A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Secretaría das Mulleres do SLG pide entrevistas con Luís Planas e Irene Montero para denunciar o machismo da PAC

A Secretaría das Mulleres do SLG pide entrevistas con Luís Planas e Irene Montero para denunciar o machismo da PAC

31 de Marzo do 2021

María Ferreiro e Isabel Vilalba

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego remitiu, o 30 de marzo, senllas cartas dirixidas ao ministro de Agricultura, Luís Planas, e á ministra de Igualdade, Irene Montero, para denunciar elementos discriminadores das mulleres na reforma da Política Agraria Común (PAC) que se está a deseñar para o Estado Español.

O certo é que os datos que se presentan no documento de partida relativos á presenza de mulleres no sector son desoladores:

  • Xefas/es da explotación: 77,37% homes, 22,63% mulleres.

  • Persoas beneficiarias da PAC: 62,85% homes, 37,14 % mulleres.

  • Importe medio das axudas da PAC: 6.059 € homes, 3.851 € mulleres.

Noutros parámetros como o número de mulleres beneficiarias da reserva nacional, representación das mulleres nos distintos órganos de dirección de cooperativas ou empresas agrarias, etcétera, abondan aínda máis na fenda de xénero.

A pesar duns datos tan negativos, coa reforma da Política Agraria Común, en cuxo Plan Estratéxico está a traballar agora o Ministerio de Agricultura, poderíanse desenvolver medidas para reducir esta fenda da flagrante desigualdade. Porén, aínda que o Ministerio de Agricultura expresou a súa intención de dar pasos para diminuír a fenda de xénero existente entre homes e mulleres na PAC, vista a documentación do subgrupo de traballo do “Obxectivo 7. Atraer aos mozos agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial nas zonas rurais. Perspectiva de xénero e despoboamento”, temos varias cuestións que denunciar:

  • Emprégase unha linguaxe masculina e non inclusiva en todo o texto.

  • As mulleres aparecen moi poucas veces soas, como “mujeres rurales”. A maioría das veces aparecen no grupo de “mujeres y jóvenes”

  • Tanto nos documentos de partida e de necesidades; como no documento de debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades (DAFO); os modelos a pequena escala, con menos investimentos e pouco endebedados, preséntanse como unha debilidade, cando son unha fortaleza.

  • Analizando as nove necesidades no “Obxectivo 7”, só se dedica especificamente a 8ª ás mulleres rurais, incidíndose nas cuestións que se detectan como debilidades: Máis tamaño físico da explotación, promover entre as mulleres orientacións máis grandes, máis investimentos...

  • As medidas que se propoñen no documento de necesidades non deixan de ser unha simple declaración de intencións encamiñada a mellorar a nosa representatividade.

Se vemos o resto de documentos sobre a PAC, todo o que está propoñendo o Ministerio de Agricultura relativo á axuda básica á renda para a sostibilidade, á axuda complementaria á renda, aos ecoesquemas e incluso ás axudas asociadas, vai encamiñado, precisamente, a granxas e explotacións cunha dimensións en hectáreas e número de animais que non son as que están xestionadas maioritarimente por mulleres.

Para rematar, no documento de debate político Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural de decembro 2020, no punto 3.2.4. Igualdade de xénero, descubrimos este texto: “A diagnose da situación de partida do Plan constatou non só a baixa presenza de mulleres na agricultura e no medio rural de España, senón a existencia dunha fenda de xénero. A resposta das CCAA ao cuestionario de setembro permitiu constatar un apoio maioritario ao desenvolvemento de intervencións na PAC de discriminación positiva a favor das mulleres rurais. Non obstante trátase dun aspecto complexo xuridicamente pola súa capacidade para entrar en conflito co criterio non discriminatorio que, con carácter xeral, rexe para as intervencións. Á vista desta posición, o Ministerio de Agricultura proporá opcións para introducir esta discriminación positiva en favor da muller en determinadas intervencións, previa consulta aos servizos da Comisión“. Isto fainos temer que con gallo de non “entrar en conflito co criterio non discriminatorio” , non se tomen decisión encamiñadas a reducir de maneira efectiva a fenda de xénero.

Diante desta situación, e aproveitando que aínda se está traballando no Plan Estratéxico da PAC, polo que aínda estamos a tempo de mudar as cousas, dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego solictamos unha entrevista co ministro de Agricultura, Luís Planas, para demandarlle a incorporación ao Plan Estratéxico da PAC os seguintes puntos:

  1. Mecanismos que permitan mellorar substancialmente as condicións de acceso das mulleres á axuda básica á renda e ao resto das axudas do primeiro piar, nas que segundo os seus propios datos, estamos agora mesmo en condicións moito máis desfavorables que os homes. As axudas do primeiro piar son indispensables se queremos mellorar a renda das explotacións das mulleres e, polo tanto, asegurar a continuidade das mesmas en condicións equiparables ás dos homes.

  2. Igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios. Se “o pago por hectárea que reciban dous agricultores ou gandeiros que afrontan as mesmas condicións produtivas debe ser o mesmo” necesitamos saber que prevé o seu Ministerio para que as granxas con poucas hectáreas, pero con 1 ou 2 UTAs que viven exclusivamente da agricultura ou da gandería, nas que estamos máis representadas, se poidan igualar na contía da axuda básica á renda con respecto ás que teñen máis hectáreas. Entendemos que igualar o importe por hectárea nunha rexión ou entre rexións de pago, non significa en ningún caso igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios.

  3. Unha axuda redistributiva que permita corrixir os desequilibrios dos importes entre beneficiarias e beneficiarios.

  4. Establecer nas axudas do 2º piar intensidades de axuda superiores, criterios que prioricen ás mulleres e non subvencionar aos colectivos, empresas ou cooperativas que teñan na súa base mulleres pero non estean nos seus órganos de dirección. Queremos, ademais, aclaracións sobre se a complexidade xurídica da que falan para unha discriminación positiva nas axudas tamén afecta ás medidas do 2º piar.

  5. María Ferreiro e Isabel Vilalba