A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. IV Encontro de ContraMINAcción: O día que uniu forzas na Galiza a loita contra a minaría destrutiva na Galiza

IV Encontro de ContraMINAcción: O día que uniu forzas na Galiza a loita contra a minaría destrutiva na Galiza

11 de Abril do 2019

Contraminacción

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción desenvolveu, do 15 ao 17 de febreiro, o seu IV Encontro. Nesta ocasión, acudiron representantes de catorce organizacións e plataformas de toda a Península Ibérica que están a enfrontar nos seus respectivos territorios a ameaza, o impacto directo ou as secuelas da actividade mineira. Precisamente, esta pluralidade de voces serviu para tirar varios denominadores comúns que se están a dar nesta loita. Tes unha crónica do encontro que xa publicamos nesta web AQUÍ Agora, compartimos con vós un resume das voces que se puideron escoitar eses días en Compostela.

Mesa 1 IV Contraminaccion

Felipe Yuste falou en representación da Coordinadora No a la Mina de Uranio de Campocharro (Salamanca). A zona ameazada é vocación gandeira, dominada polo bosque mediterráneo de aciñeiras, a coñecida como devesa salamantina. Neste caso, a empresa australiana Berkeley ten un proxecto para explotar as reservas estratéxicas de uranio da zona que, até agora, eran responsabilidade da Empresa Nacional de Uranio SA (Enusa), de titularidade pública. Polo de agora, conseguiron paralizar as obras de dubidosa legalidade como a construción dunha estrada e dunha balsa.

Jessica da Cruz, Unidos em Defesa de Covas do Barroso (Portugal). Covas do Barroso é unha parroquia (freguesía) de Boticas, no norte de Portugal. composta por tres núcleos de poboación: Covas do Barroso, Muro e Romaínho. Trátase dunha zona recoñecida como “patrimonio mundial agrícola” pola FAO. Porén, agora está ameazada pola empresa mineira Slipstream Resources, filial da australiana Savannah Resources, que quere explotar os xacementos de litio. “Será unha explotación a ceo aberto que deixará un cráter de 500 metros de lonxitude e 100 de profundidade. Preocúpanos a proximidade coas aldeas e os riscos derivados. A explotación de litio é das máis consumidoras de auga. Só para procesar e lavar a rocha precisarán como mínimo 390.000 m3 por ano. Para iso, pretenden desviar o río Covas, pero non é suficiente. Isto entraría en colisión coa agricultura e a súa necesidade de auga. Pode ser un desastre para a biodiversidade e para a poboación de Covas”.

Marcos Alonso, Plataforma No en mi tierra. A guerra de No en mi Tierra é contra a explotación dos xacementos de litio que hai en Fermoselle (Zamora). Neste caso, coma noutros, Marcos Alonso denunciou a complicidade dos gobernos municipais coa empresa mineira. “Soubemos do proxecto polo boletín oficial, que o publicou en plena Semana Santa e sen case prazo para alegar”. Así e todo, presentaron alegacións e ben fundadas, pois a mina preténdese abrir nunha zona moi protexida, como é a dos Arribes del Duero: Rede Natura, Lugar de Interese Comunitaria (LIC) e Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA). Sorprende que se tente abrir unha mina nunha zona tan protexida, pero Alonso explicou que se trataba de pura especulación: “Estamos a falar de Grabat SL, unha empresa insolvente, financeira e moralmente. Son conseguidores sen actividade mineira e están enxuizados por estafa”.

Mesa 2 IV Contraminaccion

Isidoro Albarreal, Salvemos Esparteros. Na Serra de Esparteros, xunto a Morón de la Frontera (Sevilla) hai minaría de cal dende hai séculos, pero foi nos últimos anos que a minaría destrutiva comezou a ser unha ameaza. Dos anos 50 aos 70, coas extraccións para construír a base aérea de Morón. Co cambio de século, reanúdase a actividade con proxectos extractivos moi agresivos. A pesares de estar prohibidas as actividades extractivas na serra, permítese a actividade mineira, concedéndoselle unha prórroga de 30 anos en 2014. Salvemos Esparteros naceu en 2002 para enfrontarse a esta depredación. Están agardando sentenza tras denunciar a prórroga veñen de presentar 4.000 alegacións contra a tentativa de legalizar as actividades mineiras xa existentes nos novos plans de urbanismo.

