A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Alarma no sector de vacún na Galiza por positivos de tuberculose en granxas sen problemas sanitarios

Alarma no sector de vacún na Galiza por positivos de tuberculose en granxas sen problemas sanitarios

23 de Novembro do 2018

Cutímetro

Nos últimos tempos, na Galiza estamos asistindo á aparición de positivos por tuberculose en granxas que tiñan unha cualificación sanitaria óptima e que, dende hai anos, non introduciran animais de fóra. Isto, fixo que o Sindicato Labrego transmitise a súa preocupación aos servizos de Sanidade Animal e, ao pouco, organizase en Vilalba unha palestra informativa, a comezos de outono, na que participou Xosé Fraga Martínez, xefe de área do Servizo de Gandería na Terra Chá.

Esta xornada serviu para aclarar moitos aspectos. Datos como que Galiza está considerada como zona indemne de brucelose e que, de seguir así, en 2020 acadará a mesma cualificación para a tuberculose, demostran que na nosa terra os coidados sanitarios do gando estanse a facer ben. De feito, na Galiza, a prevalencia por tuberculose bovina é das máis baixas do Estado, dun 0'02%, moi lonxe de comunidades como Andalucía (12%) ou Castela A Mancha (10'35%), e só por riba de Baleares e Canarias, polo que non é normal a aparición de tantos positivos en granxas nas que non hai factores obxectivos que os provoquen.

Dende o SLG, temos detectado un amplo malestar nas granxas sobre o xeito de proceder á hora de facer as probas de detección da tuberculose. Ago- ra mesmo, diante dun positivo, non pode haber relectura dos síntomas e só vale a análise feita por Tragsatec. Por iso, e para evitar falsos positivos, dende o SLG demandamos que, antes de tomar a decisión definitiva para declarar animais afectados pola tuberculose, se faga unha nova análise por parte dos servizos veterinarios oficiais para contrastar resultados e evitar malas praxes.

Se declaran Galiza indemne de tuberculose, as inspeccións reduciranse ao 20%

O dato da baixa prevalencia da tuberculose na Galiza é positivo e é o resultado de trinta anos de traballo, dende que en 1987 se impuxo a obrigatoriedade do saneamento gandeiro. Porén, que Galiza sexa declarada zona indemne de tuberculose bovina xera unha nova preocupación, xa que isto implicará unha redución dos controis sanitarios, pasándose de manter inspeccións no 100% da cabana gandeira, a facelo de maneira aleatoria sobre o 20%.

A nosa preocupación vén de que os controis sanitarios teñan unha xestión semi-pública, sendo a Xunta a responsable dos mesmos, pero deixando en mans dunha empresa privada -Tragsatec-, a execución e o traballo de campo das campañas sanitarias. Para o SLG é preocupante que unha empresa privada, que rexe as súas actuacións pola busca de beneficios, vexa reducido nun 80% o seu volume de traballo se Galiza é declarada zona indemne de tuberculose. Por lóxica empresarial, a unha empresa nesta situación beneficiaríalle a aparición de falsos positivos para seguir facendo controis sanitarios ao 100% da cabana gandeira. Por iso, seguimos demandando que o control sanitario gandeiro sexa competencia única e exclusiva da Xunta de Galicia. No SLG preocúpanos que poidan existir intereses alleos ao sector para que a incidencia da tuberculose siga estando a un nivel que obrigue a analizar o 100% da cabana para asegurar uns determinados ingresos e que se poidan chegar a utilizar falsos positivos para conseguilo.