A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Montecubeiro acolle o III Festival Son Labreg@ que analizará a importancia das mulleres na xestión do monte

Montecubeiro acolle o III Festival Son Labreg@ que analizará a importancia das mulleres na xestión do monte

19 de Septembro do 2019

Presentación III Son Labrego

Sonia Vidal Lamas (Sindicato Labrego Galego) e Pilar Ferreiro Villar (Concello de Castroverde) presentaron en Lugo, o 18 de setembro, a terceira edición do Festival Son Labreg@, que nesta ocasión se celebrará na parroquia castroverdense de Montecubeiro, coa colaboración do Centro Social d'A Chave das Noces. Este festival é un evento itinerante e que xa se ten celebrado noutros escenarios rurais como Lousada (Sarria) ou Garabelos (Chantada).

Na comparecencia diante dos medios de comunicación, Sonia Vidal Lamas, da Executiva e da área de Mocidade do SLG, debullou un programa que, en canto aos contidos, este ano estará centrado no ecofeminismo e na xestión dos montes comunais. Dende este punto de vista, co Son Labreg@ deste ano preténdese non só destacar o uso multifuncional do monte como factor decisivo para a prevención de lumes, a xestión do territorio, o emprego no rural ou a conservación do medio ambiente; senón, ademais, facer visible o papel fundamental que as mulleres desempeñaron e desempeñan neste senso.

Precisamente, a palestra coa que abre o festival ás 12:00 leva por título “Alternativas produtivas do noso monte”, e contará coa participación de experiencias contadas en primeira persoa polas súas protagonistas como as cooperativas Amarelante (Manzaneda) ou Ribeiregas (Negueira de Muñiz), as comunidades de montes de Froxán (Lousame) ou Carballo (Friol), e experiencias produtivas como a de Gemma Sampedro co gando caprino e as súa empresa Cabuxa Natur (Guntín).

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, presentarase o libro Árbores que non arden: as mulleres na prevención de incendios forestais. Trátase dunha iniciativa impulsada dende o Proxecto Batefogo que se vai plasmar na publicación dun libro multidisciplinar, pola Editorial Catro Ventos, no que profesionais de diversos ámbitos analizan o papel imprescindible das mulleres na xestión do monte (www.goteo.org/project/arbores-que-non-arden). Contaremos coa presenza dalgunhas das mulleres que participaron na redacción deste libro, entre elas a historiadora Lara Barros, que nos falará tamén do papel das mulleres na xestión dos montes comunais dende unha perspectiva histórica (www.facebook.com/pg/mulimeinvestigacion/about/).

Aposta lúdica que terá como prato forte música todo o día con Trasdalomba, Amigos do Caldeiro, Sacha na Horta, Tecor Sociétario e Sapoconcho sem Poncho

Como non podía ser doutro xeito, o Festival Son Labrego terá unha ampla oferta lúdica, na que destaca un amplo cartel musical, coa actuación na sesión vermú do grupo de música tradicional castroverdense Trasdalomba. No serán, haberá foliada co grupo Amigos do Caldeiro e, xa pola noite, o prato forte a cargo de Sacha na Horta e Tecor Sociétario, finalizando coa selección musical que fará para @s asistentes o DJ Sapoconcho sem poncho.

Ademais de música, haberá actividades propias para a rapazada, un obradoiro de elaboración de pan a partir de landras, un campionato aberto de billarda e a tradicional feira que sempre acompaña este festival cunhas previsións que apuntan a unha vintena de postos nos que haberá alimentos de calidade, artesanía, organizacións sociais, etc.

Para as persoas que queiran xantar en Montecubeiro, a organización terá servizo de bar e venderanse racións de empanada, lacón asado ou chourizos ao viño para xantar. Tamén se instalará unha carpa en previsión das posibles choivas.

Apoio institucional do Concello de Castroverde

Pola súa banda, Pilar Ferreiro, concelleira de Cultura e Deportes de Castroverde, comentou que “recibir este tipo de propostas é realmente unha satisfacción, xa que precisamos darlle pulo ao rural e que cada vez se sinta máis vivo. Para este evento elixiuse a parroquia de Montecubeiro como lugar de celebración. As súas fermosas paisaxes e a historia que leva ás súas cotas fan desta parroquia un lugar único e idóneo para a celebración deste festival”. E coa vista máis posta no futuro, engadiu que, “pola nosa banda, seguiremos abertos a seguir colaborando con iniciativas coma esta, para darlle ao rural a importancia e o lugar que realmente se merece”.

Rolda de prensa III Son Labrego

Novo programa III Son Labrego