A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A ESTRATEXIA "DA GRANXA Á MESA"

A ESTRATEXIA "DA GRANXA Á MESA"

25 de Outubro do 2020

Da granxa á mesa

O 11 de decembro de 2019, a Comisión publicou a comunicación “Pacto Verde Europeo” para converternos no primeiro continente neutral no clima do mundo para 2050. No marco deste Pacto Verde, a comisión está publicando toda unha serie de medidas lexislativas e non lexislativas que van afectar ao noso sector nesta década (podes descargar o artigo traducido ao castelán premendo na iconta que atoparás ao remate desta páxina).

Neste sentido, o 20 de maio publicáronse por parte da Comisión dous documentos :

  1. A estratexia “Da granxa á mesa, por un sistema alimentario xusto, saudable e respectuoso co medio ambiente”, e

  2. A estratexia sobre a biodiversidade horizonte 2030. Reintegrar a natureza nas nosas vidas.
    Coas modificacións e coas propostas lexislativas concretas que se vaian presentando, van ser o programa para a agricultura e para a gandería para toda a década. É todo un proceso, posto que na estratexia recóllense un total de 27 iniciativas que se presentarán neste ano e nos seguintes: un plan de acción para a agricultura ecolóxica, a revisión da directiva sobre pesticidas, a revisión da directiva sobre benestar animal...

Este mesmo día publicouse tamén un documento titulado “Análise da relación entre a PAC e o Pacto Verde”. De forma moi esquemática o que di é que a proposta da PAC xa inclúe os instrumentos necesarios para que sexa compatible co Pacto Verde: Condicionalidade reforzada, os novos eco-esquemas e as medidas medioambientais e climáticas do 2º Pilar da PAC (desenvolvemento rural). E tamén as medidas dirixidas a mellorar a posición dos agricultores na cadea alimentaria están na PAC e no Pacto Verde.

As palabras clave son pacto verde, resiliencia, sostibilidade, seguridade alimentaria. Todo parece positivo para as persoas consumidoras de alimentos (todas comemos), para as persoas produtoras, para o medio ambiente e para o clima.

Non obstante, neste tipo de textos sempre queda unha sensación de que nos están tomando o pelo unha vez máis e de que se está manipulando a opinión das consumidoras e dos consumidores facendo crer que avanzamos cara un modelo agrícola e gandeiro respectuoso coas persoas e co medio ambiente pero sen cuestionar o modelo. Parece que hai dúas posturas que marcan o debate: a postura da agricultura e a gandería e a postura do ecoloxismo, e que son irreconciliables. Pero maioritariamente é a postura do modelo agroindustrial, por un lado, e do ambientalismo sen perspectiva social , polo outro . O resto temos difícil facernos oír e centrar o debate en algo máis que non sexan os fondos e as porcentaxes.

O problema principal deste texto é que vamos a sistemas alimentarios coa etiqueta “sostible” e “ecolóxico” , que son producidos en granxas intensivas ou en agricultura intensiva cun consumo deslocalizado e que seguen consumindo recursos de todo tipo sen ter en conta ás persoas (agricultoras e gandeiras, consumidoras) : agricultura de precisión, agricultura de carbono, novas técnicas xenómicas, fondos financeiros no sector agroforestal, bioeconomía, tratamento dos residuos urbanos e da industria no rural disfrazado de bioeconomía e economía circular... E, ao mesmo tempo, non se cuestionan as políticas comerciais, nin as axudas vinculadas ás hectáreas, nin o por que do fracaso das medidas para mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor, nin a agricultura e a gandería industrial ecolóxica que substitúe uns insumos por outros e tampouco o fracaso da Política Agrícola Común no mantemento de pequenas explotacións no territorio. Fálase de que Europa é o principal exportador e importador de alimentos, pero tampouco se cuestiona o modelo que permite isto nin os Tratados de Libre Comercio que non protexen nin ás pequenas explotación de Europa nin ás pequenas explotacións de terceiros países e, ademais, contradín todas estas ambicións medioambientais.

Ao final, moitos dos e das agricultoras e gandeiras galegas que deberan levar a etiqueta de “sostibles” quedan fora do sistema porque é imposible cumprir todos os requisitos burocráticos que estas medidas van levar consigo: documentar as reducións das porcentaxes propostas vai ser un gasto e un proceso que moitas pequenas e non tan pequenas explotacións no contexto galego non sei se serán capaces de asumir. Outra cuestión que non é menor é o aproveitamento de todos estes datos e da información xerados polas agricultoras e gandeiras pero que son apropiados pola industria pola falta de marcos regulamentarios e de control. Coma sempre, todo quedará en mans do asesoramento privado e, en moitas ocasións, asesoramento proporcionado polas empresas que lles venden insumos ou lles compran o produto.

