A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Reserva da Biosfera Terras do Miño rexeita o peche do CEIP de Baamonde e pide reabrir o consultorio de Parga

A Reserva da Biosfera Terras do Miño rexeita o peche do CEIP de Baamonde e pide reabrir o consultorio de Parga

18 de Decembro do 2020

Terras do Miño

A representante do Sindicato Labrego Galego no Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, presentou diante deste organismo unha proposta de apoio para manter aberto o CEIP de Baamonde e para reabrir o centro de saúde de Parga. Fíxoo no transcurso da xuntanza ordinaria que mantivo o órgano de participación onte, 17 de decembro, en Lugo. Finalmente, acordouse por unanimidade pronunciarse contra o peche do CEIP de Baamonde e a favor da reapertura do centro de saúde de Parga.

Cómpre destacar o feito de que, entre os 26 concellos lucenses que integran a Reserva da Biosfera Terras do Miño1, atópanse os afectados por este recorte de servizos no rural: Begonte e Guitiriz. Para o Sindicato Labrego Galego, o que precisa o rural lucense para ser un entorno no que poder vivir dignamente e ser un lugar atractivo para residir, manténdoo así habitado e freando o despoboamento, son servizos públicos e de calidade. Por iso, non se entende que a Xunta de Galicia porfíe en pechar o CEIP de Baamonde, cando aínda ten unha trintena de alumnos e alumnas; e manteña pechado o centro médico de Parga, que atende unha ampla e dinámica zona rural.

Dende o SLG, congratulámonos pola decisión unánime do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño de oporse a este recorte dos servizos educativos e sanitarios no rural, unha posición que responde ao espírito do propio organismo que, no seu plan de acción se compromete a traballar para “...mellorar as condicións de vida dos habitantes, promovendo o seu desenvolvemento económico e social, baixo un enfoque de sostibilidade. Neste contexto, é necesario promover unha estratexia orientada á promoción económica, social e cultural dos habitantes do territorio, que respecte os elementos propios e propicie o desenvolvemento sostible”.

1 A Reserva esténdese por 26 municipios lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Está xestionada por un órgano reitor no que participan representantes da Deputación, da Xunta e da Universidade; e por un órgano de participación, no que está o Sindicato Labrego Galego xunto a institucións, asociacións e colectivos representativos da área xeográfica representada.