Juan Francisco Ortuño, Plataforma de Afectados polos Metais Pesados. Esta plataforma de Cartaxena (Murcia) naceu para denunciar a desfeita deixada pola actividade mineira. A pesares de non existir actividade extractiva, a empresa Portman Golf presenta plans anuais de traballo para non restaurar. O problema é que na zona hai unha gran cantidade de metais pesados que, a través do vento e das enxurradas, están a envelenar directamente as persoas. O caso de Llano del Beal é tráxico. Trátase dunha localidade arrodeada por 88 balsas de lodos tóxicos, algunhas a menos de dez metros do centro escolar ou das vivendas. “É unha zona árida e moi poirenta. O ar trae metais pesados que respiramos: 150 veces máis do arsénico e do chumbo permitidos pola OMS. Cando chove, fórmanse balsas de augas acedas moi corrosivas que destrúen o que tocan”. Outros datos para tremer: no centro escolar, un 21'7% do alumnado ten necesidades especiais (autismo, etc.) cando no resto de Cartaxena a porcentaxe baixa ao 4%; alto índice de cancro, incluídos nenos e nenas; presenza alta de metais pesados en sangue, ouriños, embigueiras, leite materno, dentes de leite, etc.

Sonia Hurtado, Plataforma Salvemos la Montaña. Unha das principais peculiaridades do proxecto mineiro de Valdeflórez é que pretende facerse a carón mesmo da cidade de Cáceres. “O epicentro estaría a menos de 1 km do novo hospital, do centro penitenciario ou do campus universitario”, explicounos Sonia. Coma adoita acontecer, souberon do proxecto cando as máquinas irromperon nas propiedades particulares da Serra da Mosca: nin a empresa Tecnología Extremeña del Litio nin as institucións contactaran coas persoas afectadas antes.Diante disto, a veciñanza organizouse nunha plataforma en xullo de 2017. Aínda que non chegaron a tempo para alegar contra a zona de extracción, un cráter que ocupa dúas cuadrículas mineiras; si deron presentado 8.000 alegacións ás 45 cuadrículas do resto do proxecto, que se atopa paralizado até que se resolvan. Ademais, fixeron unha intensa campaña informativa, con roteiros, asembleas de barrio, etc.

Amparo Jiménez, No a la Mina en la Sierra de Yemas. Neste caso, trátase dun proxecto para extraer feldespatos, sílice e arxila na Serra de Yemas (Ávila) a 12 km da capital. En total, 53 cuadrículas mineiras que afectan 5 municipios. Unha desas cuadrículas mineiras está sobre o casco urbano dunha das vilas. Desta vez, a veciñanza afectada foi alertada por outra plataforma da publicación do proxecto no boletín oficial. Dende aquela, levan dous anos de oposición ao mesmo.“Preocúpanos o impacto deste proxecto sobre a vida das persoas, sobre o medio ambiente, sobre o noso estilo e forma de vida. Estamos nunha eminentemente agrícola e gandeira e este proxecto rompe con todo o que tentamos erguer durante anos. O proxecto afectaría ao recurso máis importante que temos: a auga, ben escaso e vital. Da nosa serra e das adxacentes (Parameras, La Sorrota e Ávila) fornécese todo o acuífero que forma o val Amblés, que é do que depende o consumo humano, a agricultura e a gandería da zona e mesmo, en épocas de seca, a poboación de Ávila”.

Laura Serranos, No a la Mina en el Valle del Corneja. Esta plataforma naceu en febreiro de 2017, tamén alertada por outros colectivos dos plans mineiros que lles afectaban: case 80 cuadrículas mineiras en dous proxectos que abranguen poboacións habitadas como Becedillas, Bonilla, Tórtoles ou Zarpadiel. Diante disto, recolleron sinaturas, presentaron 4.500 alegacións e lograron paralizar o proxecto até que a administración responda os recursos presentados. “O río Corneja é afluente do Tormes e do Duero. Polo tanto, a contaminación da actividade mineira non se reduciría á nosa zona. A mina agravaría o despoboamento que padecemos e arruinaría importantes fortalezas, como sermos considerados un paraíso do turismo de altos voos para deportes como parapente ou ala delta. Iso sen contar a importancia do turismo gastronómico e rural na zona. Resulta incomprensible que todo isto perigue. O único bo que trouxo a minaría foi que nos espertou da nosa letarxia e nos uniu contra ela”.

