A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As granxas de Galiza perderon 66 millóns de euros en 2018 por cobrar o leite por baixo da media europea

As granxas de Galiza perderon 66 millóns de euros en 2018 por cobrar o leite por baixo da media europea

24 de Xaneiro do 2019

Frisoa

O diferencial existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e na Galiza supuxo para as nosas granxas unhas perdas de 66 millóns de euros en 2018, o que dá unha media de 5'5 millóns de euros por mes. Isto acontece por termos un dos prezos máis baixos da UE, cunha media de 31'9 céntimos en novembro de 2018, segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Se comparamos o prezo medio do leite na Galiza con outros países e rexións produtoras, o panorama é desolador. Só hai sete países na Unión Europea cuxo prezo medio baixe dos 32 céntimos: Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Letonia, Eslovaquia e Portugal. No outro extremo dos prezos estarían algúns dos principais produtores de leite da UE, cun prezo medio en novembro de 2018 de: Irlanda (39'04 céntimos), Holanda (37'25 céntimos), Italia (37'08 céntimos), Alemaña (37'16 céntimos), Austria (38'68 céntimos), Bélxica (35'69 céntimos), Dinamarca (37'93 céntimos) ou Franza (36'73 céntimos).

Metendo no mesmo saco os 28 países da UE, o prezo medio do leite comunitario en decembro de 2018 foi de 35'87 céntimos (de 36'06 céntimos en novembro). Ese prezo medio está moi preto do que se paga na veciña Asturias, onde as granxas cobraron unha media de 35 céntimos por litro en novembro de 2018. Esta bonanza dos prezos do leite en boa parte da Unión Europea explícase polo incremento do valor da manteiga, que se mantivo en valores que van dos 4'5 € aos 6'5 € por quilo durante os anos 2017 e 2018. A tendencia é que isto siga así e que, polo tanto os prezos do leite suban.

As industrias aceleran a sinatura de contratos para pechalos por baixo das subas no sector

Porén, dende o Sindicato Labrego Galego estamos a constatar que as industrias non teñen pensado repercutir a revalorización do leite nas granxas, polo menos non segundo o incremento de beneficios que elas están a recadar. En distintas comarcas, soubemos de distintas industrias que están acelerando a sinatura de contratos antes do vencemento dos vixentes e antes de que os prezos suban máis a nivel internacional. Nas súas ofertas, ofrecen incrementos moi pobres, en torno a 1 e 1'5 céntimos. Se temos en conta a suba nos custes de produción e o aumento do valor do leite nos mercados internacionais, ese cativo aumento pódese considerar como unha revisión dos contratos á baixa.

Dende o Sindicato Labrego Galego non podemos máis que expresar a nosa indignación coas industrias, por forzar a que Galiza siga no furgón de cola de Europa en canto a prezos; e tamén a nosa indignación coa Consellaría de Medio Rural, que segue totalmente despistada sen facer absolutamente nada diante desta situación.

Por todo o devandito, esiximos que Medio Rural convoque aos axentes do sector nunha nova Mesa do Leite para debater estes temas e esixir das industrias que repercutan no prezo do leite das granxas galegas as subas que se están a experimentar dende hai meses en toda a Unión Europea. Tal e como está o mercado na actualidade, o prezo medio do leite na Galiza non debería baixar dos 35 céntimos para achegarse á media comunitaria. E pagar por baixo dese prezo, coñecendo as cotizacións no mercado lácteo, é estafar a través da extorsión dos contratos ás nosas granxas.

Esquema prezos leite