A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Mocidade labrega: Resistencia e resiliencia para afrontar a crise pola pandemia do Covid-19

Mocidade labrega: Resistencia e resiliencia para afrontar a crise pola pandemia do Covid-19

11 de Agosto do 2020

Mocidade pandemia

Na historia do Sindicato Labrego, esta foi a primeira vez que vivimos unha pandemia que obrigou a decretar un estado de alarma e un confinamento. Pese a que os alimentos son produtos de primeira necesidade cuxa circulación estivo protexida dende o minuto un da crise pola Unión Europea, tanto a actividade labrega como a venda directa sufriron graves restricións. Haberá un antes e un despois desta crise, e diso quixemos falar con mozos e mozas de diversos sectores e comarcas para tentar esbozar uns trazos do que supuxo, supón e suporá o Covid 19 para a Galiza labrega.

Os mozos e as mozas que participaron nesta reportaxe, publicada no Fouce 330, teñen en común vivir da terra. Todos e todas afrontaron e seguen a afrontar a crise xerada polo estado de alarma decretado por mor da pandemia do Covid 19. O impacto foi desigual, dependendo do tipo de produción ou da fórmula de venda. Tania quéixase de que lle afectou moito porque “os becerros quedaron sen saída comercial e tamén, no día a día, complicóusenos moito o manexo dos animais ao ter que facelo unha persoa soa”.

María Xosé, de Mimá, depende totalmente da venda directa das súas producións. Porén, non tivo grandes perdas a pesar do peche dos mercados de proximidade. Se ben é certo que non puido venderlle a un comedor escolar e a un restaurante, salvoulles “ter o mercado semanal da Reserva da Biosfera aberto grazas á intervención do Concello de Allariz. É a diferenza cando as políticas locais traballan polo sector primario e o coidan”.

A Casa Codesal tampouco lle afectou moito a nivel produtivo, aínda que si “á hora de dar saída ao gando. O peche de mercados e feiras gandeiras orixinou unha caída na demanda e nos prezos que posiblemente se alongue no tempo”.

Pola súa banda, A Quinta da Vacaloura non viu minguadas moito as súas vendas porque non depende dos mercados. Xosé María explica que o estado de alarma colleuno “con só media ducia de galos para vender e os años aínda moi novos (...) Os ovos, en pleno pico de produción, vendinos sen problema no pequeno comercio e a domicilio, que xa eran as canles que utilizaba. Puiden traballar case que con normalidade, aínda que tiven que mudar a planificación da produción”.

Composición mocidade labrega covid

Para poder realizar esta reportaxe falamos, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, con Tania Pérez Pértega, de Santa María Maior (Mondoñedo), onde se dedica á produción de vacún de carne;Xosé Antonio Rivas, de Vilapedre, na Devesa (Friol), onde rexenta xunto á súa familia Casa Codesal, unha granxa ecolóxica de vacún de leite; Xosé María García Villaverde, que traballa no seu proxecto A Quinta da Vacaloura en Naraío (San Sadurniño), que inclúe unha granxa avícola e de ovino que combina coa produción de froita e mel; e María Xosé Castro, da granxa Mimá, dedicada principalmente a horta e apicultura.

Unha crise que descubriu as graves fraquezas do sistema alimentario

Hai poucas esperanzas de que a gravidade da pandemia do Covid 19 sirva para facer cambios significativos no sistema agroalimentario dominante. Tania pensa que debería cuestionalo, xa que “a carne que viña de fóra de Galiza seguiuse vendendo nos supermercados, mentres que o gando de pequenas granxas familiares como a miña, que se vendía en mercados máis pequenos, sufriu o peche destes, provocando que os prezos baixasen moito e quedasen as nosas producións sen saída comercial”.

Nesta aposta do poder polas grandes cadeas de supermercados abonda María Xosé, para a que estes centros de consumo “apareceron como templos no estado de alarma, ofrecendo a ilusión de que estamos salvadas mentres teñamos poder de compra. Pero é se fallara a gran distribución? Pasará en crises futuras?”.

