A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Goberno esquece o sector produtor para defender só as grandes distribuidoras na regulación da venda a perdas

O Goberno esquece o sector produtor para defender só as grandes distribuidoras na regulación da venda a perdas

17 de Decembro do 2018

Cadea de valor

O Sindicato Labrego Galego lamenta a falla de compromiso demostrada pola Xefatura do Estado cos labregos e labregas no Real Decreto Lei 20/2018 de Medidas Urxentes para o Impulso da Competitividade Económica na Industria e Comercio. Coa súa publicación, e coa regulación da prohibición da venda a perdas, o Goberno volve lexislar para as grandes empresas e perde unha oportunidade de reforzar e protexer a posición do sector produtor.

A principal novidade deste decreto lei é que se regula a prohibición da venda a perdas sempre e cando se demostre que houbo prácticas desleais. Consideraranse desleais estas prácticas cando: induzan a erro dos consumidores e consumidoras sobre os prezos doutros produtos no mesmo establecemento, cando teñan por obxecto desacreditar a imaxe dun produto ou establecemento alleo, cando forme parte dunha estratexia para eliminar competidores ou cando supoña unha práctica comercial que conteña información falsa sobre o prezo e poida inducir a erro nos consumidores e consumidoras.

Para o Sindicato Labrego Galego, resulta desconcertante que o Goberno só regulase a prohibición da venda a perdas no elo final da cadea comercial e non tivese en conta a produción e comercialización en orixe e nos diversos sectores produtivos que fornecen o mercado alimentario. Todo o mundo recoñece que existe unha posición de dominio das industrias e da distribución da que se valen para impoñer os prezos en orixe e perpetrar abusos contra a parte máis feble da cadea comercial: labregos e labregas. Tanto as autoridades europeas, como as estatais, teñen recoñecido que, en moitas ocasións, os produtores e produtoras son obrigadas a vender por baixo dos custes de produción a industrias lácteas, adegas, almacenistas, primeiros compradores, etc.

No discurso do Ministerio de Agricultura, tanto co PP como co PSOE, sempre nos prometeron que ían lexislar na Lei da Cadea Alimentaria para reforzar e protexer a parte produtora e para evitar a posición de dominio e abuso de industrias e distribuidoras”, explica a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane. “Porén, este real decreto só busca protexer as ganancias das grandes empresas. De feito, a nova normativa só ampara grandes empresas -industrias e distribuidoras- que queiran denunciar competencia desleal no elo final da cadea de valor. Aí é onde están dispostos a facer algo. Pero en orixe, onde todos e todas sabemos que se lles obriga a vender a perdas a labregos e labregas, por imposición de condicións e prezos, seguen quedando desprotexidas como até agora. Con este real decreto creo que hai unha involución. Antes había un marco xeral que prohibía a venda a perdas no que podiamos buscar cobertura legal pero, agora que se desenvolveu, todo se complica máis para os labregos e labregas, xa que só será considerada venda a perdas se cando se demostren prácticas desleais, e só conciben esa deslealdade no elo final da cadea de valor”.