A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Política Agrícola Común que soñamos

A Política Agrícola Común que soñamos

31 de Agosto do 2021

PAC

O Sindicato Labrego Galego (e outras organizacións coas que traballamos a nivel galego, estatal e europeo) quere outra PAC. Cremos que é posible e que é imprescindible se queremos frear a desaparición das pequenas granxas como produtoras de alimentos e non deixar grandes extensións de territorio e a nosa comida en mans da agroindustria.

(Este artigo foi redactado seguindo, en parte, as intervencións da mesa de peche do seminario sobre a PAC que se celebrou en Compostela, os días 2 e 3 de xullo de 2021. Nesta mesa participaron coas súas reflexións, e por este orde, Gérard Choplin, Andoni García e Isabel Villalba).

O campesiñado na Galiza desaparece a un ritmo maior que en calquera outra comunidade autónoma española (-36% ) e a superficie agraria útil é só do 21%. O interese que teñen as reformas da política agrícola común é cada vez máis escaso, pensamos que por tres motivos: As expectativas que se crearon en reformas anteriores implicaron a toma de decisións pouco acertadas en moitas granxas de Galiza; a complexidade e aridez da propia normativa e a súa aplicación práctica; e a sensación de que todo se decide noutro sitio e de costas ao sector. Por outro lado, a prensa, a Consellería, algunhas organizacións agrarias, as cooperativas, a universidade... fan case sempre fincapé nas subvencións, no que recibe ou pode recibir cada granxa. E nunca se nomea que tamén depende da PAC a regulación dos mercados, o prezo, os acordos comerciais, a aplicación ou non do dereito europeo da competencia, a intervención pública e privada, as organizacións de produtores, as variedades de uva que podemos plantar, as prácticas enolóxicas, etc. Cada vez que entramos nunha fase de reforma da Política Agrícola Común, só se fala das “subvencións” e o resto nin se nomea.

A PAC elimina labregos e labregas en toda Europa. Desde moitas instancias europeas sábese que a Política Agrícola Común debería cambiar substancialmente debido ao fracaso en canto ao mantemento da agricultura familiar no territorio. A substitución destes por explotacións intensivas que producen grandes cantidades de materia prima barata para a agroindustria e para a exportación parece imparable.

A teoría desta reforma da PAC soa ben: son precisas persoas no territorio con producións diversificadas para responder á demanda duns alimentos de calidade, redución de adubos químicos, antibióticos, praguicidas, redución da perda e desperdicio de alimentos, etc. Na práctica seguirá expulsando persoas do territorio, teremos menos biodiversidade, substituiranse uns insumos por outros, os alimentos seguirán con recorridos inmensos, Europa seguirá sendo a primeira exportadora e, ao mesmo tempo, a primeira importadora de alimentos do mundo.

Aínda que a agricultura e a gandería en Europa son moi diversas, todas padecemos, en maior ou menor medida, dificultades para acceder á terra, ás sementes, ao crédito, a mercados xustos. Cada vez é máis difícil cubrir custes de produción. As condicións de traballo tamén se degradan: máis autoexplotación dos e das titulares e peores condicións laborais para as persoas empregadas.

Polo tanto, temos que partir de que a intensificación, a concentración, o aumento constante da produtividade e da produción destinada á exportación, xeraron os efectos contrarios aos previstos: perda de agricultoras e agricultores, abandono dos lugares e aldeas, envellecemento da poboación agraria, falta de relevo, un nivel de endebedamento insoportable, graves problemas ambientais... Esta PAC destrúe vida e emprego tanto en Europa como no resto do mundo.

Vendo os novos Regulamentos concluímos que non modifican nada importante. Parece que aínda que este modelo fracasara, moitos políticos seguen apostando pola continuidade da PAC vestíndoa de ecoloxismo, máis sostibilidade e loita contra o cambio climático.

Como avanzar entón, cara outra PAC?

Gérard Choplin pregúntase cal sería entón unha boa política agrícola e contéstanos que sería aquela que respondera, de maneira coherente, a sete preguntas:

1.- Quen vai producir?

2.- Que imos producir?

3.- Canto imos producir?

4.- A que prezo imos vender eses produtos?

5.- Como imos producir ?

6.- Onde imos producir ?

7.- Para quen imos producir?

Se responde de forma coherente a estas sete preguntas nun marco de soberanía alimentaria, vai ser unha boa política agrícola.

