A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A NOVA REFORMA DA PAC, NIN SOCIAL NIN VERDE

A NOVA REFORMA DA PAC, NIN SOCIAL NIN VERDE

1 de Decembro do 2020

PAC

As negociacións da Política Agraria Común entran nun momento decisivo a nivel europeo e estatal, que culminará na primavera de 2021 cando o Ministerio publique o borrador do chamado Plano Estratéxico Nacional, establecendo como van ser empregados os 34.124 millóns de pagos directos, os 5.069 millóns de medidas de mercado e os 8.531 millóns de desenvolvemento rural no Estado Español. Se se elixen como criterios para o reparto os dereitos históricos e a superficie, Galiza quedará unha vez máis marxinada na nova PAC e seguiremos con tristes records en aldeas abandonadas, número de incendios, expolio do rural ou destrución de emprego.A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, analízao neste artigo cuxa versión en castelán podes descargar no remate desta páxina.

Malia a que o artigo 39 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea recollía a equiparación da renda das persoas agricultoras coa do resto dos cidadáns, cincuenta anos despois os baixos prezos en orixe, mesmo por debaixo de custos de produción, son un dos grandes debes desta Política Agraria Común. A reforma da Política Agraria Común debería garantir en primeiro lugar o dereito a unha alimentación sá para todas as persoas e facelo de xeito sostible, pensando tamén no futuro e nas xeracións que nos sucederán, para o que é esencial coidar a biodiversidade, a calidade da auga, do aire ou a saúde do solo. Só moitas persoas labregas cultivando os nosos alimentos son a garantía de que a sociedade poidamos ter alimentos saudables e nutritivos.

As sucesivas reformas da PAC financiaron a destrución da agricultura familiar e o acaparamento da produción e da distribución de alimentos por parte de grandes corporacións; tamén a produción industrial, a globalización económica e a desregulación dos mercados debilitando as normas hixiénico-sanitarias, o principio de precaución e a protección da calidade dos alimentos. As políticas neoliberais privilexian a sinatura de continuos acordos comerciais e de investimentos con terceiros países (Canadá, Mercosur, Estados Unidos...), que levan á importación masiva de materias primas e alimentos producidos baixo estándares máis baixos dos que existen na UE, directamente relacionados coa deforestación de amplas zonas do planeta e mesmo empregando materias activas e procesos que aquí están prohibidos pola súa perigosidade. O presidente do goberno Pedro Sánchez tense manifestado como un dos principais defensores, por exemplo, do acordo UE-Mercosur que estes días está a suscitar un amplo rexeitamento na sociedade europea polos seus graves impactos.

Para garantir prezos xustos e rendas dignas son imprescindibles políticas públicas de regulación da produción e de reequilibrio da cadea de valor, impedindo os abusos da industria e da gran distribución alimentaria. Deixar a responsabilidade de negociar uns prezos rendibles nas organizacións de produtores como aconteceu no período actual, coas opls lácteas por exemplo, demostrou ser un auténtico fracaso, como denunciamos no Sindicato Labrego Galego dende o minuto un, e só serviu para dilapidar o diñeiro público que se meteu nestes inventos.

Este período de pandemia debería ensinarnos que non podemos permitirnos depender en cuestións fundamentais para a a poboación, como a saúde ou a alimentación, das importacións de miles de quilómetros, establecendo como principio fundamental avanzar na soberanía alimentaria e no desenvolvemento de modelos de produción agroecolóxicos.

Recentemente viamos como os grandes partidos votaban en contra das emendas que propoñían que a reforma da Política Agraria Común incorporara os compromisos do Pacto Verde Europeo, polo que, aínda que nas grandes declaracións, o compromiso co medio ambiente parece un dos grandes avances desta PAC, na práctica a maioría do diñeiro irá novamente ao modelo máis contaminante e o tinte verde será novamente unha maquillaxe para enganar á sociedade. Estase propoñendo incluso que os propios eco-esquemas sirvan para financiar a busca de solucións aos graves impactos ecolóxicos de modelos superintensivos, por exemplo co tratamento en macro plantas de enormes cantidades de puríns procedentes de grandes cebadoiros como propón a Xunta. Existe unha ampla experiencia de plantas destas características que ata o momento só funcionaron mentres recibiron fortes subvencións públicas, e logo pecharon e as zonas nas que se localizaban esas grandes concentracións de animais sufriron gravísimos problemas de contaminación dos seus solos e dos seus acuíferos. O político semella ser o animal que tropeza unha ou un cento de veces na mesma pedra, desprezando empregar ese diñeiro en apoiar un modelo de agricultura e de gandería realmente respectuoso coa natureza.

As persoas mozas, as mulleres e os proxectos ecolóxicos e máis diversificados, pero de menor dimensión, son os grandes discriminados por un sistema de axudas que se basea en dereitos históricos e na superficie. Así reciben cantidades millonarias proxectos que hoxe non fan nada máis que manter a titularidade das terras, simplemente xustificando que as teñen en “boas condicións agrícolas”, mentres que as persoas mozas que se incorporan en moitos sectores o fan sen ningún tipo de apoio ou con cantidades ridículas. Para a maioría da horta ecolóxica galega ou da viticultura do país, por exemplo, serían maiores os custos burocráticos que as axudas que percibirían. Esta PAC penaliza con claridade os modelos de produción máis sostibles e o relevo xeracional. O 80 % das persoas beneficias da PAC a nivel europeo perciben o 20% das axudas, mentres que arredor do 40 % das persoas agricultoras europeas non se benefician destas axudas.

