A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A desidia da de Medio Rural pon en risco 40 millóns para formación, asesoramento, comercialización e clima

A desidia da de Medio Rural pon en risco 40 millóns para formación, asesoramento, comercialización e clima

14 de Agosto do 2020

PDR

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un documento no que interpela a Medio Rural acerca de varias cuestións e deficiencias detectadas no informe anual de execución do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR) correspondente ao ano 2019.

Principalmente, detectamos unha serie de medidas contempladas no PDR que consideramos fundamentais para o desenvolvemento rural e que, despois dun lustro, seguen practicamente sen executar. Estamos a falar de políticas esenciais para o agro como formación, intercambio de coñecementos, asesoramento, mercados de venda directa ou loita contra o cambio climático que, en conxunto, suman fondos que ascenden a preto de 40 millóns de euros que se poderían perder se non se xestionan debidamente. Vexámolo polo miúdo:

RISCO DE PERDER CASE 10 MILLÓNS PARA TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTOS E FORMACIÓN

Na medida 1 (Transferencia de coñecementos e actividades de formación) parece difícil que se poida gastar todo o orzamentado. Dos 11.360.000 € apenas se gastaron 2 millóns dende 2014, o 15'76% do total. En 2019, tan só se xestionaron 219.000 € en “Formación profesional e adquisición de competencias” (submedida 1.1), pero nada en actividades de información e demostración ou en intercambios e vistas formativas (submedidas 1.2 e 1.3).

Sen formación e información, o sector primario está morto. Dende o SLG, queremos saber por que esta medida non se implantou e que cuestións fallaron. Hai tres anos falárase dos “erasmus agrarios”, pero descoñecemos os resultados ou se o financiamento se fixo con cargo a esta medida ou non.

MÁIS DE 15 MILLÓNS DE EUROS POR GASTAR EN ASESORAMENTO, XESTIÓN E SUBSTITUCIÓNS NAS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS

Na medida 2 (Servizos de asesoramento, xestión e substitución das explotacións agrícolas), dotada con 16.680.000 €, tamén parece difícil que se vaian gastar todos os fondos, xa que deixaron de facerse convocatorias ao respecto e, até agora, só se gastaron 943.822 €, o que supón o 3,1%. Non é posible que non haxa demanda de asesoramento. No SLG seguimos apostando por un asesoramento público, pero nestes momentos, coas oficinas agrarias comarcais desmanteladas, quen asesoran as granxas son os mesmos comerciais das empresas que lles venden insumos, co cal a imparcialidade non existe. Coa enorme complexidade que supón xestionar hoxe en día unha explotación resulta moi preocupante que neste período 2014-2020 se investise tan pouco en formación e asesoramento.

MÁIS DE 12 MILLÓNS ESQUECIDOS PENDENTES DE GASTAR NO APOIO A MERCADOS LOCAIS, LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO E PLANS DE XESTIÓN FORESTAL

Outra cuestión que tamén habería que coñecer con máis profundidade é o fracaso da medida 16.4, referida a canles curtas de distribución e mercados locais, sobre todo cando parece que unha parte importante da sociedade está demandando este tipo de comercialización para realizar as compras de alimentos, suplindo o baleiro deixado pola Xunta con iniciativas persoais e a creación de grupos de consumo. Neste caso, hai 4.520.000 € dos que non se gastou nin o primeiro céntimo. O mesmo aconteceu na medida 16.5 (cambio climático e proxectos medioambientais, con 4,5 millóns) e 16.6 (plans de xestión forestal, con 2,2 millóns).

POUCA TRANSPARENCIA NOS FONDOS PDR DESTINADOS A PREVENCIÓN DE LUMES

No escrito presentado, dende o SLG interpelamos a Medio Rural para coñecer que parte dos 30,5 millóns de euros que se destinaron durante o ano 2020 ao plan de prevención contra incendios forestais están financiados con fondos deste PDR e en que tipo de accións se gastaron. O certo é que, un ano máis, a política de prevención de incendios na Galiza está a resultar desastrosa, polo que vemos necesario fiscalizar en que medidas concretas se están a investir eses cartos e cantos recursos se lle están a detraer ao Plan de Desenvolvemento Rural a través da submedida 8.3 (Prevención de incendios forestais e desastres naturais), dotada con 160 millóns de euros, da que se gastaron 22 millóns en 2019, e da que xa se levan gastados máis de 90 millóns dende 2014 con escasos resultados se a finalidade última destes investimentos é realmente a prevención de lumes forestais.

QUEREMOS INFORMACIÓN CUMPRIDA SOBRE AS ACCIÓNS E MEDIDAS NAS QUE SE VAN GASTAR OS FONDOS DO PDR 2014-2020 NOS VINDEIROS ANOS

Vendo os distintos cadros do informe anual de execución do PDR 2014-2020, sabemos que os fondos dispoñibles a 31 de decembro de 2019 ascenden a 536.034.735 € de Gasto Público Total (GPT). Informan tamén de que o orzamento para o ano 2020 é de 311.440.352 € de GPT. Non obstante, descoñecemos os fondos comprometidos en medidas plurianuais, por exemplo. Polo tanto, para ter unha idea un pouco máis precisa dos fondos que restan por comprometer, dende o SLG solicitamos coñecer os seguintes datos:

  1. Que fondos se prevé que queden dispoñibles (sen comprometer) a 31 de decembro de 2020? E, considerando as convocatorias deste exercicio e as previsións das que se van facer no que resta de ano, en que medidas van quedar dispoñibles eses fondos?

  2. Hai fondos suficientes para cubrir axudas temporais excepcionais, no marco do Feader, en resposta á pandemia do Covid-19? En caso afirmativo, de que medidas se van sacar os fondos? Este proceso vai pasar pola Comisión de Seguimento do PDR?

  3. Todas as convocatorias do ano 2020 teñen fondos suficientes? Para as persoas que representa o Sindicato Labrego Galego son básicas as seguintes liñas de axuda, cuxa continuidade, dinamización e orzamento suficiente consideramos imprescindibles para a fin última do PDR, que é o desenvolvemento rural da Galiza:

    • 4.1 (Mellora do rendemento global das explotacións)
    • 6.1 (Instalación de agricultores/as moz@s)

    • 6.3 (Axudas a pequenas explotacións)

    • 10.1 (Medidas agroambientais)

    • 11.1 (Conversión á agricultura ecolóxica)

    • 11.2 (Mantemento en agricultura ecolóxica)

    • 13.1 (Axudas a zonas desfavorecidas de montaña)

    • 13.2 (Axudas a zonas con limitacións naturais)

    Se queres coñecer polo miúdo o estado de execución do PDR 2014-2020 a 31 de decembro de 2019, podes descargar o informe premendo na seguinte icona:

Ficheiro adxunto