Mesa 3 IV Contraminaccion

Charlie "Patillas", Plataforma Oro No. Charlie lembrou os catorce anos de loita que desenvolveron dende a Plataforma Oro No, contra a explotación do xacemento de Salave, en Tapia de Casariego (Asturias). Neste caso, tamén conseguiron paralizar o proxecto. Neste caso, ao igual que na Galiza con Corcoesto, unha empresa canadense, Black Dragon, a través da filial Astur Gold, quería extraer ouro. Charlie destacou a importancia do traballo en equipo, achegando cadaquén o que mellor saiba facer. No caso de Oro No, foi fundamental o apoio dun membro enxeñeiro técnico de minas, que buscou todos os erros do proxecto para alegar; como tamén o das persoas que se encargaron da comunicación, das relacións coa administración, da organización de eventos para recadar fondos, etc. En todo o proceso acabaron gastando 60.000 euros entre xuízos e accións. Chegaron a ter 2.000 socios e socias que pagan unha cota de 10 euros anuais.

José Romarís, Vida e Ría. José Romarís, mariscador, compartiu o temor que existe na ría de Muros e Noia de que os vertidos e a balsa de lodos tóxicos da mina de San Finx, en Lousame, poidan causar un desastre medioambiental e destruír o medio de vida de miles de persoas que dependen da recolección tradicional de moluscos. En efecto, en San Finx hai dúas balsas construídas en 1928 e 1939 que se atopan en estado ruinoso sen que a Xunta faga nada para solucionalo. Como tampouco fai nada para deter o vertido de 50.000 litros de augas acedas por hora dos regos que pasan polas instalacións mineiras, con niveis de cadmio, cobre e zinc que superan en 160, 31 e 17 os valores máximos permitidos. José teme que a rotura dunha destas balsas provoque "un desastre de tales proporcións que nos podería deixar 20 anos sen coller un molusco da ría, iso sen contar co impacto na poboación".

Contraminacción

Ademais de coñecer as diversas loitas contra proxectos mineiros que ese están a desenvolver por toda a xeografía da Península Ibérica, na xornada de portas abertas houbo outras reflexións máis dirixidas a desentrañar as causas do boom mineiro que estamos a vivir.

Así, Guadalupe Rodríguez, activista de ContraMINAcción e Yes to Life No to Mining (YLNM), explicou que a única xustificación que dá a Comisión Europea sobre o fenómeno é a aposta polo crecemento. Pero Rodríguez foi máis alá: “O boom mineiro responde a que, aos usos tradicionais e industrias da minaría, súmanse agora a transición enerxética (coches eléctricos, por exemplo), que se basea en materias primas que se obteñen da minaría; e a dixitalización (todo tipo de bens electrónicos, dende ordenadores a smartphones)”.

Diante desta nova demanda crecente de minerais para novos usos, a Unión Europea estableceu como obxectivos “un acceso seguro e sen distorsións a materias primas, impedir os atrancos de calquera tipo ao comercio destas materias primas e fomentar a reutilización e reciclaxe (economía circular)”.

Soa ben, pero o concepto da UE de economía circular é “extraer todo o que se poida, e cando teñamos moita materia prima en circulación, aí é onde imos poder reciclar”. De feito, hoxe en día a UE só extrae no seu territorio o 3% das materias primas que precisa. Por iso, está a fomentar o extractivismo dentro do seu propio territorio, especialmente das consideradas “materias primas críticas” cuxa lista pasou, de 2011 a 2017, de 14 a 27. A maiores, se está a fomentar a investigación dos xacementos minerais que hai en Europa en colaboración cos servizos xeolóxicos nacionais, e facendo campañas publicitarias para convencer á opinión pública da importancia e bondades da minaría.

Xoán Doldán, profesor de Economía na USC, ademais de membro de ContraMINAcción e Véspera de Nada, explicou o “capitalismo lineal” que impera hoxe. Un sistema económico que as materias primas extráense, transfórmanse, úsanse e desbótanse en forma de refugallos. A sostibilidade do sistema depende da capacidade que os ecosistemas teñan para acoller todos estes refugallos.

