A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. XOGANDO AO MONOPOLY COA VITICULTURA GALEGA

XOGANDO AO MONOPOLY COA VITICULTURA GALEGA

9 de Agosto do 2019

Feijóo e Horacio Gómez

Presidentes de clubs de fútbol, magnates inmobiliarios, directores de cine, deseñadores de moda ou multinacionais: o viño galego, en especial os brancos de uva albariña de Rías Baixas, están no punto de mira dos grandes capitais. Decotío, son vistos como un bo nicho de mercado para investir e facer negocio, especialmente para compañías que xa posúen unha forte rede comercial na que vender un produto que cada vez está a acadar máis prestixio. Mais este boom ten sombras: concentración da produción cada vez en menos mans, especulación urbanística, prezos de viñedo propios da burbulla inmobiliaria, acaparamento de terras e subvencións por grandes empresas moitas veces foráneas, abandono da viticultura colleiteira... Analizamos isto e moito máis nesta reportaxe de investigación publicada no Fouce 326.

No mes de xuño saltaba unha nova que comeza a ser cotiá no mundo vitivinícola galego: un grupo empresarial foráneo entraba en Galiza para mercar adegas asentadas nalgunha das nosas denominacións de orixe. Neste caso, a adega Pago de Carraovejas, de Ribera del Duero, mercaba as adegas de Viña Mein e Emilio Rojo, n'O Ribeiro. Mentres que a primeira delas é unha adega ben dimensionada, con 16 hectáreas de viñedos nas ladeiras do Avia, San Clodio e Gomariz; a segunda é un coidado proxecto colleiteiro, con só media hectárea de viñedos repartidos en catro parcelas en terreos chans e outra hectárea nunha ladeira, en Arnoia.

A nova non sorprende, pois trátase de algo frecuente dende hai décadas na viticultura galega. A primeira compra data de 1988, cando a adega La Rioja Alta adquiriu Lagar de Cervera no Rosal (Rías Baixas). Tratábase dunha empresa moi asentada na Rioxa, especialmente co viño tinto, pero que quería dar un salto na calidade dos seus brancos. Na súa propia web di que a súa intención ao vir a Galiza era abandonar “definitivamente a elaboración de viños brancos rioxanos e comezar con paixón a busca dun gran branco, de grande personalidade que tivese elementos diferenciadores con outros viños españois”.

Unha masterclass de como converter o monte en viñedo

Dende aquela, foron moitos os negocios, algunhas veces nos límites da legalidade, que se fixeron en torno aos nosos viñedos. Un dos grandes pelotazos neste sentido deuno Horacio Gómez cando era presidente do Celta de Vigo. Este empresario creou no ano 2001 a empresa HGA Bodegas y Viñedos de Altura. Dende aquela, adquiriu ou fundou varias adegas e viñedos como Regina Viarum e Vía Imperial (Ribeira Sacra), Altos de Torona, Tollodouro e Pazo de Villarei (Rías Baixas). A maiores, comercializa viños do Ribeiro, Monterrei, A Rioxa, Ribeira do Douro e destilados coas súas empresas de distribución; ten gasolineiras e é dono de Fontecelta.

Os investimentos de Horacio Gómez non estiveron exentos de polémica. Os viñedos de Altos de Torona, que xuntan un cento de hectáreas nunha soa parcela, foron posibles grazas a un modus operandi cotián para acaparar terras no sector vitícola: comprar monte para reconvertelo en viñedo. Por ese motivo, o fillo do ex-presidente do Celta, David Gómez, foi condenado a tres meses de cárcere que trocou por unha multa de 3.600 euros. David Gómez promovera en 2002 unha plantación de máis de 73 hectáreas de vides na ladeira sur do monte Galego, na parroquia de Vilachán (Tomiño), en solo rústico de protección ecolóxica.

