A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG desmárcase das organizacións agrarias estatais e defende a suba do Salario Mínimo Interprofesional no agro

O SLG desmárcase das organizacións agrarias estatais e defende a suba do Salario Mínimo Interprofesional no agro

21 de Xaneiro do 2020

Sementeira de euros

O Sindicato Labrego Galego, diante da posición contraria á suba do salario mínimo interprofesional (SMI) das tres principais organizacións agrarias do Estado, quere manifestar o seu total desacordo con esa postura. Pola contra, o Sindicato Labrego apoia a suba do SMI de maneira rotunda, clara e inequívoca porque manter o salario mínimo no nivel actual supón legalizar a pobreza e a exclusión social e económica de miles de traballadores e traballadoras do agro.

Da mesma maneira, como labregos e labregas que cotizamos como traballadores e traballadoras por conta propia, tamén queremos que nos garantan unha renda mínima digna como persoas traballadoras do campo ou Unidades de Traballo Agrario (UTAs), unhas rendas a través das cales se nos asegure uns ingresos netos mínimos de acordo ao SMI.
Para iso, dende o Sindicato Labrego Galego reivindicamos que os fondos da Política Agraria Común (PAC) se orienten cara a esta finalidade, de maneira que non haxa necesidade de tirar dos orzamentos públicos do Estado ou das comunidades autónomas para garantir esa renda mínima básica para o agro. Podería acadarse simplemente aplicando a PAC cun carácter social, repartindo os seus fondos realmente entre os labregos e as labregas, e non malgastando cantidades millonarias que van parar maioritariamente a familias terratenentes, latifundios, corporacións industriais, grandes empresas, especuladores e fondos de investimento.
Ademais, o Goberno ten potestade para lexislar, a través da reforma da Lei da Cadea Alimentaria, de cara a que os labregos e labregas perciban prezos polo produto do seu traballo que deixen unhas marxes de beneficio dignas e nunca baixen dos custes de produción.
Tamén reivindicamos que a pensión mínima digna se iguale co salario mínimo interprofesional porque, precisamente, as persoas na última etapa da súa vida é cando son máis vulnerables e precisan, máis que nunca, manter un nivel adquisitivo suficiente para vivir eses últimos anos sen perder a súa dignidade. Neste senso, cómpre lembrar que os labregos e labregas de Galiza que se xubilan perciben as pensións máis baixas do Estado agravadas cunha inxusta fenda de xénero que fai que as mulleres estean nunha situación de maior vulnerabilidade cós homes. Precisamente, facer que as pensións non baixen do SMI remataría con esta manifesta desigualdade entre homes e mulleres.
Só a través de medidas coma estas poderemos enfrontar un problema que está tan de moda como a desertización demográfica do medio rural, tanto na Galiza como no Estado. Facer da agricultura unha profesión digna e ben remunerada é un paso indispensable para conseguilo. De nada nos vai servir dotar de Internet ou conectividade 5G ao rural se a xente que vive no campo non ten cartos para custear eses servizos. As familias volverán ao rural se teñen un medio de vida digno para vivir nel; en caso contrario, teremos que afacernos a un campo cada vez máis abandonado para satisfacción de Ence, das compañías mineiras e da industria enerxética.