Ademais, este sistema baséase tamén en que o valor das materias primas non depende da súa escaseza ou dificultade de extracción. Os recursos son limitados, cada vez máis escasos e, porén, o seu valor de mercado non sobe en consecuencia. Ademais, o prezo das materias primas e da súa explotación non recolle os custes sociais e medioambientais da extracción, nin o custe de restaurar os danos causados, nin de xestionar os refugallos creados. E dado que este sistema é lineal e non circular, o meirande dos refugallos non se procesan e pérdense, de maneira que seguimos dependendo totalmente de novas extraccións.

Como alternativa, Doldán apostou por organizar a economía de maneira que se recuperen os materiais utilizados. Economía ou metabolismo circular e, neste senso, a posibilidade de organizar unha “minaría urbana” que recicle os refugallos xerados polas grandes urbes para reutilizar esas materias primas.

Porén, a dirección do actual sistema segue a ser lineal, cun medre exponencial do consumo de materias primas. O consumo de metais como o aluminio ou o cobre está a medrar cun 3% anual, “o que significa que en 24 anos duplicaremos o consumo mundial destes metais”. Tamén alertou Doldán dunha obsolescencia máis perigosa que a programada para que os produtos duren menos: a obsolescencia percibida, é dicir, as modas, que fai que se desboten bens en perfecto estado de uso para mercar outros máis ao día. Este consumo innecesario e irresponsable de bens como os electrónicos, pode ter consecuencias catastróficas polo alto nivel de extraccións mineiras que requiren estas industrias para seguir producindo.

O planeta Terra precisa unha viraxe total á maneira de producir e consumir que rexe na actualidade. “Debemos recuperar a mirada sobre o rural. E isto significa recuperar a nosa soberanía alimentaria”, mantén Xoán Doldán.

Pola súa banda, Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego relacionou o boom global do acaparamento de recursos e de terras co consumismo descontrolado de hoxe en día, cunha tendencia que fai tremer: agárdase que en 2050 o incremento do consumo de materias primas sexa do 40% para algunhas fontes, e mesmo do 300%, segundo o estudo consultado. “É demencial”, lamentouse Vilalba. “O planeta ten límites biofísicos, pero se toda a humanidade consumise segundo a media dun país como Francia, precisariamos tres planetas Terra para facelo posible. As grandes urbes do planeta deberían reducir o seu nivel de consumo actual entre 3 e 5 veces, cousa improbable pois, pola contra, incentívase cada vez máis”.

Este nivel de consumo só é posible “desposuíndo a millóns de persoas do máis básico ou acaparando terras cun impacto tremendo para as poboacións locais”.

Poñendo o foco na Galiza, a secretaria xeral do SLG lembrou o lema da Xunta de que “Galiza é unha mina”, e denunciou a lexislación á carta que o Goberno do PP fixo para satisfacer as demandas da patronal mineira, dando prioridade á súa actividade sobre outras.

A única alternativa, para Isabel Vilalba, consiste en mudar radicalmente de modelo económico cara a un “feito á medida e polos intereses das persoas, que respecte os límites biofísicos do planeta e que dea prioridade ás necesidades da poboación”.

Lembrando o asasinato da activista hondureña Berta Cáceres, Vilalba afirmou que “a dinámica de crecemento continuado, de especulación, de medir todo polo PIB, é absolutamente xenocida e basease no desposuimento e no asasinato. Temos que mudar de paradigma. Os intereses do capital transnacional non poden seguir comprometendo os intereses das persoas. Contra a economía globalizada debemos defender a resiliencia dos nosos territorios”.

E como modelo de resistencia, na Galiza temos a plataforma ContraMINAcción, da que falou Isabel García Vila, que ademais forma parte de Mina Touro O Pino NON. “Somos unha rede a nivel galego que pretende unir forzas, asesorar, axudar, colaborar e alertar sobre estes proxectos invasores que veñen desfacer a nosa terra e os nosos medios de vida”, explicou. Para Isabel, o inimigo contra o que loitamos é moi poderoso, “grandes multinacionais que se coñecen entre si, con moitos tentáculos” e, fronte a esa forza, cómpre a unión sen fendas, como a que se tenta ter con moito traballo en ContraMINAcción, onde 24 colectivos e organizacións conflúen no interese común de “defender a terra, a auga e o aire; defender os nosos medios de vida”. Porque “a minaría desfai, pero non fai. A minaría destrúe, non é sustentable”.

Iv Contramina