Para el, as organizacións campesiñas e a sociedade en xeral temos dous retos:

Cambiar a PAC co marco actual porque esta é a realidade que temos neste momento. É posible no marco global actual mellorar esta PAC, aínda que tamén é difícil

Ir a outra PAC nun marco de soberanía alimentaria. O futuro non está escrito. Para conseguir unha PAC a partir da soberanía alimentaria, temos que traballar en catro puntos principais:

1.- A PAC actual é moi dependente das regras do comercio internacional e non é posible cambiar a PAC coas regras actuais de comercio internacional. Un dos obxectivos da soberanía alimentaria é dar un marco xusto para o comercio internacional; polo tanto, hai que traballar con outros actores sobre novas regras de comercio internacional para que sexa máis xusto e máis solidario, nun marco de soberanía alimentaria. Estas novas regras deben ser sen dumping, con dereito a definir aranceis, con prioridade para o comercio local e europeo.

2.- Regular os mercados a nivel europeo: prezos xustos e estables. Se temos bos prezos non precisamos axudas nin tanto orzamento para axudas directas. Posiblemente se precise o mesmo orzamento pero destinado a outras cuestións: para as rexións con limitacións naturais ou de montaña que teñen maiores custes de produción, para as granxas en transición agroecolóxica, para as pequenas granxas...

3.- E preciso acabar coa gandería industrial. Non é suficiente pero é necesario noutra PAC. E son precisos anos de transición.

4.- A compra pública local e ecolóxica. Se é ecolóxica e non só local vai favorecer o desenvolvemento de granxas ecolóxicas na rexión.

Estes serían os grandes puntos para outra PAC, pero non son suficientes. Precisaríamos tamén traballar en:

- Diminuír as diferenzas de política fiscal e social, que xeran moitos problemas de competencia no interior do mercado único. Sería precisa unha harmonización fiscal e social desde arriba, e unha reforma das regras de competencia a nivel da UE.

- Nova política comercial exterior da Unión Europea para cambiar as regras do comercio internacional e os tratados comerciais con outros estados; unha reforma da política de competencia e reorientar os fondos da política europea de investigación.

- Acceso á terra. Non é unha competencia a nivel europeo, temos moi diferentes situacións nos distintos Estados e a PAC actual está acelerando a concentración da terra.

- E, naturalmente, non transxénicos que non necesitamos e que son perigosos para a autonomía das explotacións, o medio ambiente e a saúde.

Son moitas cuestións nas que traballar, pero se queremos ser coherentes e ter unha PAC nun marco da soberanía alimentaria, temos que traballar estes temas con outras organizacións a nivel europeo , estatal e internacional. Como é moi difícil cambiar a PAC e as regras de comercio internacional, estamos vendo organizacións e persoas que están cambiando as súas prioridades e traballan a nivel local con proxectos moi interesantes. Esto está moi ben, pero se non cambiamos o marco europeo e o marco internacional estas iniciativas locais non van poder cambiar a Política Agraria. É necesario traballar en Europa nos tres niveis conxuntamente: local, europeo e internacional. Por iso se creou no ano 1986 a Coordenadora Campesina Europea e no 1.993, Vía Campesina. Temos que traballar a nivel internacional, é necesario.

Remata a súa intervención cunha cita que aparece no seu libro “Paysans mutins, paysans demain” de René Char: “La lucidité est la blessure la plus proche du soleil”

Andoni García, pola súa parte, expresa que a Coordenadora Europea Vía Campesina manifestou como imprescindible, xa en febreiro de 2020 , unha revisión total da proposta de Regulamentos da PAC. Case desde o principio desta reforma, parecía clara unha cuestión: que esta PAC non vai responder ás necesidades das labregas e dos labregos. O resto de organizacións non apoiaron esta revisión total porque pensaban que había posibilidades de reformar as propostas de Regulamentos nos múltiples trámites que tiñan que pasar deica a súa aprobación. Moitas destas organizacións expresan hoxe que queren unha retirada total da reforma.

Neste momentos, ademais da análise profunda, e xa co acordo na Unión Europea, as organizacións temos que baixar a temas de concreción da PAC e é terrible como organizacións ter que concretar neste marco que non é a nosa PAC, pero estamos obrigadas a intentar dirixir a PAC cara os modelos que defendemos: pequenxs e medianxs labregos e labregas, a un modelo sostible de agricultura.

Intentamos facer isto en todas as nosas concepcións e cos instrumentos que temos, porque non estamos de acordo coa axuda por hectárea e queremos que a axuda vaia á renda, directamente á persoa agricultora e, sobre todo, queremos que a nosa vida dependa máis do que producimos e do que vendemos, polo tanto, dos prezos . Isto non o temos nestes momentos, pero imos seguir loitando dentro dos marcos que temos: local, europeo e internacional.

