A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide apoio para a campaña de financiamento do Projeto Moas da Escola Semente de Compostela

O SLG pide apoio para a campaña de financiamento do Projeto Moas da Escola Semente de Compostela

5 de Xuño do 2020

Projeto Moas

Poucos proxectos agachan tanta esperanza e ilusión como o da Escola Semente. Alá onde nunca quixeron chegar as institucións que deberían velar por manter viva e vizosa a nosa lingua, por garantir unha educación laica en simbiose coa cultura do país, chegan a entrega e o esforzo visionario destas educadoras e educadores que dan agora un paso máis co Projeto Moas na parroquia de Vidán, en Santiago de Compostela, coa intención de unificar nun mesmo espazo a educación infantil e primaria que xa viñan impartindo nos últimos anos na capital galega.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar o noso apoio a este proxecto e facer un chamamento á cidadanía para colaborar no seu financiamento que, en parte, se está a nutrir dunha campaña de mecenado a través da plataforma Goteo.org. Con pequenas contribucións, ti tamén podes achegar o teu apoio a un proxecto deses que si constrúen país ademais de conciencias cultivadas, libres e críticas, que é o desexable de calquera sistema educativo.

Agora mesmo, levan recadados case 70.000 euros, o 76% dos 90.000 € como mínimo que deben acadar para facer deste soño unha realidade. E só restan nove días para que finalice a campaña. Agardamos que coa túa achega este proxecto imprescindible para a Galiza poida facerse realidade e sexa semente para novas iniciativas que se lle asemellen.