A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG critica o apoio da Xunta a un proxecto de Erimsa que afecta 210 hectáreas en Mesía e Frades e que antes rexeitou

O SLG critica o apoio da Xunta a un proxecto de Erimsa que afecta 210 hectáreas en Mesía e Frades e que antes rexeitou

13 de Septembro do 2019

Escavacións

O pasado 30 de agosto saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de explotación derivada do permiso de investigación de recursos mineiros Xanceda 7138 nos concellos de Frades e Mesía, por un período de trinta anos, proxecto promovido pola multinacional mineira de capital chinés e noruegués Erimsa.

Como xa temos informado no pasado, o proxecto Xanceda 7138 desenvolverase na parroquia homónima do concello de Mesía, collendo tamén un pouco do veciño municipio de Frades, e afectando, finalmente, segundo a resolución de outorgamento da Xunta, un total de 210 hectáreas. As estimacións realizadas polo SLG no pasado indicaban que estaban afectadas por este proxecto 26 granxas, con 90 postos de traballo directos. Poren, tal e como xa temos denunciado con anterioridade, o proxecto de Xanceda só é unha parte mínima da megaexplotación mineira coa que Erimsa quere extraer seixo nas comarcas de Ordes e Compostela. En realidade, Erimsa está a fragmentar o seu superproxecto de explotación e, a Xanceda 7138, habería que engadir Calvente 7136, Andrea 7137, Lamoso 7135 e Marís ; en conxunto, estamos a falar ao redor de 6.000 hectáreas afectadas que constitúen a base territorial e alicerce de case duascentas granxas en activo, o 93% das cales son de produción leiteira, que manteñen medio milleiro empregos directos.

Aínda que a empresa argumenta que a explotación mineira dependerá da autorización de cada propietario ou propietaria, dende o SLG sabemos que a extracción de mineral nas fincas, con independencia de que estean a ser usadas por granxas ou en barbeito, deixaraas inservibles para usos agrarios no futuro e hipotecará a base territorial para novos proxectos agrogandeiros ou para ampliar e reforzar os xa existentes. Ademais, poderíaselle usurpar base territorial a granxas en activo en contra das actividades extractivas se estas dependen de terras alugadas e a persoa propietaria decide cederllas á mineira. A maiores, cómpre ter en conta o impacto negativo seguro que terán as escavacións e o peneirado da terra explotada nas ficas veciñas ou nos cultivos e no gando que haxa preto das zonas de extracción.

POSTURA CONTRADITORIA E INXUSTIFICABLE DA CONSELLARÍA DE MEDIO RURAL

Dende o SLG non entendemos o cambio de criterio da Xunta de Galicia, que resulta un despropósito despois dun primeiro informe emitido pola Consellería do Medio Rural, o 1 de maio de 2017, no que se opoñía ao proxecto. Este informe de 2017 era taxativo e nel a Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura pronunciábase “...en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose dita afectación negativa no tempo tralo remate das actuacións”. Tralo cal, sentenciaba: “...rexeitamos o proxecto con rotundidade e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos”.

Porén, o informe actual contradí a posición mantida até agora. Este cambio de criterio evidencia a falta de rigorosidade da Consellería de Medio Rural e da Xunta de Galicia, que puxeron por diante os intereses da empresa mineira en lugar de defender o medio ambiente e a base territorial das granxas da bisbarra.

A documentación publicada amosa unha falta de rigorosidade nos organismos que velan polo coidado do medio ambiente e das augas. Ademais, demostra unha lasitude moi grande coas actividades extractivas da empresa, que implican movementos de terra enormes e afectan os ciclos hídricos de amplas zonas do territorio, en contraste coas actividades do día a día das persoas que traballan e viven no entorno, que se atopan cunhas esixencias moito maiores no momento de tramitar autorizacións ou afrontar os controis destes organismos.

Diante de todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego comprometémonos a traballar e apoiar a veciñanza destes concellos na oposición a este tipo de explotación que podería comprometer a dispoñibilidade de terras agrarias e o seu uso no futuro nunha parroquia eminentemente gandeira como Xanceda.