Se vemos a PAC tal e como está agora, somos pesimistas. Realmente non vai traer grandes cambios, máis burocracia que non consigue cambiar nada: canto van cambiar os ecoequemas? Canto cambiou o greening? Realmente nada. O greening veu por unha presión do mundo ecoloxista. Para nos, como labregas e labregos, era difícil crer que con cuestións como o greening se vai cambiar realmente o fondo, o modelo. Pásanos igual cando se fala dos ecoequemas: as organizacións agrarias non cremos neles porque sabemos que van xerar un problema de exclusión do modelo sostible, non van facilitar un modelo de cambio e van servir para apuntalar aqueles que teñen grandes inversións para facer prácticas medioambientais. Os ecoesquemas non veñen dun deseño labrego, nos non pedimos ecoesquemas, pedimos un modelo sostible protagonizado por pequenas granxas. Os ecoesquemas poden representar que un 25% do orzamento sexa destinado a eles, pero iso non vai significar máis sostibilidade ou apuntalar ás granxas pequenas e medianas. Podemos ter boa fe en canto os plans que se fagan, pero a aplicación desta PAC que non é a nosa complícanos moito a vida diaria sen obter resultados.

Se pensamos na crise climática, na crise sanitaria, na crise social, podemos ser optimistas? Hai unha crise do sistema e hai un choque entre diferentes posicións. A UE opta por unha concepción nova que é o Pacto Verde Europeo. Quere responder aos compromisos que ten a UE sobre o cambio climático e sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible. Podemos ser optimistas porque o modelo de agricultura que representamos é a resposta a todas esas crises. As nosas organización seguen achegándose persoas mozas que queren incorporarse na agricultura e a nosa resposta é que hai futuro. Sen enganar a ninguén, podemos dicir que hai futuro. No marco da lei da cadea alimentaria, a COAG traballa para limitar as atribucións das grandes empresas, para que non se poida vender por debaixo de custes de produción. Fálase tamén nas institucións europeas das políticas comerciais e recoñécese unha contradición e trabállase para levar a OMC o tema dos aranceis novos polo cambio climático, etc. As institucións europeas saben que teñen que traballar no comercio internacional para facer crible o camiño do pacto verde europeo. Un día a día complexo e, ás veces, contraditorio, pero avanzamos.

Hai futuro porque no pacto verde europeo, aínda feito nun marco neoliberal, están reivindicacións históricas das nosas organizacións. Sen enganarnos porque estamos falando dun marco neoliberal pero ensaiando outro camiño. Un marco político xeral da UE por primeira vez está integrando o modelo máis sostible de agricultura: venda directa, compra pública, sistemas locais...Estannos dicindo que o que representamos é a resposta. Cando vemos o que propoñen sobre a agricultura ecolóxica é bastante interesante, baseada en sistemas alimentarios locais. No que está escrito, camiñan as cousas cara o que buscamos. A mensaxe política en canto á agricultura ecolóxica é o que buscamos, a concreción é o problema e, ademais, a PAC non acompaña.

Na negociación europea o organismo que máis contradicións mostrou foi o Consello de Ministros e son os que máis responsabilidades teñen neste momento na concreción da PAC. Parece que os gobernos estatais e autonómicos están representando máis nestes momentos os intereses establecidos pola industria e a distribución. E non podemos esquecer a responsabilidade dos gobernos autonómicos e estatais na aplicación práctica da PAC, son responsables do modelo intensivo e industrial e da redución do número de pequenas granxas. Os nosos gobernos autonómicos tampouco están cumprindo, deberían ter redactado un plan estratéxico propio no marco das súas competencias. Esquecemos as veces que o marco de aplicación da PAC está moi cerca.

A ECVC está presentando alternativas e poñendo solucións. Cando o marco político nos está dando unha idea moi clara de que nos somos a resposta, hai que aproveitalo. Outra cousa é que as discusións europeas non están chegando aos Estados e temos que ser capaces, como organizacións, de traer ese debate aos Estados e ás Comunidades Autónomas.

Por último, no campo da alimentación hai moito terreo para avanzar. Como EHNE Bizkaia lanzamos un enunciado no marco de Etxalde que é importante e que pode axudar aos cambios: traballar no dereito a unha alimentación san para toda a poboación, conxuntamente cos sindicatos obreiros. Temos que rexeitar ser produtores para as elites, temos que reivindicar ser produtoras para todo o mundo, para toda a sociedade, para ter o dereito dunha alimentación san para toda a poboación. O eixe da alimentación pode transformar a agricultura. Traballamos con outras organizacións na coalición polo clima, na coalición por outra alimentación para conseguir cambios.