Todo isto foi clarificador para Xosé María García Villaverdeas grandes superficies protagonizaron o discurso político e mediático, as feiras / feiróns e mercados / mercadillos foron prohibidas, as hortas de autoconsumo boicoteadas... O presidente do Goberno garantiu que, a pesar de estar as fronteiras fechadas, non habería problema para a chegada de alimentos de calquera lugar do mundo, alimentos que no imaxinario colectivo parecían nacer nalgunha plataforma loxística desde a que se distribuía en camións a cada supermercado. Nin labregos e labregas, nin empregados e empregadas agrícolas tiveron un oco nas preocupacións e homenaxes aos traballos esenciais, até que se alertou de que algunhas colleitas podían perigar por falta de man de obra (barata, migrante), e pouco se falou así e todo”.

Engade Villaverde que “o confinamento, o feche de fronteiras e a redución da mobilidade á súa mínima expresión debería facer reflexionar a cidadanía e gobernantes sobre a conveniencia de depender para a nosa alimentación dun modelo industrial global. Non era descartábel que se dese algún acaparamento ou desabastecemento de alimentos do mesmo modo que sucedeu co material sanitario”.

Fronte a esa fraxilidade do sistema, queda a resiliencia de modelos agrícolas e mercados máis autónomos e autosuficientes que destaca María Xosé Castro: “Ter no entorno auga potable, terra de labor e animais é o que nós garante a vida e a supervivencia”.

Para Xosé Antonio Rivas, todo o que vivimos debería facernos reaccionar e valorar máis o rural. “Ao mesmo tempo, deberían producirse cambios no sistema agroalimentario a todos os niveis. É necesario que a produción de alimentos sexa non só máis ecolóxica e natural, senón tamén de proximidade. Sería importante potenciar a venda directa e o comercio local, así como poñer en valor todo o sistema produtivo, para diminuír ou eliminar a dependencia que temos doutros países para dispoñer de certos produtos. Nunha situación de peche de fronteiras e comunidades, queda evidenciado a importancia dunha produción local e sostible”.

As políticas agrarias deben mudar cara á soberanía alimentaria

Cando lles preguntamos cal debería ser a alternativa, todos e todas coincidiron en subliñar a soberanía alimentaria como a cerna de calquera política agraria que se deseñe na Galiza. Para Tania, por exemplo, “a nosa carne de tenreira galega e de aquí debería quedar aquí. Non deberiamos deixar que veña carne de fóra mentres deamos abastecido dende as granxas de Galiza os mercados e supemercados de aquí”.

De igual maneira pensa María Xosé, quen ademais de apostar pola soberanía alimentaria, tamén o fai pola agroecoloxía, por “producir máis e mellor no territorio”. Para iso, “habería que comezar por un estudo serio e profundo de que producimos no país, que importamos, que exportamos, e mudar as políticas cara a autosuficiencia”.

Esa mesma palabra, “autosuficiencia”, foi a escollida por Xosé Antonio xunto con “soberanía alimentaria” para definir a alternativa. “Non debemos ser dependentes cando se fala de alimentación, xa que iso é primordial para o ser humano. Porque a dependencia na alimentación pon en risco todo o sistema e o futuro de calquera país. Estamos a ver como todos os países están a invertir e potenciar a súa propia produción para depender cada vez menos do exterior, e nós non debemos quedarnos atrás nestes momentos”.

Pola súa banda, Xosé María viu na crise unha oportunidade coa que puidemos “relativizar e avaliar o que é ou non esencial, o que realmente precisamos para vivir ben. Non sei que conclusións se tirarían en xeral (...) A min todo isto fíxome reafirmarme no que xa pensaba antes, debemos en certo modo rerruralizar, relabreguizar a economía e a sociedade, o mundo: relocalizar, desconcentrar, desmasificar, simplificar, ralentizar... decrecer en destrución e crecer en sustentabilidade, coidados, igualdade, liberdade e fraternidade. No referido á alimentación isto supón máis agroecoloxía e soberanía alimentaria. Por que? Porque nos vai a saúde, a vida e o benestar nisto, por non falar do futuro como especie”.

O retorno ao rural é máis necesario que nunca, pero para producir alimentos

Para Tania, que a xente volva ao rural é previsible, xa que “despois da crise moitas persoas van quedar sen traballo, polo que esa volta ao rural será para moitos e moitas case unha necesidade, xa que quen poida e teña oportunidade traballará a terra para plantar horta e aproveitar ao máximo as posibilidades do autoconsumo como resposta a unha crise que se prevé moi grande

Máis alá da superviencia, a alternativa do rural fronte ás grandes urbes que “se mostraron co- mo lugares invivibles, sen espazo suficiente” é evidente para María Xosé. “Creo que no rural gozamos de maior calidade de vida. Ademais, precisamos que volvan as labregas! Para traballar pola soberanía alimentaria fai falla unha nova xeración de xente moza”. E para que isto aconteza, será clave “mellorar o acceso a vivenda”.

