A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. InterVegas impulsa unha proposición de lei estatal para promover a protección e dinamización dos solos fértiles

InterVegas impulsa unha proposición de lei estatal para promover a protección e dinamización dos solos fértiles

14 de Febreiro do 2019

Intervegas Congreso

Representantes dos diferentes colectivos e institucións que confomran a Rede Estatal InterVegas déronse cita este xoves, 14 de febreiro de 2019, no Congreso dos Deputados e das Deputadas, cos voceiros de Agricultura dos grupos parlamentarios para rexistrar unha proposta de lei de ámbito estatal que permita a protección dos solos fértiles. Despois dun percorrido de case dous anos, e co apoio institucional de parlamentos autonómicos, concellos, deputacións, consellos de goberno de universidades e un grande número de entidades, a nosa proposta xerou un grande consenso social e político.

A Proposición de Lei (PL) que promove InterVegas ten como obxectivo a protección dos Solos de Alto Valor Agrolóxico (SAVA) e doutros Solos de Interese Agraria (SIA) polas súas importantes funcións ambientais, produtivas e histórico-culturais, a súa decisiva contribución á seguridade e soberanía alimentarias, á loita contra o cambio climático e á xestión sostible do territorio. Para iso contémplanse, entre outras medidas, a figura dos Parques Agrarios como instrumento para a xestión e protección dos solos fértiles.

Que é un solo de alto valor agrolóxico (SAVA)?

Un SAVA é un solo moi fértil, froito de longos procesos naturais e do uso agrario que lle deron as comunidades ao longo da historia, como resultado dunha combinación de saberes e recursos locais.

Que son os solos de interese agraria (SIA)?

Os SIA son aqueles que posúen valores significativos dende o punto de vista edáfico, ambiental, produtivo ou territorial, considerando o seu aproveitamento agrario e a súa achega ao mantemento da calidade dos ecosistemas, da biodiversidade e do modelo de ordenación territorial do que forman parte.

Por que unha proposición de lei para protexer os solos fértiles?

No IV Encontro Estatal da Federación Intervegas, celebrado en Murcia, o naturalista Joaquín Araújo, subliñou que «a aprobación desta lei é de grande importancia para aqueles cidadáns e aquelas cidadás que aínda non naceron, xa que estamos tentanto protexer uns territorios agrarios e uns solos fértiles fundamentais para a produción de alimentos dunha maneira respectuosa co medio ambiente».

Dende InterVegas promóvese esta proposición de lei co obxectivo de que a agricultura poida desenvolverse coa garantía de permanencia en todos os territorios, dende os periurbanos aos fondamente rurais, asegurando desta maneira unha produción ancorada no territorio, próxima ou de cercanía, que permita que as poboacións, tanto urbanas como rurais, poidan fornecerse de produtos hortofroiteiros frescos, de calidade e asociados ás dietas mediterránea e locais, reducindo os custes de transporte e as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas aos alimentos que percorreron grandes distancias antes de chegar á nosa mesa.

Os solos fértiles son claves para impulsar políticas agroalimentarias locais, e para favorecer a creación de emprego e riqueza, a auxe da economía local e o necesario mantemento das paisaxes da agricultura, onde poden desenvolverse actividades educativas e de goce do ar libre. Ademais, cumpren importantes funcións ambientais, produtivas e histórico-culturais, e contribúen á loita contra o cambio climático, pois os solos son a segunda fonte de almacenamento de carbono despois dos océanos. A protección dos solos, a restauración , e o uso sostible que recupere a súa fertilidade, son cruciais tanto para mitigar como para adaptarse ao cambio climático.

Pese a todas estas razóns, sorprende que non exista en España unha norma específica de carácter básico que tutele os valores dos solos fértiles e que fomente a súa restauración e mellora en caso de perda, contaminación ou erosión. Coa aprobación dunha lei estatal daríase protección ás paisaxes agrícolas fronte aos procesos especulativos, conseguiríase o recoñecemento do importante labor da agricultura, e daríaselle pulo ás políticas orientadas a acadar unha alimentación saudable e de proximidade.

Como protexer os solos fértiles?

A proposición de lei define e establece o rexime básico de protección dos denominados Solos de Alto Valor Agrolóxico (SAVA) e dos Solos de Interese Agraria (SIA), harmonizando e outorgando seguridade xurídica aos ordenamentos legais das comunidades autónomas e os concellos que pretenden actuar para protexer estes solos estratéxicos de tan alto valor. Contémplase outorgar aos Solos de Alto Valor Agrolóxico a máis alta protección, considerándoos de interese xeral e atribuíndo a súa identificación e tutela á Administración Xeral do Estado. Pola súa banda, os Solos de Interese Agraria consideraríanse responsabilidade e competencia das comunidades autónomas á hora de indentificalos, inventarialos e establecer o seu rexime de protección.

Como figura de xestión a proposición de lei define principalmente o Parque Agrario co obxectivo de garantir a continuidade do uso agrario a través de programas específicos de fomento das funcións produtiva, económica, ambiental e sociocultural destes espazos. A proposición de lei contempla tamén a creación dunha Comisión Estatal de Conservación de Solos e a aprobación dunha Estratexia Estatal de Conservación de Solos de Alto Valor Agrolóxico e Solos de Interese Agraria.

Campaña "Protexamos os solos fértiles"

Para promover o máximo consenso de cara á aprobación da proposta de lei, dende InterVegas púxose en marcha, de maneira paralela, a campaña “Protexamos os solos fértiles”, a través da cal pídese o apoio expreso das administracións públicas, as organizacións non gobernamentais, as entidades privadas e as persoas a título particular.

Sobre InterVegas

A Rede InterVegas conta cun amplo número de adhesións, dende comunidades autónomas a municipios, universidades, movementos sociais e educativos. Naceu en 2015 no seo das I Xornadas da Federación Intervegas, celebradas en Granada, onde se promoveu un pacto estatal entre representantes de Territorios Agrarios Históricos (TAH) de cada comunidade autónoma de España. Este pacto é un decálogo para a creación dunha Lei Estatal para a protección destes territorios. A rede celebrou até a data catro encontros (Granada 2015, Villena 2016, Fuenlabrada 2017 e Murcia 2018) mentres segue a promover adhesións ao Pacto Estatal pola Soberanía Alimentaria, a Educación Ambiental e a Sostibilidade do Territorio.

InterVegas Congreso