Hai futuro porque formamos parte da solución.

Isabel Vilalba parte de que o modelo que nos defendemos como Sindicato Labrego Galego ten múltiples efectos, pero o noso obxectivo é producir alimentos sans para o conxunto da sociedade. Esta é a nosa proposta e é o que temos que esixirlle a cada un dos nosos gobernos. As políticas agrarias que se fagan desde Galiza, desde o Estado e desde Europa teñen que ter este fin. Se teñen outro fin, que pode ser o incremento da facturación de non sei que empresa láctea ou a facturación das grandes adegas, entón é un modelo que non é para o conxunto da sociedade. O reto é conseguir que a sociedade vexa isto. Son peóns que traballan para os intereses particulares de empresas e están cumprindo unha función completamente espuria que é enganarnos como sociedade e empregar unha representación que din que é democrática para traballar a favor de intereses de grupos económicos concretos.

A nosa ten que ser unha mensaxe de esperanza. Non estamos falando de que mañá temos que empezar, xa estamos nun proceso: no territorio hai proxectos sostibles en todas as comarcas, exemplos moi concretos de economía circular, da verdadeira economía circular. Eses exemplos, eses modelos agroecolóxicos están xa presentes no noso territorio, son realidade e son moi importantes.

Temos que visualizar o que é invisible, non só existe o mercado, non só existe a facturación das grandes compañías. En case cada casa do rural hai unha produción alimentaria e iso e unha enorme riqueza de biodiversidade e de xestión do territorio e iso ten que ser valorado. Xoan Carlos Carreira considera que máis dun 60% da alimentación da poboación galega ven desas casas do rural. Imaxinemos que importancia ten.

Temos que desenmascarar que están vendendo o modelo das corporacións como un modelo de interese xeral e non é certo, o que queren dicir son maiores beneficios para catro empresas concretas. E ese o noso interese como sociedade? A capacidade da alimentación en termos económicos é moi potente; polo tanto temos que ter como sociedade un modelo e conseguir que os nosos gobernos tamén teñan un modelo de alimentación para o conxunto da sociedade, non o deseñado por certas empresas para incrementar os seus beneficios.

As labregas e labregos temos a capacidade de producir alimentos saudables nos nosos territorios. Dicimos labregos e labregas porque non podemos permitir que nos reduzan a produtoras de carne, a produtoras de leite, porque somos moito máis. Se permitimos que nos reduzan a iso, a ser os produtores e produtoras dun produto, e o único que importa é a cantidade do produto, aquí é onde está a base do discurso de que somos perfectamente substituíbles por macrogranxas, posto que non hai ningún valor máis detrás do que producimos. Temos que ter claro e chegar a sociedade con toda esa riqueza que hai e que non é só esa produción concreta: as sebes, as pozas, os muros de pedra , a biodiversidade, a economía relocalizada, sostible, que non fai miles de quilómetros, o aforro enerxético...

 A nosa proposta é un modelo baseado na agroecoloxía que ten como fin garantir o acceso a unha alimentación de calidade, nutritiva e saudable para toda a sociedade e non para unha elite. Isto é importante, estamos falando de dignidade de clase.

Necesitamos alianzas, o modelo alimentario temos que construílo dende o conxunto da sociedade e temos que construílo para a xente do común, para a xente traballadora e con ela. Temos que romper esa barreira para chegar e que a xente vexa que a proposta que é boa para a empresa láctea “ x” ou para a grande adega “y” pode non ser unha proposta boa nin para o territorio, nin para unha comunidade viva, nin para unha alimentación saudable.

A PAC é unha política pública esencial e temos que compaxinar a defensa doutra PAC coa loita para que a PAC actual non nos agreda, necesitamos unha PAC para o ben común. A alimentación non pode ser só unha mercadoría, o modelo de produción de alimentos e de distribución é central.

A PAC importa porque son os nosos alimentos, é a comida que chega as nosas mesas todos os días, é a calidade da auga, é a degradación ou o coidado do solo, é o compromiso coas xeracións futuras, é o compromiso cos labregos e labregas de calquera parte do mundo, mesmo das persoas que son expulsadas das súas terras para que as vacas europeas, o porcino europeo ou o sector avícola europeo teña proteína .

