A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Quince adegas e empresas acaparan o 50% das axudas vitivinícolas convocadas pola Xunta en 2020

Quince adegas e empresas acaparan o 50% das axudas vitivinícolas convocadas pola Xunta en 2020

9 de Marzo do 2021

Feijoo en Martin Códax

As diversas axudas que convoca a Xunta para apoiar o sector do viño redundaron nos favoritismos de pasadas edicións, redundando con miles de euros públicos nas arcas dunhas poucas e afortunadas adegas que, pasaeniño, van acaparando máis capital e máis hectáreas de viñedos, decotío para potentes grupos empresariais cuxa matriz se atopa en denominacións de orixe non galegas como a Rioxa. Sen sorpresas, a cooperativa Martín Códax e a DO Rías Baixas volveron ser o burato negro que zuga a maior parte das súbvencións vitivinícolas galegas.

A Consellaría de Medio Rural publicou o 1 de febreiro a listaxe de persoas e empresas beneficiarias das axudas para a reestruturación do viñedo do ano 2020 e, unha vez máis, unhas poucas empresas e adegas acapararon a maior parte dos cartos. Estamos falando de case tres millóns de euros (2.994.777 €) que se repartiron entre 166 beneficiarios. Deses cartos, os 10 solicitantes máis favorecidos quedaron co 41% dos cartos (1.226.463 €). Se afinamos, comprobaremos que só os cinco primeiros (o 3% dos solicitantes) acapararon máis do 27% do orzamento: 817.141 €.
A maiores, o 8 de febreiro publicábase no DOG a listaxe de beneficiarias das axudas para a promoción do viño en terceiros países. Neste caso, estas axudas case poderían poñer como requisito a adscrición á denominación de orixe Rías Baixas, porque do 1.345.069 € repartido, 1.297.054 € (o 96,5%) foi parar a esta zona xeográfica. Das 19 beneficiarias, só dúas de Ribeira Sacra e dúas do Ribeiro entraron no reparto co 3'5% restante. Unha vez máis, o único consello regulador que levou algo nesta liña de axudas para a promoción en terceiros países foi Rías Baixas (371.239 €). Despois, coma sempre, as grandes adegas privilexiadas en axudas de Rías Baixas e de Galiza leváronse a maior parte da torta. En concreto, case o 52% dos cartos foron para catro adegas: Martín Códax (172.762 € ao seu nome e 48.048 € a través de Viñas e Adegas Galegas), Terras Gauda (249.961 €), Pazo Pondal (146.663 €) e Adegas Valmiñor (80.143 €).
Posteriormente, o 10 de febreiro, sabiamos da resolución das axudas para investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (IECPV). As 31 adegas e empresas beneficiadas repartíronse 2.318.839 €, pero as 7 afortunadas que cobraran cantidades de seis díxitos levarán 1.442.788, o 62% dos cartos. Como non podía ser doutra maneira, Martín Códax e Terras Gauda volveron estar entre as agraciadas.  

Martín Códax volve encabezar o podio con máis de medio millón de euros en subvencións

Sumando as tres liñas de subvencións, o podio de 2020 das 15 adegas máis beneficiadas por axudas públicas ao sector vitivinícola levaría case o 50% dos cartos totais (3.225.142 € dun total de 6.658.685 €). Quedaría así:

