A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG critica a exclusión das organizacións agrarias na xuntanza de Medio Rural na Limia polo regadío e os xurros

O SLG critica a exclusión das organizacións agrarias na xuntanza de Medio Rural na Limia polo regadío e os xurros

1 de Marzo do 2019

Balseiros

O Sindicato Labrego Galego non sae do seu asombro tras saber, a través de varios medios de comunicación, da xuntanza mantida entre o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e diversos colectivos e asociacións da Limia, o 26 de febreiro, para tratar cuestións como o regadío ou a xestión dos refugallos gandeiros na comarca.

Sorprende que Balseiros e a institución á que representa ignore que as únicas representantes lexítimas dos labregos e das labregas na Galiza son as organizacións profesionais agrarias que concorreron ás últimas eleccións no sector celebradas na Galiza no ano 2002. Naqueles comicios do agro, o Sindicato Labrego Galego quedara como a forza máis votada na mesa electoral de Xinzo de Limia, co 43'5% dos votos.
Sen querer restar importancia ou representatividade a outras asociacións vinculadas ás actividades agrícolas e gandeiras na comarca, a exclusión das organizacións profesionais agrarias deslexitima a xuntanza convocada por Medio Rural e réstalle unha validez que tería de convocarse todos os axentes sociais representativos dos sectores agrogandeiros.
O que fixo a Consellaría de Medio Rural en Xinzo con esta reunión é o mesmo que se, querendo convocar as forzas políticas da comarca nun encontro, excluíse do mesmo os partidos políticos que acadaron representación nas últimas eleccións municipais.
Dende o Sindicato Labrego Galego lamentamos a evidente politización de actos coma este, en vésperas de eleccións municipais, que deberían servir para buscar consensos amplos sobre as necesidades reais do agro e do rural limiaos e que, ao final, quedan só nunha foto para ser utilizada con fins propagandísticos. Por iso, esiximos á Consellaría de Medio Rural que, a próxima vez que convoque unha xuntanza como a mantida en Xinzo o 26 de febreiro, centrada en cuestións agrarias, teña a decencia de convocar tamén aos labregos e ás labregas para quen se supón está a traballar e gobernar.