Temos dous marcos de traballo : un a medio longo- prazo para esa pac que queremos, pero temos xa un hoxe, non podemos permitir modelos que lexitimen a inxustiza social e non podemos esperar ao 2025 para frear as barbaridades que se cometen contra as persoas.

Rexeitamos esta PAC porque:

Non é para o ben da sociedade nin para o ben das agricultoras e dos agricultores, é unha PAC para o beneficio das grandes corporacións e das grandes superficies. Mesmo é beneficiosa para o capital financeiro especulativo.

Promove algo moi grave: un número moi pequeno de grandes corporacións controlan a alimentación, lonxe de calquera control democrático.

  • Promove a concentración da produción e o acaparamento de terras. Non pode ser que digamos que si á entrega das terras ás grandes corporacións. Terras polas que loitamos durante toda a nosa historia como sociedade, non pode ser que agora llas entreguemos as grandes corporacións para desposuír as próximas xeracións.
  • Degrada as nosas condicións de vida: a autoexplotación que nos somete este PAC esixe un nivel de horas de traballo que nos leva un desgaste físico importante en xente nova.
  • Esta PAC ten a semente das próximas crises, se a lemos con atención xa o pon: prevé volatilidade dos prezos, prezos enormemente baixos, porque na realidade rexeita a regulación da produción, rexeita regras de mercado xustas, crea condicións para uns prezos absolutamente volátiles e nada estables. E algo que temos que coñecer como agricultoras e como sociedade.
  • É un engano e unha estafa, colle as demandas socias, esas pretensións que temos duns alimentos saudables, de apoio a un coidado do medio ambiente no marco da condicionalidade reforzada, de apoio ás pequenas e medianas granxas, ao relevo xeracional.... Colle todas esas palabras e vemos que a práctica e a realidade desa PAC despois é xusto o contrario. Un exemplo é o pacto verde, a estratexia da granxa á mesa, a estratexia de biodiversidade: presentan unha PAC que representa aos intereses das grandes corporacións, pero na teoría teñen esta retórica para dicir que ten todos eses compromisos sociais e medioambientais... e isto tamén debemos desenmascaralo.
  • Dous ámbitos logo: a PAC que queremos a medio e longo prazo pero non podemos permitirnos perder máis proxectos xa, temos que recuperar. No título deste seminario está a solución: a única forma de garantir alimentos sans é ter moitas labregas e labregos no territorio, non hai ningún outro elemento que sexa capaz de garantir isto

Polo tanto, visión de futuro e traballo no marco actual. Temos que traballar para que as medidas actuais sexan o menos agresivas posible: vemos que o pago por superficie é fondamente discriminatorio; vemos que un pago da mesma cantidade por hectárea non corresponde a un concepto de equidade; vemos que esa redistribución é un elemento moi necesario que pode quedar en nada,,o tema dos topes, a renda básica que apoia a esas moi pequenas granxas que cumpren todos os criterios de sustentabilidade... ...Pero é unha loita que temos que dar: a única loita perdida é a que non se da.

O noso modelo non pode basearse en ningún tipo de desigualdade ou de discriminación, nin norte-sur, nin homes-mulleres.... . Por que non avanza a titularidade compartida? Porque se naturalizou a desigualdade....e como se naturalizou a desigualdade acaba aceptándose como normal que unha muller estea toda a vida como axuda familiar, que nunca veña un ingreso ao seu nome, que no día a día sempre teña que ter esa posición subsidiaria e que se se rompe a relación sexa o xulgado o que teña que recoñecer o que foi xerando esa persoa durante 20 ou 30 anos de vida ou que se falece a outra persoa os herdeiros legais sexan os que teñen recoñecidos dereitos e esa muller non ten ningún dereito recoñecido. Isto naturalizouse e vese como normal. Polo tanto hai que romper a normalidade de que alguén ten que estar nunha posición subsidiaria doutra persoa, sexa unha muller, un home, calquera.

Como movementos sociais, como organizacións campesiñas, temos alternativas . Sabemos como alimentar á cidadanía, como coidar o medio ambiente, como transmitir a terra, a auga, os nosos territorios para as xeracións vindeiras. Temos que democratizar a PAC. A sociedade non pode seguir delegando nas grandes empresas o que vai ter na súa mesa para comer. Conseguir que a sociedade tome conciencia e toma as decisións. A solución está na soberanía alimentaria e nos modelos agroecolóxicos.

 

Compostela, 3 de xullo de 2021

 

 

logosproxectoeuropeo

 

 Arquivo para descargar: La PAC que soñamos

Ficheiro adxunto