En 2005, o concello propuxo recUalificar os terreos como de uso forestal e agropecuario, o que autorizou por decreto a Consellaría de Política Territorial dirixida daquela por Alberto Nú- ñez Feijóo. Así, o concello modificou o seu PXOM para permitir esta actividade e a promotora comezou a construír unha adega. O problema é que as obras carecían de permiso municipal e favoreceron unhas riadas que derivaron en denuncias. Grazas a estas argalladas, HGA ten o que está considerado como o maior viñedo de Rías Baixas nunha soa parcela.

Ao pouco, unha nova polémica volveu tocar esta adega: o trazado da autovía que une Portugal e Vigo fixo un desvío no seu trazado para evitar pasar polos viñedos de Horacio Gómez. A veciñanza indignouse, xa que o novo trazado afectaba á ribeira do Miño, atentando así contra unha zona protexida pola Rede Natura.

Vilachán

Os viñedos de Vilachán son os máis grandes de Rías Baixas nunha soa parcela, creados por Horacio Gómez grazas á recualificación dos terreos

A ecuación do pelotazo: de 1 € por m2 de monte a 20 € polo metro de viñedo

Parece ser que a reconversión de monte en viñedo é o método máis común para facerse con terras a baixo prezo no sector vitícola. Actualmente, temos constancia de que se está a mercar monte en moitas subzonas de Rías Baixas, dende Vedra até o Miño, pero tamén no Ribeiro, polo que nos comentou o responsábel do sector no SLG, Bernardo Estévez.

Na zona de Vedra, por exemplo, están mercando monte a 2 € por metro cadrado, cando as terras de labor na mesma zona teñen, como mínimo, o triplo de valor. Xorxe Albela, gandeiro da zona, explicounos que “por 15.000 euros plantan unha hectárea de albariño que, ao cabo de 6-7 anos, xa en produción, pódese vender por 30.000 € nesta subzona”.

Se imos máis para o sur, os prezos por hectárea dispáranse, aínda que o monte se compra a un prezo semellante ou mesmo inferior. A nosa coordinadora no Baixo Miño, Rosario Domínguez, contounos o caso dun grupo empresarial, do que descoñecemos a identidade, que estivo mercando viñedos en plena produción na parroquia de Albeo, en Crecente, a 200.000 € por hectárea. Adquiriron 30 hectáreas, unhas moi preto das outras, aínda que con algún propietario non chegaron a acordo. Sabemos dun viticultor que vendeu 9 hectáreas por 1.800.000 €. Outras fontes consultadas, comentan que un prezo normal por hectárea de albariño en plena produción pode roldar os 100.000 €.

Na banda contraria, adegas fortes como Marqués de Vizhoja están mercando monte para reconverter en viñedo ofrecendo prezos ao redor de 1 € por metro (10.000 € por hectárea); ademais da revalorización da terra co paso dos anos, o monte dá beneficios inmediatos, xa que podes acceder ás axudas por reestruturación para plantar e, cunha adega xa en activo, podes ampliar o teu cupo produtivo.

A teima dos presidentes do Celta por abrir adegas en todas as DOs

A fama dos viños de Rías Baixas elaborados con uva Albariño atraeu grandes adegas e grupos empresariais cara á nosa terra. Estamos a falar de empresas con potentes redes comerciais xa funcionando que aproveitan un produto de prestixio para metelo directamente no mercado a través das súas propias canles de distribución.

Horacio Gómez, por exemplo, xa tiña empresas de distribución alimentaria antes de meterse no viño, algo que acontece tamén co actual presidente do Celta, Carlos Mouriño. Este empresario que fixo fortuna en México mercou, en 2018, a adega Boo-Rivero, no val de Verín. Fontes consultadas polo Fouce na D.O. Monterrei comentáronnos que, recentemente, Mouriño adquiriu nesta zona unha ladeira de monte, coa concentración parcelaria feita e que, casualmente, ardeu pouco antes da operación de compravenda. Aí veñen de plantar entre 60 e 70 hectáreas de viñedo dentro da denominación de orixe. A maiores, mercaron entre 20 e 30 hectáreas xunto á autovía e a fronteira con Portugal, onde van construír unha adega.

