A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O III Foro Labrego de Agreocoloxía no Fouce 322: Proxectos agroecolóxicos coa forza das redes e do colectivo

O III Foro Labrego de Agreocoloxía no Fouce 322: Proxectos agroecolóxicos coa forza das redes e do colectivo

3 de Decembro do 2018

Foro Agroecoloxía

A falta de espazo no Fouce 322 fixo que non puidésemos darlle unha extensión suficiente a varios contidos do III Foro Labrego de Agroecoloxía que foron do máis interesante. Un bo exemplo é o da palestra de proxectos agroecolóxicos celebrada o primeiro día, que convocou catro experiencias do máis diverso co denominador común de seren iniciativas cooperativas ou colectivas. De seguido, compartimos con vós o texto íntegro orixinal que tivemos que resumir para publicar na edición impresa do Fouce.

Foro de Agroecoloxía

MASKILU KONTSERBAK

A conserveira vasca Maskilu foi a primeira delas e xa era coñecida para os mozos e mozas do SLG que participaron na viaxe a Euskadi para coñecer experiencias agroecolóxicas (ver Fouce 219-p.23). Maskilu comezou a funcionar en 2014 grazas a unha concesión de terreos do Concello de Zeberio (Bizkaia). Detrás da iniciativa hai doce socios e socias -persoas produtoras, baserritarras ou con hortas de autoconsumo- que tiveron a necesidade de procesar e transformar os alimentos que producían -froitas, verduras e cogomelos- para darlles saída. A intención de fondo, tíñana clara: “potenciar a agroecoloxía e o local, apostando pola agricultura labrega fronte ao modelo agroindustrial”.

Aínda que poñer en marcha unha conserveira precisaba dun forte investimento, conseguiron algunhas axudas públicas e mesmo realizaron con éxito unha campaña de crowfunding en goteo.org para recadar cartos vía doazóns a través de Internet. Con isto, e unha achega de 1.500 € de cada socio e socia, conseguírono. “Hoxe, Maskilu é unha ferramenta comunitaria para poder dar saída aos nosos produtos. Ademais, tamén ofrecemos o servizo de facer conservas para persoas non socias, de maneira que obtemos uns ingresos necesarios para que a conserveira sexa sostible economicamente”.

É de destacar que a toma de decisións e o funcionamento de Maskilu son de carácter asambleario, aínda que a xestión do día a día recae nun grupo reducido de persoas. En canto á man de obra para elaborar as conservas que se encargan por terceiras persoas, contratan con preferencia a socios e socias e, senón, xente de fóra.

maskilu

DAQUÍ DARREDOR

Pilar García, Dora Vieiro e Carme Freire compartiron con nós a experiencia de Daqui Darredor, grazas á cal puxeron en marcha dous anovadores proxectos: un matadoiro móbil para aves e coellos e unha cociña comunitaria. A iniciativa xurdiu dun grupo de persoas que levan doce anos comercializando as súas producións en común nas comarcas de Compostela, Barbanza, Mahía e Sar. Estas persoas atopáronse con que non podían comercializar carne de animais sacrificados en casa ou produtos transformados como conservas. Así que, co apoio do Concello de Brión en primeira instancia, e tamén de institucións como a Deputación da Coruña ou o GDR Terras de Compostela, desenvolvéronse os proxectos devanditos para dar saída legal a este tipo de producións.

Para a cociña colectiva, rehabilitouse un local dun centro comercial abandonado. No seu deseño, as instalacións orientáronse a facer conservas, zumes e transformados dos excedentes que adoitan ter as granxas da bisbarra, principalmente froita e hortalizas. Tamén se destinou unha sección para facer elaborados en base a masas de fariña como pasta, filloas, etc. Todo este deseño foi decidido en común e de maneira asemblearia.

