A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A AEAT torpedea a incorporación de mozos e mozas ao agro ao gravar a transmisión de dereitos de pago único

A AEAT torpedea a incorporación de mozos e mozas ao agro ao gravar a transmisión de dereitos de pago único

12 de Maio do 2021

AEAT

O pasado mes de marzo, dende o SLG eloxiabamos as primeiras resolucións do Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galiza (TEAR-G) que estimou as reclamacións interpostas contra as liquidacións de IRPF que fixera a Axencia Tributaria polas transmisións de dereitos de pago único entre cónxuxes casados en réxime de gananciais, que dende o SLG considerabamos inxustas

Porén, esta semana coñecemos que o mesmo TEAR-G vén de resolver que, cando esas transmisións se realizan de pais ou nais a fillos ou fillas, deben ser consideradas como unha ganancia patrimonial, de maneira que obrigan a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación ao seu fillo ou filla.

Para o Sindicato Labrego Galego, esta resolución, ademais de ser inxusta, torpedea o relevo xeracional na profesión agraria, que está a sufrir unha aguda crise por envellecemento na Galiza. Cómpre salientar o feito de que, no sector bovino (lácteo e vacún de carne) unha das principais maneiras de incorporarse é pola transmisión de pais e nais a fillos e fillas, xa que as dimensións dunha explotación rendible hoxe en día fan practicamente imposible o investimento necesario para poder comezar dende cero na actividade.

Desde hai varios anos, a Axencia Tributaria grava como ganancia patrimonial os cambios de titularidade nunha explotación e a transmisión de bens que leva aparellados, como os dereitos de cobro da Política Agraria Común (PAC). Neste caso, a AEAT entende que se produce unha ganancia patrimonial pola que obriga a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación, aínda que dita ganancia non se produce realmente, pois trátase dunha cesión da explotación dentro do ámbito familiar sen que haxa contraprestación económica.

Diante disto, o Sindicato Labrego decidiu levar esta cuestión ao Consello Agrario Galego para que realice unha reclamación unánime á Axencia Tributaria de cara a retirar a obriga de tributar ás cesións de dereitos da PAC de pais e nais a fillos e fillas por ser totalmente inxusta, ademais dun lastre para o necesario proceso de rexuvenecemento do noso agro e medio rural a través da incorporación de mozos e mozas á profesión agraria.