Este sería un investimento máis de Mouriño no sector vitivinícola, onde ten intereses en case todas as denominacións de orixe galegas. A través da empresa Grandes Pagos Gallegos de Viticultura Tradicional, Mouriño posúe ou ten participación en Quinta do Couselo, Barbutín e Turonia (Rías Baixas), Fraga do Corvo de Fragas do Lecer (Monterrei) ou Finca Viñoa e Pazo Casanova (Ribeiro). Mouriño ten investimentos en sectores moi dispares, dende hostalería ou a construción, á aeronáutica ou a enerxía. Calcúlase que o entramado societario que dirixe controla unhas 80 empresas entre Galiza e México. No tema do viño, adoita facer os investimentos da man de dous socios: Manuel Estévez Vaqueiro e José Manuel Martínez Juste (presidente de la Asociación Galega de Enólogos).

Orde albariño

Na esquerda da imaxe podemos ver a Horacio Gómez xunto a un dos seus grandes valedores na Xunta á hora de recualificar monte en viñedo, o daquela conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas

Rías Baixas: o branco polo que devecen as adegas catalás e rioxanas...

De seguido, ademais dos xa citados, imos comentar por riba algúns dos principais empresarios e grandes adegas que investiron en Rías Baixas:

  • GONZÁLEZ BYASS: Este grupo empresarial fundado en 1835 en Xerez, con adegas en boa parte de España e Chile, mercou Pazos de Lusco e Pazo Piñeiro en Salvaterra de Miño (Rías Baixas). No lote incluíase un pazo do século XVI ademais dos viñedos. A metade das súas vendas fanas en Estados Unidos e Reino Unido, onde teñen distribuidora propia. Ademais de Xerez e Rías Baixas, teñen adegas na Rioxa, Cádiz, Penedés, Cava, Rueda, Somontano e Castela.
  • BODEGAS TORRES: Mercaron o Pazo Torre Penelas, catalogado como patrimonio histórico que data dos séculos XIV e XV, con 6 hectáreas de viñedos de Albariño amuralladas na DO Rías Baixas. Elaboran viño baixo a marca Pazo das Bruxas. Nos últimos meses están a saír con frecuencia en medios de comunicación por madurar os seus albariños en pipos de granito. A familia Torres é de Cataluña, onde ten presenza en cinco denominacións de orixe. Ademais, ten adegas na Rioxa Alavesa, Rueda, Ribera del Duero, Chile e California.
  • FAMILIA FERRER (Freixenet): Dende moi cedo, o xigante catalán dos cavas desembarcou en Rías Baixas. En 1996, alugaron o Pazo de Baión a unha sociedade formada por Laureano Oubiña, Sito Miñanco e Pablo Vioque. Despois, sería expropiada por ser froito do narcotráfico e na poxa pasaría a mans de Condes de Albarei. Entón, Freixenet mercou a Novagalicia Banco Bodegas Vionta en Meaño, que elabora o viño Agnus Dei. En 2018, Freixenet anunciou que deixaba Rías Baixas e, este mesmo ano, pechaba a venda de catro adegas á familia Ferrer, unha das fundadoras de Freixenet pero que pasou a ser accionista minoritaria trala compra de máis da metade das accións da empresa pola alemá Henkell (da multinacional Dr. Oetker). Entre as adegas que mercaron os Ferrer estaba Vionta, tamén con intereses en Monterrei, onde operará a través de terceiros.
