A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Goberno apraza as declaracións e liquidacións do primeiro trimestre tarde e sen contribuír a paliar a pandemia

O Goberno apraza as declaracións e liquidacións do primeiro trimestre tarde e sen contribuír a paliar a pandemia

16 de Abril do 2020

AEAT

Despois de que o Sindicato Labrego Galego lle solicitase á Axencia Tributaria, o pasado 24 de marzo, o aprazamento das declaracións e liquidacións do primeiro trimestre nos sectores agrogandeiros (ver bit.ly/covid19AEAT), por fin, o 15 de abril, o BOE publicou un real decreto lei polo que se “estende o prazo para a presentación e ingreso de determinadas declaracións e autoliquidacións tributarias”. Para o SLG, este real decreto chega tarde, mal e arrastra.

Para empezar, mal, pois resúltanos insuficiente: nós solicitamos poder presentar as declaracións e autoliquidacións do primeiro trimestre conxuntamente coas do segundo, tendo como prazo até o 20 de xullo. Porén, este decreto lei só amplía até o 20 de maio. Non entendemos por que a Axencia Tributaria só amplía o prazo até o 20 de maio, xa que a efectos recadatorios non ía haber diferencia con aumentar ese período tres semanas máis, pois xa temos en vigor a posibilidade de aprazar os pagamentos durante tres meses sen intereses.

Ademais, tarde e arrastra, xa que a tardanza de case un mes en publicar esta decisión dende a nosa solicitude anulou os efectos positivos que pretendiamos coa ampliación. Cómpre pensar que, xusto hoxe, remataba o prazo para domiciliar os pagamentos do primeiro trimestre, que é a única maneira de presentación das liquidacións que saen a pagar se a declarante quere evitar ter que ir ás oficinas bancarias. Isto obrigou ás persoas contribuíntes a realizar todo o traballo de recompilación da documentación e os desprazamentos necesarios para achegala ás oficinas administrativas, accións que, precisamente, pretendíamos evitar coa nosa solicitude para non aumentar o risco de contaxio ou a propagación do Covid-19. Polo tanto, este decreto lei chega demasiado tarde e xa non vai contribuír a conter a expansión da pandemia.