En canto ao matadoiro móbil, Pilar Vieiro, que é veterinaria, explicounos que “a normativa europea que regula isto é moito máis flexible do que nos din. Non todo é tan complicado ou difícil. Todo é adaptable dentro dunhas normas”. De feito, este matadoiro móbil é unha patente italiana que xa funciona na rexión de Umbría e que cumpre tódalas normas sanitarias esixidas no sector. Ademais, ao ser móbil, evita que haxa que transportar os animais antes do sacrificio, evitando o seu estrés. Con este matadoiro, pódese facer a matanza en cada casa, e que a carne obtida cumpra tódalas esixencias sanitarias e legais para poder comercializarse despois.

Carme Freire

CUME DO AVIA

Álvaro Diéguez Collarte explicou no Foro a experiencia de Cume do Avia, un proxecto vitivinícola do que xa temos falado amplamente en anteriores Fouce (ver nº 252-p.12 e nº 309-p.32). Álvaro centrouse en explicar polo miúdo como foron os comezos desta experiencia, alá polo ano 2005, na que cinco mozos da familia Diéguez Collarte, que viñan do asociacionismo xuvenil, decidiron resucitar a aldea viñateira de Eira dos Mouros, na parroquia de Santo André de Camporredondo. Ningún deles tiña experiencia profesional no sector, pero quixeron aproveitar a concentración parcelaria feita na zona para iniciar un proxecto co que “recuperar os coñecementos e formas tradicionais de traballo co viño da xente que viviu antes aquí seguindo un modelo ecolóxico”.

Tras uns inicios de loucura, nos que tiveron que negociar con 150 propietarios para conseguir as terras, nos que investiron en maquinaria pesada de segunda man sen ter nin idea de utilizala, e mesmo deixaron postos de traballo moito máis cómodos como algunha praza de profesor de música, comezaron a súa andaina. Inicios duros nos que tiveron que aprender a manexar as máquinas e traballar para terceiros de cara a ter ingresos até que as vides comezasen a producir. Mesmo fixeron obra civil, mentres ían vendendo as primeiras anadas de uva. Iso foi até que, nunha vendima, lles baixaron o prezo habitual de 1'50 € a 1 €. “Estabamos afogados, pero por orgullo decidimos que non vendiamos a uva. Nese intre, demos o paso de elaborar viño, con tan boa sorte que se nos abriu unha grande saída de mercado ao ano seguinte, en 2013”. Ese ano, xa tiveron a primeira colleita oficial que comercializaron como a primeira anada de Cume do Avia en 2015. Hoxe, felizmente, a historia segue.

Collarte

NONÉOMESMO

Finalmente, falou Xosé Manuel Durán da Asociación Nonéomesmo, que naceu na bisbarra de Compostela coa intención de ser un punto de encontro entre labregos e labregas, persoas que consumen, restaurantes, tendas de barrio e pequeno comercio, para fomentar os alimentos producidos localmente. “Era necesario facer visibles a cara medioambiental e a cara social dos alimentos para xerar confianza na cidadanía, sendo transparentes e comprometéndonos publicamente”, explicou Durán. Para isto, crearon as chamadas “Cartas labregas de compromiso” coas que labregos e labregas expresan o seu compromiso público sobre o que, como e onde producen. Máis alá de certificacións oficiais que avalan o produto, “nós criamos que era fundamental avalar as persoas, e que sexan os consumidores e consumidoras quen escollan en base ao que cadaquén fai ou é. Os labregos e as labregas son a peza máis importante desta rede e é necesario xerar unha confianza. Por iso, acordamos establecer uns prezos mínimos e máximos por ano agrícola, cun compromiso de planificación e de cantidades, unha transparencia na cadea de valor, tanto dos labregos e labregas como das tendas e a capacidade de absorber excedentes cando chegase o momento”.

Hoxe en día, están nesta rede oito tendas de barrio, que son a práctica totalidade das que quedan en Compostela, catro restaurantes, dez labregos e labregas da contorna e seis envasadoras que venden produtos transformados. A medio prazo, dentro dos orzamentos participativos do Concello de Compostela, está solicitada a rehabilitación da Escola Unitaria de Aríns onde se creará a Escola de Agricultura e Apicultura Ecolóxica coa intención de formar á cidadanía do rural compostelán e recuperar o agro ao redor das cidades.

Orus