E é que “nunca se debeu abandonar o rural como se fixo”, cre Xosé Antonio. “Sabemos que sempre foi unha vida dura e sacrificada, na que os medios eran escasos e a agricultura e gandería eran parte dunha economía de subsistencia. Pero a día de hoxe pódese vivir dignamente no rural e atopar unha forma de vida que non teriamos en ningún outro lugar”.

Unha das conclusións que moita xente pareceu tirar do confinamento foi que vivir nun piso (pequeno) nunha cidade (grande) talvez non é tan bon e bonito como pensabamos, especialmente se isto dos confinamentos comeza a virar costume”, reflexiona Xosé María. “Unha volta ao rural é necesaria, xa o era antes, pero unha expansión das cidades polo territorio en forma de novas urbanizacións ou transformando pequenos núcleos en aldeas-dormitorio non só non o é, senón que agravaría os problemas locais e globais, ambientais e sociais que xa temos. Voltar ao rural, rerruralizar, debe ser relabreguizar. Voltar ao rural non é que todo continúe igual mais cunha poboación máis dispersa. A razón de ser do rural, o motivo polo que o rural non ten nada a ver coas urbanizacións e os chalés, é producir alimentos. Non toda a poboación rural se dedica necesariamente ou como actividade principal á produción de alimentos, pero esta é a actividade económica central e é unha actividade económica estendida polo territorio, marcada polas estacións, condicionada pola natureza, porque un polígono industrial agropecuario tampouco é rural, é industria”.

A mocidade como nexo indispensábel do saber pasado e da esperanza futura

Obviamente, a mocidade deberá ter un papel central nesta volta ou revolta ao rural, máis como ben sabemos quen xa vivimos nel e del, será difícil, xa que “a administración pon moitas trabas e non axuda tanto como pretende facer ver”, quéixase Tania.

Por iso, cómpre non caer no pesimismo, apunta María Xosé: “as crises son oportunidades para reflexionar, resetear e avanzar. A mocidade deberiamos salvar os valores e saberes de autosuficiencia, valorar a terra (da que dependemos) e considerar o decrecemento”.

En todo isto van ser fundamentais os saberes tradicionais, “valorar todo o que foi legado polas xeracións anteriores e a gran importancia que tivo e ten o rural”, di Xosé Antonio. En todo isto, a formación será indispensable “para lograr os obxectivos de crear un rural aberto á sociedade, que anime a outros mozos e mozas a regresar, pero sobre todo a non marchar”. Como tamén será necesario “facer as cousas co corazón, coidando os animais e a natureza, loitando por conseguir todas as melloras e servizos necesarios, creando empresas que dan riqueza e emprego á zona onde se atopan, creando un medio de vida digno e de calidade. A mocidade ten que dar un paso adiante e mostrar que o rural está vivo e ten futuro”.

Todo sen esquecer o imprescindible rol da xente nova “para o relevo xeracional alí onde resiste a produción labrega e para o repoboamento daqueles lugares onde xa non a hai”, advirte Xosé María, que tamén abonda na importancia da formación e recuperación de saberes “A mocidade debe formarse, organizarse e traballar para dar continuidade e viabilidade a producións labregas xa existentes e pór a andar outras novas con vocación de permanencia para alimentar as xeracións futuras. É un papel inmenso, unha responsabilidade que non debe recaer nunha xeración ou parte dela, e menos aínda coa pirámide poboacional que temos. A participación da mocidade nesta misión é indispensábel mais non debe ser exclusiva, non pode cargar ela con todo o peso dunha obra desa transcendencia histórica, así que deberá convencer as xeracións anteriores de que (contra o que lles/nos levan contando desde hai décadas) non só hai futuro na terra, na produción de alimentos, na vida labrega... é que o futuro da humanidade pasa por reconstruírmos (coas actualizacións que cumpran) unha vida na terra, da terra, coa terra, e mantermos a terra viva, sa. Por suposto todo isto non vai só de falarmos na sociedade destas cousas e facer o posíbel por que se materialicen: as institucións, as administracións, os gobernos... deben ver que estas mudanzas son xa unha necesidade urxente, un traballo que non convén demorar porque require de moitos esforzos, decisións e tempo, de compromisos amplos e sólidos”.