  1. Martín Códax: Un ano máis foi a máis agraciada. Desta vez, sacou 172.762 € ao seu nome para promoción e 240.400 € para IECPV. A maiores, a través de Viñedos e Adegas Galegas, 48.048 € para promoción e 112.075 € para reestruturación. En total, 573.285 €.
  2. Terras Gauda: Unha axuda de 249.961 € para promoción en terceiros países e outra de 80.334 € para IECPV. En total, 330.295 €.
  3. Vía Atlántica: O grupo empresarial da familia Méndez Rojo sitúa-se en terceiro lugar cunha única axuda para IECPV: 321.427 €
  4. Condes de Albarei: A adega de Rías Baixas tamén copa o cuarto posto cunha única axuda de IECPV: 264.509 €
  5. Señorío de Rubiós: Esta adega de As Neves (Rías Baixas) recibirá dúas axudas, unha ao seu nome de 166.838 € e outra para Servicios Agrícolas San Juan de Rubiós, empresa coa que comparte sede social, de 89.655 €. En total, 256.493 €.
  6. Terras de Asorei: 212.497 € cunha única axuda de IECPV.
  7. Viñedos e Terrazas de Outeiro: Dúas empresas (Viñedos de Outeiro SL e Terrazas de Outeiro SL), coa mesma sede en Quiroga e os mesmos administradores, levarán 108.718 € e 67.331 € para reestruturación respectivamente, 176.049 € en total.
  8. Pago de los Capellanes: Esta empresa propiedade da familia Rodero Villa, de Ribera del Duero, obtén dúas axudas: 20.043 € para reestruturación e 135.446 € para IECPV. En total, 155.489 €
  9. Pazo Pondal: 146.663 € para promoción en terceiros países.
  10. Señorío del Sobral: Leva unha axuda para IECPV de 139.578 €.
  11. Virxe de Galir: Outro ano máis, esta adega de Valdeorras propiedade de CVNE (Cooperativa Vinícola del Norte de España) d’A Rioxa, será unha das que máis axudas leve para reestruturar en 2020. En total 137.089 € divididos en tres axudas: Unha a Agrogalir de 62.639 €, outra a Virxe de Galir de 33.077 € (ambas con sede en Álava) e, finalmente, unha terceira a titulo persoal a María Aranzazu Barros (administradora da adega) de 41.373 €.
  12. Lagar da Condesa: A predisposición a dar algunhas das mellores axudas para a reestruturación do viñedo en Galiza a empresas foráneas continúa con Lagar da Condesa, que levará 135.435 €. Esta adega de Rías Baixas é propiedade da familia Gil, de Jumilla.
  13. Agro de Bazán: Esta adega de Rías Baixas propiedade de Bodegas Baigorri (A Rioxa) levará 57.042 € para reestruturación e 76.483 € para promoción en terceiros países. En total, 133.525 €.
  14. Cooperativa Vitivinícola Arousana: 128.931 € para IECPV.
  15. Grupo Bodegas Gallegas: Para reestruturación leva unha axuda a través de Viñedos del Noroeste (46.717 €) e outra a través de Rectoral do Umia (46.773 €). A maiores, Rectoral do Umia tamén levará 28.218 € para IECPV. En total, suma 121.404 €.

Infografía axudas viño

Volven repetir Marisol Bueno e Horacio Gómez

Se analizamos as listaxes de adegas beneficiadas fóra deste amplo podio, seguen aparecendo vellas coñecidas do acaparamento de axudas vitícolas: Grupo Reboreda-Morgadío (99.899 € a  través dunha axuda de 32.599 € para IECPV e outra de 67.300 € para reestruturación a nome de Bodegas Campante SA), Altos de Torona (92.713 € para que o ex-presidente do Celta de Vigo, Horacio Gómez, poida seguir “reestruturando”), Viña Costeira (55.786 € para IECPV, 14.967 € para promoción en terceiros países e 17.716 € para reestruturación. En total, 88.469 €), Pazo Señoráns (Marisol Bueno, ex-presidenta do Consello Regulador de Rías Baixas e ex-deputada do PP, apañará 37.728 € para reestruturación e 44.812 € para promoción en terceiros países; en total, 82.540 €),  Adegas Valmiñor (80.143 € para promoción), La Rioja Alta (78.200 € para reestruturación por Lagar de Fornelos, en Rías Baixas), Pazo Blanco Núñez (74.272 €), Bocaleón Ibérica SL (70.946 € para o grupo La Penela, con tres pazos para hostalería e restauración e restaurantes en cidades como A Coruña, Madrid, Barcelona ou Bogotá, ademais de viñedos en Rías Baixas), Grupo Varma da Rioxa (53.594 € para Marqués de Vargas) ou González Byass de Xerez (32.333 €), por citar algúns dos máis coñecidos.

As políticas da Xunta favorecen o acaparamento de viñedos

Dende o SLG levamos anos denunciando as regras tramposas da Consellaría de Medio Rural para conceder subvencións no sector vitivinícola e as consecuencias que están a ter. As regras do xogo fan que só grandes adegas e grupos empresariais sexan quen de cumprir todos os requisitos para aprobar grandes proxectos de    reestruturación e plantación, quedando fóra do reparto a maioría dos viticultores e viticultoras ademais das pequenas adegas.

Isto está a favorecer a concentración cada vez maior da produción de viño e de viñedos en menos mans. De seguirmos así, nun sector vitícola moi envellecido, a previsión é que a totalidade da produción de viño, dende o acio á botella, fique concentrada nun oligopolio e que as últimas explotacións vitícolas e pequenas adegas fiquen expulsadas do mercado, as primeiras por non ter a quen venderlle a uva e as segundas por non dar competido nin en prezos nin en comercialización contra estes xigantes.
Por iso, dende o SLG volvemos reclamar que a Consellaría se reúna cos axentes do sector para deseñar un reparto de axudas máis equitativo que garanta a continuidade da pequena viticultura e das adegas menos dimensionadas en aras de mantermos un rural vivo, unha distribución da riqueza máis xusta no sector, e a diversidade na quen reside un dos principais activos do noso viño.