A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Amigos da Terra e SLG piden a convocatoria urxente do Consello Forestal de Galicia para abordar a crise dos lumes

Amigos da Terra e SLG piden a convocatoria urxente do Consello Forestal de Galicia para abordar a crise dos lumes

15 de Septembro do 2020

Lumes forestais

Amigos da Terra e Sindicato Labrego Galego vimos de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural, José González, no que denunciamos pormenorizadamente as eivas da prevención e extinción de lumes en Galiza e solicitamos unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia diante da situación crítica que, da mesma maneira que acontece todos os anos, estamos a vivir cos lumes forestais agora mesmo. A intención deste encontro sería consensuar e tentar buscar solucións a este gravísimo e crónico problema e enfrontar a destrución que están a causar os incendios dos nosos montes e ecosistemas, tanto no que queda de 2020 como nos vindeiros anos.

Amigos da Terra e Sindicato labrego Galego, xunto con outras organizacións sociais, levamos anos alertando sobre a problemática dos lumes forestais na Galiza e facendo propostas para mellorar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, así como para revisar as políticas forestais aplicadas no país. Vimos denunciando reiteradamente que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) actual non serve, como tampouco vale o procedemento para o seu trámite a través dos consellos consultivos. Así o evidenciamos varias veces abandonando o pleno do Consello Forestal de Galicia, a última delas este mesmo ano.

De feito, no escrito presentado, transcríbese unha longa lista de eivas dun Pladiga que se segue impoñendo unilateralmente dende a Xunta e que segue inmerso nunha espiral de incendios e máis incendios na que non se fai nada por saír ou buscar alternativas (podedes consultar o documento completo na icona que hai no remate desta páxina): a teimosía en fixar unha época de alto risco de incendios cando a crise climática global debería obrigar a manter activo o operativo os doce meses do ano, grandes áreas do país que seguen sen vixilancia provocando que cando chegan os servizos de extinción a un incendio xa sexa demasiado tarde, a precariedade do cadro de persoal e das brigadas nas que non se cobren todas as baixas e que adoitan traballar sen o número mínimo de operarios, o atraso que supón o convenio coa Fegamp na profesionalización das brigadas, vehículos autobombas parados por falta de persoal que os manexe, baixas de axentes forestais sen cubrir, infrautilización de medios e recursos antiincendios que obrigan a desprazamentos de máis de cen quilómetros de servizos forestais que se poderían cubrir na propia zona, inexistencia de traballos de prevención ao longo do ano, inexistencia de formación en educación ambiental nas comunidades afectadas, inutilidade absoluta e desbaldimento de recursos públicos no convenio coas forzas armadas, escurantismo e falla de divulgación do Pladiga, etcétera.

Máis alá das causas obxectivas dos lumes, tamén cómpre subliñar as políticas de desmantelamento que está a sufrir o medio rural, favorecéndose o abandono das actividades agrarias e gandeiras que son fundamentais para a xestión do territorio, consentíndose o monocultivo masivo e anárquico de especies forestais pirófilas como o eucalipto, incidindo nun despoboamento e desertización que deixan amplas zonas do noso país inzadas de materia combustible e sen xente que contribúa á loita contra o lume. A proliferación e cronificación dos incendios forestais hoxe na Galiza teñen as súas raíces neste abandono, máis alá das evidentes eivas en prevención e loita contra os incendios.

A listaxe de eivas do Pladiga podería continuar. Entre as súas consecuencias, está a precarización do servizo de extinción de incendios e as circunstancias vividas esta pasada fin de semana en Ourense, con máis de 10.000 hectáreas queimadas e un dispositivo desbordado e desorganizado.

Por todo o devandito, solicitamos esta reunión extraordinaria do Consello Forestal de Galicia. Neste momento non podemos máis que repetir o que vimos avisando dende hai moito tempo e verter duras críticas contra a Consellaría do Medio Rural e a Dirección Xeral de Defensa do Monte que, un ano máis, ten como única estratexia contra os lumes agardar que chova.

En concreto, Amigos da Terra e Sindicato Labrego Galego solicitamos tratar especificamente as seguintes propostas no Consello Forestal de Galicia:

  1. Cobertura inmediata de tódalas vacantes existentes e reforzo do operativo nas zonas máis sensibles pola alta actividade incendiaria (bombeiros forestais integrantes das brigadas, vixiantes de incendios, autobombistas, axentes forestais/axentes ambientais, condutores/as).

  2. Nas zonas de alto risco de incendio e nas parroquias de alta actividade incendiaria é preciso deseñar un plan de choque para saber as causas, motivacións e as solucións por ser os incendios, en moitos casos, recorrentes nas últimas décadas. Incendios que afectan moi negativamente á propia viabilidade socioeconómica destas zonas.

  3. Achegar o Pladiga 2020 a tódalas persoas integrantes do mesmo (institucións e persoal que ten que cumprir con este plan de loita contra incendios forestais) e dalo a coñecer para a súa correcta aplicación. Desta maneira mellorarase a eficacia facendo máis efectivo o cumprimento deste protocolo de actuación.

  4. Dar a coñecer o Plan de Prevención de Riscos Laborais elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais, posta en marcha do Plan de Acción, formar a todo o persoal que está integrado no PLADIGA e dotar a todo o persoal dos medios que aparecen recollidos no Plan de Acción para unha axeitada prevención de riscos laborais.

  5. Unificar criterios na xestión do persoal propio da Consellería do Medio Rural: organización do traballo, horarios, vacacións, reunións de coordinación, estrutura e funcionamento dos 19 distritos forestais de Galicia.

  6. Facer un seguimento dos horarios, vacacións, asuntos propios e organización dos distritos, distribución dos medios materiais e técnicos, organigrama e funcionamento para evitar os agravios existentes.

  7. Elaboración de protocolo de actuación para a evacuación, rescate e cura de animais domésticos e silvestres no caso de ser afectados por incendios forestais en Galicia.

  8. Revisar a política forestal do país, facendo fincapé nas limitacións ás superficies continuas de monocultivos, na recuperación de masas autóctonas, no fomento da actividade gandeira e na recuperación de superficie agraria útil.

  9. Aplicación estrita dos protocolos COVID-19 co fin de protexer ao conxunto dos traballadores e traballadoras públicos dos Servizos Forestais da Xunta de Galicia e ao conxunto da sociedade.

Ficheiro adxunto