A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Unha fronte social leva ao Parlamento a súa oposición ao Plan Forestal de Galiza argallado pola Xunta

Unha fronte social leva ao Parlamento a súa oposición ao Plan Forestal de Galiza argallado pola Xunta

5 de Febreiro do 2021

Eucalipto

Unha fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais1, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego, veñen de iniciar unha campaña de rexeitamento á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG), que se comezará a debater no Parlamento Galego o vindeiro 23 de febreiro.

A primeira das accións para tentar frear o texto que se debaterá para a súa aprobación tivo lugar hoxe, 5 de febreiro, na mesma sede do Parlamento, onde unha representación dos colectivos mantivo un encontro co Grupo Parlamentario do Partido Popular para presentarlles un decálogo de razóns polas que esta revisión do PFG non debería ser aprobada. Por parte das organizacións sociais asistiron Belén Rodríguez, Xosé Alfredo Pereira e Manuel da Cal; mentres que polo PP estiveron no encontro Elena Candia e Daniel Vega. Na axenda están previstas outras dúas reunións o vindeiro martes, 9 de febreiro: ás 11:00 horas co PSOE e a partir das 12:30 co BNG.

No transcurso da xuntanza, a representación da fronte social expúxolle ao deputado e á deputada do Partido Popular as súas queixas sobre o proceso de participación inexistente que precedeu o debate parlamentario desta revisión do PFG. Neste senso, lembraron que a única exposición pública da revisión do PFG foi hai tres anos, en 2018, e dun texto distinto ao que chega agora ao Parlamento de Galiza.

No encontro, fíxoselles entrega a Candia e Vega das alegacións que se fixeron ao Plan Forestal por parte de setenta organizacións sociais en 2018 e o texto do Manifesto por un Monte Galego con Futuro de 2019. A maiores, tamén se lles expuxo o contido do decálogo no que se enumeran as razóns polas que rexeitan na súa integridade a primeira revisión do Plan Forestal que pretende aprobar o Partido Popular no Parlamento de Galiza. Estas dez razóns son:

  1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego e dun inventario forestal irreal e desfasado (datos 2009), que descoñece a superficie de partida do E. Globulus e do E. Nitens. A revisión do PF debería partir da actualización do inventario galego forestal.

  2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

  3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado, deixando de lado o interese público e xeral, e a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais.

  4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano.

  5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

  6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.

  7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.

  8. Favorece a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.

  9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.

  10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.


1A Estruga, Amigos da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (Fruga), Greenpeace, Hábitat, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Sindicato Labrego Galego e Verdegaia.