A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Unha granxa de Chantada volve denunciar as ameazas e ataques dunha manda de cans instigada por un veciño

Unha granxa de Chantada volve denunciar as ameazas e ataques dunha manda de cans instigada por un veciño

18 de Septembro do 2020

Vítor Fernández

Vítor Fernández é un gandeiro mozo que apostou por darlle relevo á granxa familiar, cunha gandería ecolóxica de vacas para leite -Casa do Neiro- que pacen nas terras que a súa familia ten xunto ao río que fai de fronteira entre os concellos de Chantada e Carballedo. Apostou por un modelo de pastoreo e soña con poder crear, no futuro, unha iogurtería. As súas máximas preocupacións deberían apuntar cara á baixada nos prezos do leite que está a experimentar o sector, ou como conseguir o capital suficiente para financiar os proxectos cos que soña, pero non é así. Agora mesmo, Vítor vive atemorizado polo acoso que está a sufrir por parte dun veciño de Villaguillulfe que ten unha manda de cans de gran tamaño e probada agresividade e que está obsesionado con facerlle a vida imposible ceibándoos para que ataquen as súas vacas.

O agresor é unha persoa moi problemática cuxos cans xa teñen atacado a máis veciños e veciñas. Pero, no caso de Vítor, estamos diante dunha situación flagrante de acoso permanente e ameazas que están a facer imposible que este mozo gandeiro desenvolva con normalidade a súa profesión e a súa vida. Polo de agora, as súas vacas xa padeceron varios abortos e tivo que levar unha ao matadoiro por esta persecución. Sen ir máis lonxe, esta mesma semana as súas vacas volveron sufrir outro ataque, feito que volveu, o 17 de setembro, diante da Garda Civil de Chantada.

Podes ver un vídeo dos ataques AQUÍ

Todo comezou este verán, cando Vítor visitaba con familiares de Barcelona o carballo milenario do Pazo de Cartelos. Ese día, sufriron o primeiro ataque dos cans, un dos cales chegou a morder a perna dun dos curmáns de Vítor. Como regresaban ao día seguinte a Barcelona, e pensando de boa fe que os cans escaparan, decidiron só dar constancia á Garda Civil dos feitos pero sen interpoñer denuncia.

Dende aquela, pasou un tempo sen levar as vacas aos prados que ten na raia con Carballedo. Iso foi até comezos deste ano, cando volveu coas vacas pacer esta zona. A partir de aí, comezaron de novo os ataques. Nos primeiros, non interpuxo ningunha denuncia confiando na posibilidade de que os cans escaparan ou andasen soltos. Pero despois, ao ver que os ataques continuaban e eran deliberados, comezou a notificarllo á Garda Civil sen interpoñer denuncia.

Lonxe de mellorar a situación, ante as visitas da Benemérita para tentar razoar co agresor, este se puxo máis agresivo aínda e, ademais de intensificar os ataques cos cans sobre o gando, comezou a ameazar a Vítor a través de redes sociais e por WhatsApp. A pesares de que Vítor bloqueou toda comunicación co seu acosador, este continuou as ameazas a través de terceiras persoas. Foi a partir de aquí que Vítor comezou a interpoñer denuncias no diante da Garda Civil por ameazas á súa persoa e ataques contra o seu gando. Como xa dixemos, o último ataque dos cans sobre as vacas de Vítor foi esta mesma semana, espantando de novo todo o rabaño; feitos que volverá denunciar hoxe, 17 de setembro, para que todo siga igual. Sabe que o máximo ao que se expón o seu agresor é a unha sanción administrativa e unha multa que, probablemente, ao declararse insolvente, non pagará. Por iso, lonxe de recuar, o seu agresor intensifica os ataques e as ameazas contra Vítor e as súas vacas. A Garda Civil aconselloulle que, cando o seu agresor o ameace directamente, suba axiña no coche ou no tractor e fuxa das súas propias terras.

AS ADMINISTRACIÓNS NON PODEN FICAR Á MARXE

Dende o Sindicato Labrego Galego non entendemos a impunidade coa que se está a ameazar a Vítor Fernández, así como os atrancos que se lle están a impoñer ao desenvolvemento normal do seu traballo ou os ataques continuados sobre o seu gando que, de non facerse nada, poderían rematar en accidente de tráfico ou traxedia.

Por iso, os servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego están traballando para dilucidar até onde chegan as responsabilidades dos concellos de Carballedo e Chantada ao permitir que anden estes cans ceibos en ambos municipios cunha actitude manifestamente agresiva contra Vítor e as súas reses, e contra o resto da veciñanza e visitantes da zona, como pescadores, que tamén teñen sufrido ataques. Dende o SLG, váiselle esixir ás diversas administracións competentes que asuman as súas responsabilidades e utilicen todas as ferramentas que lles brinda a lei para rematar definitivamente con este acoso e agresións aos que, de non poñérselles couto, poderían rematar nunha desgraza.