Por poñer dous exemplos: Syngenta ten proxectos de biodiversidade agrícola moi variados e investirá 2000 millóns nos próximos 5 anos para acelerar a innovación na agricultura sostible en todo o mundo. Bayer di que as propostas da estratexia “da granxa á mesa” reflicten moitos dos seus compromisos: fitosanitarios biolóxicos, fitomelloramento, sementes melloradas, agricultura de precisión, agricultura dixital.

Ao final, parece que é un novo intento das grandes corporacións de empregar o “capitalismo verde” como xeito de seguir acumulando beneficios, promovendo unha economía especulativa e incluso seguir contaminando coa compra de bonos de carbono, por exemplo.

Pola súa importancia, analizamos o contido da Estratexia “da granxa á mesas”.

O que se repite constantemente sobre estes documentos na prensa son unhas porcentaxes: Reducir o uso de pesticidas nun 50%, o uso de antibióticos para o gando nun 50% e fertilizantes na agricultura nun 20% , aumentar a superficie da agricultura ecolóxica no 25% e destinar o 10% de superficies agrícolas a elementos da paisaxe. Estas son as porcentaxes que levan aparecendo en todos os medios e, en base a isto, uns din que nos levan a ruína a todo o sector agrícola e gandeiro da UE e a máis importación e, xa postos, case “a fame”; e outros din que non son suficientes estas medidas para conseguir frear o cambio climático.

Aínda que as porcentaxes son moi importantes, consideramos que a estratexia ten moitas máis cuestións de fondo.

  1. Na análise da situación case todo pinta ben: sistema alimentario sólido, resiliente, subministro suficiente de alimentos a prezos accesibles, a saúde nosa e a do planeta, as cadeas de subministro máis curtas, dietas saudables e sostibles... As palabras están ben todas. E o mellor parágrafo, sen dúbida: “Esta estratexia ten por obxecto recompensar aos agricultores, pescadores e outros operadores da cadea alimentaria que xa superaran a transición a prácticas sostibles, facilitar a transición para os demais e crear oportunidades adicionais para as súas empresas”. Tamén nomea o impacto ambiental da cadea alimentaria, é dicir, abarca a produción, o transporte, a distribución de alimentos, a comercialización e o consumo. Ten en conta os 33 millóns de persoas na UE que precisan axuda alimentaria, o desperdicio de alimentos, a obesidade, a relación entre comida e enfermidades... Como non imos estar de acordo? No final deste apartado e cando fala do resto do mundo, liquida a cuestión fundamental de que a UE e o maior exportador e importador de produtos agroalimentarios e o maior mercado de alimentos marinos do mundo cun “a produción de mercancías pode ter impactos ambientais e sociais negativos nos países onde se producen.” Pola contra, non se nomea o modelo agroindustrial, a concentración da terra, a reubicación da produción, o consumo deslocalizado, as megaexplotacións, a relación entre o feito de que a Unión Europea sexa a maior exportadora e importadora de alimentos e o cambio climático, a concentración dentro da cadea alimentaria das empresas (procesamento, distribución, sementes, maquinaria, xenética...), a falta de relevo xeracional, etc.
  2. No segundo punto, onde fala de crear unha cadea alimentaria que funcione para os/as consumidores/as, os/as produtores/as, o clima e o medio ambiente, o primeiro que chama a atención é que falan do sistema alimentario pero case parece que o sistema alimentario, en canto á estratexia da granxa á mesa, é a produción, aínda que as veces noméase o resto: transporte, distribución, comercialización...Parece que estamos no centro, que somos importantes. Non se nomean neste punto as empresas que teñen tanta influencia no sistema: sementes, insumos químicos, xenética, maquinaria... Di que “os sistemas alimentarios seguen sendo un dos principais motores do cambio climático e a degradación do medio ambiente” pero as medidas fundamentais, e as que saen na prensa, son todas para o sector primario, co que parece que todo o peso do sistema alimentario na degradación do medio ambiente recae, nisto si, na produción. Dá a impresión de que somos o problema principal os que producimos e que estas empresas son as que nos facilitarán as solucións nas formas que vai deixando caer a Comisión, sobre todo no punto 3. Facilitar a transición, porque case sempre se trata de substituír uns insumos por outros.

Nesta cadea alimentaria, o punto 2.1 Garantir a produción sostibles de alimentos é o que está destinado ás persoas agricultoras, pescadoras e acuicultoras . Segundo este punto, a nos tócanos facer un grande esforzo humano e financeiro, pero tamén nos prometen maiores negocios ao crear valor engadido e reducir custes.

Que negocios nos propoñen?