  • GRUPO ZAMORA: O conglomerado empresarial das familias Restoy e Zamora, dona entre outras marcas de Ramón Bilbao (Rioja), Licor 43 ou Pacharán Zoco, é propietaria da adega Mar de Frades, en Rías Baixas.
  • GRUPO VARMA: Este grupo adegueiro que ten como buque insignia a adega rioxana Marqués de Vargas e distribúe medio cento de marcas de bebidas en España, entre as que se atopan Ron Barceló ou xenebra Hendrick's, adquiriu en 2003 a adega Pazo de San Mauro, en Salvaterra de Miño (Rías Baixas), co edificio histórico de 1591 que dá nome á marca e 30 hectáreas de viñedo propio.
  • varma
  • MANUEL JOVE: O magnate do sector inmobiliario mercou en 2008 a súa oitava adega: Pazo de Monterrei, na DO homónima, por 4'1 millóns de euros. A través de Inveravante, ten investimentos e presenza na Rioxa, Rueda, Zamora, A Mancha, Xerez e, como non, en Rías Baixas (Viña Nora).
  • FAMILIA MASAVEU: Esta é unha das familias máis ricas de Asturias, con importantes investimentos en sectores como a banca. Posúe a adega Fillaboa, en Salvaterra de Miño (Rías Baixas). Ten outras adegas na Rioxa, Ribera del Duero e Navarra.
  • EMILIO UCHA: Empresario pontevedrés residente en Cataluña e vinculado ao sector inmobiliario e da construción con negocios en países como Marrocos, Panamá e Cuba. É dono da adega Pazo Pondal, con 12 hectáreas de viñedos en Arbo.
  • GRUPO LA PENELA: Familia galega con negocios en turismo rural e hostalería, rexentan oito restaurantes en Galiza, Madrid e Colombia. Hai dez anos mercaron o Pazo de Ximonde, en Vedra, xunto coas súas seis hectáreas de viñedos. En temas vinícolas, están asesorados por José Manuel Martínez Juste, o enólogo de Carlos Mouriño. Gandeiros da zona de Sarandón comentáronnos que esta familia está a adquirir moitas terras. Proxectan plantar entre 10 e 15 hectáreas de oliveiras e outras 20 ou 30 hectáreas de praderías para gando bovino. A intención é chegar a ter ao redor de 100 hectáreas.
  • BODEGAS LAN e GRUPO SOGRAPE: A finais dos anos oitenta, seguindo o exemplo de La Rioja Alta con Lagar de Cervera, a adega rioxana LAN mercou Santiago Ruíz, na zona do Rosal, con 38 hectáreas de viñedos, para elaborar brancos de calidade. E, como no mundo dos negocios o peixe grande sempre papa o pequeno, en 2012 o grupo portugués Sogrape Vinhos, dono do Mateus Rosé, adquiriu a maior parte das accións de Bodegas LAN e Santiago Ruíz, controlando ambas marcas.
  • VICENTE DALMAU CEBRIÁN SAGARRIGA: O undécimo conde de Creixell e barón de la Pobadilla é dono da adega rioxana Marqués de Murrieta. En Galiza, ten un pazo de 1511 en Ribadumia arrodeado por seis hectáreas de viñedos de onde obtén a uva para elaborar o viño Pazo de Barrantes (Rías Baixas).
  • BODEGAS BAIGORRI: (Rioxa alavesa) adquiriu a empresa Granbazán (Agro de Bazán), localizada en Tremoedo (Vilanova de Arousa), con 15 hectáreas de viñedo propias e outras 45 que controla.

