A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Viticultores e viticultoras das cinco denominacións de orixe forman un grupo de traballo para dinamizar o sector no SLG

Viticultores e viticultoras das cinco denominacións de orixe forman un grupo de traballo para dinamizar o sector no SLG

26 de Abril do 2021

Asemblea do viño do SLG

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 24 de abril, nas instalacións de Adegas Eidosela (Arbo) a súa Asemblea Xeral do Viño, na que se conformou un grupo de traballo encargado de preparar o Congreso do Viño e dar corpo á futura dirección do sector na organización agraria. Este grupo estará integrado por viticultores e viticultoras, adegueiros e adegueiras, das cinco denominacións de orixe.

Con esta asemblea, en palabras do técnico dinamizador do Sector do Viño no SLG, Xosé Manuel Parente, “quixemos, coa participación de todas as denominacións de orixe, sermos quen de poñer en marcha un equipo de traballo volva relanzar o sector do viño de cara a afrontar os retos e desafíos que temos por diante”.

Se ben é certo que seguen existindo problemáticas crónicas no sector vitivinícola galego, como o alto nivel de abandono, a falla de relevo xeracional, a inestabilidade nos prezos da uva ou a clara marxinación das pequenas adegas, hai dúas cuestións que están a tomar unha grande relevancia nos últimos tempos e que marcaron os debates desta asemblea. Por unha banda, a reforma da Política Agraria Común (PAC), que no Estado Español ten a materia pendente de dar apoio tamén á viticultura, até agora excluída do seu sistema de axudas directas; e, por outra, o fenómeno crecente de acaparamento de terras, que levamos anos denunciando dende o SLG, co que uns poucos grupos empresariais e grandes adegas estanse facendo cada vez con máis superficie de viñedo amparadas por un sistema de axudas deseñado para tal fin pola Consellaría de Medio Rural.

En palabras do responsábel do Viño do SLG, o viticultor e adegueiro Bernardo Estévez Villar: “Estamos situados na tormenta perfecta no sector vitivinícola, especialmente na provincia de Ourense. Despoboamento e falla de relevo xeracional, total desleixo por parte das autoridades competentes na materia, abandono por esgotamento, consellos reguladores que actúan como malas asociacións de empresarios, cambio climático, pandemia, desembarco de grandes empresas nas denominacións de orixe e unha administración que fai todo o posible por facilitarlle o camiño a eses grandes grupos empresariais -a través das axudas e das leis- en prexuízo das pequenas adegas e da viticultura menos dimensionada”.

No presente máis inmediato, os efectos da Covid e o peche e restricións da canle Horeca marcarán a axenda do SLG: “O peche da hostalería está a ser un drama. A falla de vendas fai que a liquidez sexa cada vez menor, mentres que os gastos, tanto nas viñas como na adega, non entenden diso. Se neste verán non hai unha boa reactivación, moitas adegas van quedar no camiño. A crise da Covid vai facer que unha grande parte da hostalería non volva abrir, co cal parte do noso mercado vai desaparecer”. Neste senso, cómpre lembrar que Galiza foi a grande marxinada das axudas ao sector vitivinícola para compensar o impacto da Covid-19. A pesares de que o Ministerio de Agricultura destinou 90 millóns de euros para esta finalidade, na Galiza só houbo 17 solicitudes de axuda en total, que supuxeron ao redor de 235.000 €, debido a que os requisitos esixidos para solicitalas marxinaban claramente a nosa terra.

Unha boa oportunidade para revitalizar o sector sería a través das novas plantacións de viñedo. “Se tes na túa axenda política a recuperación de poboación no rural, a recuperación de estrutura socio-económica no agro, só tes un camiño: Favorecer que a xente que está no rural non marche e que moita outra que vive nas cidades vexa o rural como a oportunidade dunha vida mellor. Polo tanto, as novas plantacións asociadas a proxectos de incorporación de persoas no rural, familias e persoas individuais, poden ser moi positivas”. Precisamente, na defensa deste modelo de viticultura familiar a pequena escala incidiu a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, como única alternativa que fixa poboación no rural e crea emprego e riqueza nas comarcas vinícolas; ao contrario das grandes empresas e fondos de investimento que veñen de fóra e para fóra levan o meirande da riqueza e beneficio que xeran, ademais de acaparar a maior parte das axudas para plantar viñedo novo.

Asemblea do Viño SLG 2021