Empezamos cun novo modelo de negocio ecolóxico: captura de carbono por parte de persoas agricultoras e silvicultoras. Podemos ter pagos PAC baseados no secuestro de carbono e, ademais, as empresas privadas tamén poderían estar interesadas en comprar eses certificados (mercado do carbono). Só nos falta o marco regulador para certificar as absorcións baseado nunha contabilidade do carbono rigorosa e transparente que permitan deseñar aos estados membros pagos da PAC e ás empresas privadas comprar eses certificados. Non hai problema, a Comisión está niso dentro do plan de acción para unha economía circular.

Outro negocio que nos propoñen na estratexia é a economía circular de base biolóxica: parece que vai supoñer un potencial para agricultoras e cooperativas impresionante. Falan de biorrefinerias que producen biofertilizantes, pensos proteicos, bioenerxía, bioquímicos, investir en dixestores anaeróbicos para a produción de biogás a partir de residuos da agricultura e da gandería como o esterco. Pero tamén doutras fontes de residuos como a industria de alimentos e bebidas, augas residuais, residuos urbanos.

Esforzámonos moito pero, a cambio, temos estes negocios. Sen entrar na aberración que desde o punto de vista ambiental poden ter algúns destes negocios, desde un punto de vista puramente económico, no contexto galego e para as nosas explotacións, pouco negocio imos facer.

Que esforzos nos piden ás persoas agricultoras e gandeiras?

  1. Pesticidas químicos. Reducir o uso e o risco de pesticidas químicos nun 50% e o uso dos pesticidas máis perigosos nun 50%. Como alternativas: revisará a directiva sobre o uso sostible de fitosanitarios, mellorará as normas sobre xestión integrada de pragas, rotación de cultivos e eliminación de herbas con medios mecánicos. Tamén facilitará a comercialización de praguicidas que conteñan substancias biolóxicas activas e traballará para que se acorten os procedementos de autorización de pesticidas nos EEMM.
  2. Exceso de nutrintes: Redución do emprego de fertilizantes polo menos un 20% para 2030. Nas zonas críticas da gandería intensiva, fala de traballar cos estados membros para aplicar técnicas precisas de fertilización e de reciclaxe de residuos orgánicos en fertilizantes renovables. Máis tecnoloxía para solucionar a cuestión: tecnoloxías espaciais ( copérnico, galileo), ferramenta de xestión sostible dos nutrintes, asesoramento, inversións.... Non fala nin distingue entre o emprego de abonos orgánicos empregados dentro da propia explotación ou fertilizantes de síntese industrial. Nin de pastoreo e gandería extensiva. Nin das razóns desas zonas críticas de gandería intensiva e para quen producen. E de que cun modelo axeitado, o xurro non é un residuo, é un recurso nunha explotación que combine a actividade gandeira e agrícola.
  3. Redución das emisións de gases de efecto invernadoiro da UE. Os datos que proporciona é que a agricultura é responsable do 10,3% e que o 70% das emisións proceden do sector dos animais. Os datos son de novo sen diferenciar gandería con terra, sen terra, industrial, pastoreo. .. Para axudar a reducir o impacto ambiental e climático da produción animal fala da “introdución no mercado de aditivos sostibles e innovadores para pensos” (?), de materiais de alimentación alternativos como insectos, algas, e subprodutos da bioeconomia (desperdicios do peixe). Falan de reducir a dependencia de materias primas críticas (soia cultivada en zonas deforestadas), cultivo de proteína vexetal na UE, etc. Non se nomea tampouco o modelo agroindustrial.
  4. Resistencia aos antimicrobianos. Reducir nun 50% a venda de antibióticos para o gando e a acuicultura en Europa. O novo regulamento sobre medicamentos veterinarios e pensos medicamentosos proporciona unha ampla gama de medidas para axudar a lograr este obxectivo e promover a saúde.
  5. Mellor benestar animal . No 2023 revisarase a lexislación nesta materia e posibilidade dun etiquetado específico. Tampouco se fala dos tipos de gandería e métese toda no mesmo saco.
  6. Pragas e enfermidades emerxentes das plantas. Novas técnicas xenómicas e nova técnicas innovadoras como a biotecnoloxía e o desenvolvemento de produtos biolóxicos.
  7. Seguridade e diversidade das sementes. Garantir un acceso ao mercado para variedades adaptadas ao cambio climático. “A Comisión facilitará o rexistro de variedades de sementes, incluso da agricultura ecolóxica e garantirá un acceso máis fácil ao mercado para variedades tradicionais e adaptadas localmente.”
  8. Agricultura ecolóxica: polo menos un 25% des terras agrícolas da UE en agricultura ecolóxica para 2030 e un aumento significativo da acuicultura orgánica. A agricultura ecolóxica producida de forma industrial e cun consumo deslocalizado segue dependendo moito dos combustibles fósiles, ademais de non ter en conta os impactos sociais nin ás persoas.
  9. Para mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor , a estratexia da granxa á mesa identifica a xeración de retornos económicos máis xustos e a competitividade do sector alimentario como elementos clave para lograr unha transición do sistema alimentario europeo. Considera esta estratexia que a PAC xa prevé apoiar a cooperación entre agricultores e os enfoques colectivos como ferramentas clave para facer fronte aos novos desafíos económicos e ambientais e, en ningún caso, se cuestionan por que a cooperación e os enfoques colectivos non acaban de supoñer unha ferramenta válida para sentarse a negociar coa industria e por que nunca chegamos a ser o suficientemente grandes. A principal “novidade” que presenta a nova PAC neste sentido, ademais do Regulamento da Organización Común de Mercados e a Directiva sobre prácticas comerciais desleais, son o apoio decidido ás intervencións sectoriais . “A pedra angular deste sistema é a cooperación dos produtores o que lles permite fortalecer a súa posición na cadea de subministro, así como a súa resistencia aos desafíos económicos e ambientais”. No Estado Español temos o exemplo da aplicación das intervencións sectoriais no sector de froitas e verduras, que agora se intenta facer extensivo a máis sectores. Con estas intervencións sectoriais e cos obxectivos propostos no Regulamento da PAC, parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e a xestión das crises e que a posición na cadea de valor segue a ser a de subministradores de materia prima barata.
  10. Para o resto da cadea alimentaria, ( e mira que é longa a cadea) di que industria alimentaria e de bebidas da UE, ao ser o maior importador e exportador de alimentos, tamén inflúe na pegada ambiental e social do comercio mundial” . Para estes, a Comisión desenvolvera´un Código de conduta de prácticas de negocio e comercialización responsables, acompañado dun marco para o seu seguimento. A Comisión considerará a posibilidade de elaborar medidas lexislativas se non progresan adecuadamente.