...e polas outras denominacións de orixe, tamén

  • ADEGAS CVNE: A Compañía Vinícola do Norte de España (CVNE) mercou a adega Virxe de Galir, da DO Valdeorras, en 2017. CVNE comercializa uns 8 millóns de botellas de viño cada ano en 90 países, polo que non ha ter problema en dar saída aos seus viños de Valdeorras.
  • LORENZO LÓPEZ: O empresario hoteleiro dono da cadea Hoteles López, en Canarias (7 complexos con 5.000 habitacións en Gran Canaria e Fuerteventura) é natural da parroquia de Deade, en Pantón. Será por morriña, que o home decidiu, recentemente, investir no terrón natal coa apertura dun restaurante, unha hospedaría, unha gasolineira e, como non, unha adega. O seu proxecto consiste en plantar en 300 hectáreas de terras o maior viñedo da Ribeira Sacra, das que xa leva 100 en Goián, Augasantas e Espasantes, case todas de Treixadura. Tamén está mercando terras en Atán, na ribeira do Miño. A densidade de plantación está a ser de 3.000 cepas por hectárea. Xunto aos viñedos, mercou o antigo convento dominico de Pantón, do século XVI, onde ten planeado albergar a adega, a hospedaría, o restaurante e un museo do viño. A maiores, tamén mercou unha adega monumental escavada no Monte Piñeira, preto de Monforte, que pertenceu aos Condes de Lemos.
  • FAMILIA DOMINGUEZ. A familia ourensá dona de Bimba&Lola e Lonia Textil ten a adega Dominio de Bibei, con sede en Manzaneda e inscrita na Ribeira Sacra, dedicada principalmente a godello. Chama a atención o capital social desta adega, que supera os 10 millóns de euros.
  • JOSÉ LUÍS CUERDA: O director de cine mercou unha adega do século XV en Gomariz (Leiro) que pertenceu, no pasado, aos mosteiros de Oseira e San Clodio. Xunto á adega, mercou 6 hectáreas de terras a trinta familias nas que plantou castes como treixadura, godello, loureiro, torrontés e albariño para facer viño de calidade a través da empresa Produccións Amodiño e comercializado coa marca San Clodio.
  • ROBERTO VERINO: A principios dos noventa, o deseñador de moda mercou 8 hectáreas de viñedos nunha ladeira ao pé do Castelo de Monterrei, onde fundou a adega Terra do Gargalo.

Subvencións da Xunta ao sector vitivinícola

Non hai dúbida de que a tendencia, moi acelerada en Rías Baixas e algo máis pausada no resto das denominacións de orixe, é ao desembarco de grandes capitais que concentran cada vez máis a produción en menos mans, botando do sector a viticultores e viticultoras de pequena escala e a pequenas adegas colleiteiras. Precisamente, a parte máis difícil do proceso produtivo, que é a comercialización, estes grandes grupos empresariais xa a teñen absolutamente dominada. Nun sistema económico de libre mercado, este proceso pode ser contemplado con certa normalidade.

O que é criticable é que a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Medio Rural ou do Igape, estea a favorecer descaradamente o proceso.

A complicidade da Xunta xa non é só pola permisividade normativa á hora de recualificar monte en viñedo, que tamén; senón pola concesión de axudas millonarias que están a favorecer ostensiblemente uns poucos grupos empresariais en detrimento da pequena viticultura; e que, a maiores, se destinan o meirande dos fondos públicos a unha soa denominación de orixe, Rías Baixas, en detrimento das demais.

Onde mellor se ve todo isto é no reparto das axudas á promoción do sector do viño nos mercados de terceiros países, dependentes de Medio Rural; e outras liñas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como Galicia Exporta Empresas, os apoios á contratación de xestores de internacionalización ou o Plan Primax. En Fouce, analizamos o reparto feito nos últimos anos, e semellan unhas axudas deseñadas para favorecer a Rías Baixas. Así, no último lustro, o consello regulador desta DO ingresou 1.030.973 € da Consellaría de Medio Rural e 116.658 do Igape. Séguelle, moi de lonxe, o consello do Ribeiro, con 85.850 € de Medio Rural e 215.689 € do Igape. Despois, só con axudas de Medio Rural, viría Valdeorras, con 4.394 €. En Ribeira Sacra e Monterrei non ingresaron nin un céntimo das liñas de axuda analizadas.

subvencións viño

Martín Códax, a cooperativa do millón de euros

As outras grandes beneficiarias das axudas á exportación son as cooperativas vinícolas de Rías Baixas. A través de Medio Rural, Martín Códax ingresou nos últimos cinco anos 686.781 €, aos que habería que engadir a axudas que lle deron a unha empresa que depende da cooperativa, Viñas e Adegas Galegas, que levou 220.165 €. Se lle engadimos os 94.941 € que Martín Códax ingresou por axudas á reestruturación a través da empresa Agrícola Anmar; e os 69.763 € que ingresou por subvencións do Igape, sumaría máis de 1 millón de euros en subvencións.