O criterio do pago por hectárea, no caso de Galiza, é completamente inxusto e fai que sexamos a única comunidade no estado español que temos máis persoas cotizando ao sistema agrario da seguridade social (29.013) que persoas perceptoras da PAC (26.805). No estado español hai arredor de 600.000 perceptores de axudas que non pagan a seguridade social agraria.

Aínda que no debate do Parlamento Europeo e no Consello se foron descafeinando as primeiras propostas encamiñadas a diminuír a actual concentración de axudas, ligada estreitamente ao deterioro dos prezos de produción, o certo é que nesta nova PAC o goberno español vai ter un papel fundamental a través da elaboración do Plano Estratéxico Nacional. O debate sobre escoller a posibilidade de elaborar planos estratéxicos rexionais, no noso caso un plano galego adaptado ao noso territorio e ás caracterísiticas da nosa agricultura e gandeiría polo que apostaba o SLG, foi desbotado dende o inicio mesmo pola Xunta de Galicia e outras organizacións agrarias. Corremos o perigo de que unha vez máis se sacrifiquen os nosos sectores produtivos para favorecer os intereses de outros sectores con superficies moito maiores como o olivar, do que tanto fala o ministro, ou outros con moito peso noutros territorios.

O Ministerio e mesmo representantes do sector téñense posicionado en contra da redución de pagos directos percibidos por riba dos 60.000 euros, e isto é porque claramente a súa aposta non é apoiar nin ás persoas mozas que hoxe non teñen axudas nin á agricultura familiar. No último período, por exemplo, houbo cobros anuais como o da familia Mora-Figueroa Domecq de 7,3 millóns de euros, as sociedades Elías Hernández Barrera de 4,4 millóns, as sociedades de José García Carrión 3,3 millóns, a Casa de Alba 2,9 millóns ou Mercadona 2,6 millóns, por pór algúns casos realmente incomprensibles de despilfarro legal do diñeiro público. Hai que lembrar que a axuda media cobrada por persoa beneficiaria en Galicia é de 2.590 euros.

Na actualidade hai un debate moi vivo para pór topes pero estanse tentando meter toda unha serie de descontos como gastos laborais e outros para tentar burlar estas limitacións. A propia Comagri tenta limitar as cantidades a redistribuír a un 10% dos orzamentos anuais para o primeiro piar da PAC, retirar a reducción progresiva das axudas dos beneficiarios que cobran entre 60.000 e 100.000 euros, e mesmo a obrigatoriedade de que os estados apliquen topes. Precisamos unha PAC que prime a xeración de emprego e non se basee en dereitos históricos nin nas hectáreas, establecendo un único pago digno de axuda á renda para as persoas activas, as que cotizan á seguridade social agraria e teñen máis do 50% dos seus ingresos desta actividade. Deberían artellarse tamén mecanismos para apoiar a quen, aínda que sexa desenvolvendo unha actividade agrícola ou gandeira a tempo parcial, achega bens para a sociedade como conservar ecosistemas de gran valor, variedades autóctonas, produce en ecolóxico, ten un proxecto de gandeiría extensiva, ten un proxecto en zonas desfavorecidas ou de montaña...

Galiza perde con un dos pagamentos máis baixos por unidade de traballo agrario (UTA), con unha axuda media por persoa beneficiaria mínima (2.590,10 euros fronte a 3.959,45 euros de media no Estado), con unha das axudas máis reducidas en relación coa renda agraria e un pagamento moi baixo por superficie. Estamos hoxe entre as comunidades con unha ratio máis baixa de axudas en relación coa renda empresarial agraria (19,5 % fronte ao 30,3% da media do estado español), e outra das grandes eivas é a pouca porcentaxe de superficie agraria útil (SAU), e de SAU con dereitos de axuda; 58,5% no caso galego fronte ao 80,7% da media española.

A defensa do status quo actual perpetúa un sistema moi discriminatorio para as persoas galegas que viven da actividade agraria e gandeira e non deixa de ser difícil de entender a quen defende que cobre quen ten non ten ningunha ou case ningunha actividade mentres se deixa fóra a xente moza e a moitos sectores produtivos, ou se mantén unha discriminación de xénero enorme nos pagos mentres que o Ministerio se proclama o gran defensor dos dereitos das mulleres. Se queremos que todas aquelas persoas activas en Galiza cobren unha axuda básica á renda digna e intentar igualarnos á media española, non o imos conseguir se os importes seguen establecéndose en función da superficie, tal e como se está propoñendo.

Nos últimos meses vimos ademais con estupor casos de explotación laboral normalizadas, e condicións de vida e de aloxamento terribles de moitas persoas traballadoras agrícolas en diferentes partes do estado español. Esta situación de precariedade e de abusos, moitas veces a mulleres, reiteradamente denunciada e coñecida polas autoridades, debe ser prohibida e tamén debe esixirse unha condicionalidade social das axudas da PAC, verificando o cumprimento da lexislación laboral vixente e retirando as axudas no caso de infraccións graves.

Isabel Vilalba Seivane

secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego

Ficheiro adxunto