En fin, parece algo desproporcionada a responsabilidade de cada elo da cadea alimentaria. Hai un pequeno punto para a creación de cadeas de subministro máis curtas para reducir a dependencia do transporte de longa distancia e pouco máis.

No punto de promover o consumo sostible de alimentos e facilitar o cambio a unha dieta saudábel e sostible. Desde o noso punto de vista, pode ser o apartado máis interesante e innovador porque implica ás persoas consumidoras: etiquetado nutricional harmonizado, compra pública de alimentos sostibles para escolas, hospitais e institucións públicas, incentivos fiscais para froitas e verduras ecolóxicas (IVE) e que os prezos reflictan os custes reais en canto a externalidades ambientais. No caso da compra pública, se non se realiza nunha porcentaxe en produtos da agricultura e a gandería local, seguramente non son sostibles eses alimentos nin ambientalmente nin socialmente.

Hai un pequeno apartado para obxectivos de redución do desperdicio alimentario.

A estratexia ten máis puntos, pero puxemos o foco no que cremos que máis nos afecta.

Como nos vai facilitar a comisión europea a transición segundo a estratexia “da granxa a mesa”?

Non se cambia o modelo de produción de alimentos, non se cambia a Política Agrícola Común. Entón, propoñen:

  1. Investigación e innovación: 1.000 millóns para o Horizonte 2020; 10.000 millóns Horizonte Europa para I+i en alimentación, bioeconomía, pesca, tecnoloxía...abastecemento de proteínas alternativas como proteínas vexetais, microbianas, marinas, baseadas en insectos, e os substitutos da carne.

  2. Todas conectadas a internet: 100% de acceso banda ancha rápida en 2025.

  3. Inversións para a industria a través do Fondo InvestEU

  4. Servizos de asesoramento, intercambio de datos e coñecementos e capacidades: nos plans estratéxicos da PAC hai que asegurar que os servizos de asesoramento son apropiados para alcanzar os obxectivos do Pacto Verde.

  5. Na proposta da PAC xe están os instrumentos para facer posible o cumprimento desta estratexia. Os Plans Estratéxicos Estatais que se están elaborando terán que cumprir con estes requisitos.

A estratexia “biodiversidade horizonte 2030” repite os obxectivos en canto á superficie ecolóxica, redución do risco e emprego de fitosanitarios, e redución do emprego de fertilizantes. Ademais establece que no ano 2030 polo menos o 10% das terras agrícolas deberán ser elementos da paisaxe de grande diversidade como setos ou franxas de flores. Plantar 3000 millóns de árbores ate 2030.

As consumidoras e consumidores terán que valorar se, como di a Comisión, esta estratexia ten como obxectivo facer que o sistema alimentario da UE sexa unha norma mundial para a sostibilidade.

Non esperemos ao 2030.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2020

Logos en faldón

Ficheiro adxunto