Segue a cooperativa Vitivinícola Arousana, que embotella entre outras marcas Paco&Lola, con 291.374 € de Medio Rural e 83.267 € do Igape, o que sumaría 374.641€. A terceira no podio é a cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, con dúas axudas á que habería que sumar outra á súa principal marca, Viña Costeira, e outra máis do Igape; en total, máis de 115.000 €. Moi lonxe destas, a cooperativa Eidosela, tamén de Rías Baixas, embolsou máis de 73.000 €.

CVNE e Terras Gauda son as adegas de capital privado que máis axudas recibiron da Xunta

Será polo seu nome ou por unha causa que descoñecemos, pero Virxe de Galir parece que está tocada por unha gracia divina para recibir subvencións. Entre 2014 e 2018, antes e despois de ser adquirida por CVNE, embolsou 286.657 € en axudas á comercialización de viño en terceiros países, cartos aos que habería que sumar 119.611 € en axudas á reestruturación de viñedo dos dous últimos anos e 12.145 € do Igape, sumando en total 419.172 € en subvencións. Suponse que cos cartos para reestruturación, a multinacional rioxana executará o seu plan de ampliar de 20 a 50 hectáreas de viñedos en Valdeorras, tal e como fixo público.

Pero, sen dúbida, o proxecto empresarial non cooperativo que máis recibe da Xunta é Terras Gauda. A adega do Rosal levou 360.618 € en catro anualidades de axudas á exportación, cartos aos que habería que sumar 113.066 € de dúas axudas á reestruturación e 4.901 € do Igape. En total: 478.585 €.

No top 10 tamén, ocupa o terceiro posto Adegas Valmiñor, con 386.633 € en axudas á exportación de Medio Rural. Por este mesmo concepto, ingresaron 258.917 € o empresario Emilio Ucha para Pazo Pondal, 190.224 € Bodegas Gallegas (a través de Rectoral do Umia, Rectoral de Amandi, Alanís e Millenium), 99.272 € Horacio Gómez para HGA Viñedos de Altura (aos que suma 29.900 € do Igape: 129.172 € en total), 100.390 euros a familia Masaveu para Fillaboa, 93.717 € (+3.328 € do Igape) para Marqués de Vizhoja, 76.713 € (+6.952 € do Igape) para Attis, ou 70.837 € para Carlos Mouriño a través da Asociación Wines from Galicia.

Aínda que non chega a estes importes, destaca a axuda concedida a Agro de Bazán (de Bodegas Baigorri da Rioxa) por importe de 47.329 € por unha soa anualidade (as anteriores cifras sumaron sempre entre tres e cinco convocatorias).

Se falamos só de axudas á reestruturación do viñedo, quitando os casos anteriormente citados de Virxe de Galir (CVNE), Terras Gauda ou Martín Códax; habería que destacar o Grupo Zamora (Ramón Bilbao, Mar de Frades, etc.) que levou, nos últimos dous anos, 202.952 euros para plantar viñedo novo. Lagar de Fornelos, pertencente ao grupo La Rioja Alta S.A. que agrupa marcas de Rías Baixas como Lagar de Cervera ou Viña Armenteira, levou 105.179 €. A xerezana González Byass é tamén unha das empresas foráneas que están a sacar máis cartos en axudas á reestruturación: 60.098 € entre as convocatorias de 2017 e 2018.