación, dentro da ECVC, dun espazo para as persoas LGTBIQ para dialogar e intercambiar a partir da nosa realidade común”.

Precisamente, sobre esa creación de espazos para integrar e transversalizar a diversidade sexual e de xénero nas organizacións agrarias da ECVC, tamén falou Ángel Amaro, activista LGTBIQ galego, para quen “máis alá de que fiquemos acoutadas na loita verde, vermella ou lila; precisamos atopar outro tipo de metodoloxías que nos integre a todas, a todos e a todxs”.

01 LGTBIQ ECVC“Para o SLG, os dereitos das mulleres ou das persoas LGTBIQ teñen tanta importancia ca outras loitas como reivindicar uns prezos dignos”

Na rolda de prensa de presentación do I Encontro LGTBIQ da ECVC tamén falou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, quen argumentou a importancia de defender a diversidade sexual como unha cuestión fundamental para o SLG: “Nos seus 45 anos de historia, o Sindicato Labrego Galego comprometeuse con diversas causas ligadas ao territorio e á profesión labrega: dende a defensa da terra nas Encrobas á loita polo dereito a producir do noso sector lácteo trala entrada na CEE. Moitas destas loitas naceron da aspiración das persoas de poder vivir dignamente do traballo labrego nun entorno que non fose hostil. Moi axiña, as mulleres tiveron necesidade de ter unha axenda reivindicativa propia e, de aí, xurdiu a Secretaría das Mulleres do SLG hai case trinta anos. Grazas a loitas como a feminista, vimos que non só o sistema económico oprimía aos labregos e labregas, senón que existían, a maiores, outras estruturas opresoras como heteropatriarcado. Por iso, os dereitos das mulleres ou das persoas LGTBIQ para nós teñen tanta importancia ca outras loitas como reivindicar uns prezos dignos xa que, dunha maneira ou outra, con cada unha delas estamos a defender a vida e a dignidade das persoas”.

Ademais do traballo interno, houbo tres debates abertos ao público e á sociedade galega: “Neofascismo e capitalismo rosa: Como desmontar o pinkwashing?”, con Daniela Ferrández (Transamizando) e Ángel Amaro (activista LGTBIQ); “Encontros e desencontros entre o movemento LGBTIQ e o movimiento feminista”, con Ximena González (Marcha Mundial das Mulleres); e “Historia do movemento LGBTIQ e retos de futuro para unha axenda da sexodiversidade transformadora”, con Laura Bugalho (activista LGTBIQ, transfeminista e a prol das persoas migrantes). A participación de todas estas activistas posibilitou un rico intrecambio de ideas entre a ECVC e o movemento LGTBIQ.

02 LGTBIQ ECVC