A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Alegamos contra a creación dunha nova balsa de residuos da mina de Touro-O Pino

Alegamos contra a creación dunha nova balsa de residuos da mina de Touro-O Pino

29 de Outubro do 2021

Balsa residuos-drenaxe

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar alegacións contra o“Proxecto de drenaxe integral da concesión de explotación San Rafael n.º 2.946”, na parroquia de Touro (San Xoán), nos termos municipais de Touro e O Pino (A Coruña).

En primeiro lugar cómpre insistir en que o procedemento de actualización do proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946 -promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L-, NON CONTA CON AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL FAVORABLE. Polo tanto, non existe plan de restauración ambiental algún no que se poida incardinar este suposto proxecto de drenaxe integral, a pesar da vinculación que Explotaciones Gallegas S.L. (EXGA) -a mercantil que rexistra o proxecto malia non ser titular da concesión da explotación- pretende facer ver.

Denunciamos a intención da Xunta de Galicia de permitir baixo a denominación de “proxecto de drenaxe temporal” a creación dunha nova balsa mineira de sulfuros no oco de Viveiro, así como a posíbel eliminación de tres caudais hídricos -o Felisa (tributario do Rego de Puchelas), o Portapego e o Angumil (tributarios do río Brandelos)-, como primeiro paso dun novo proxecto mineiro. Tal e como está formulado o proxecto de drenaxe temporal da mina de Touro implicaría a alteración substancial ou eliminación destes tres caudais para sempre, afectando directamente sobre os regos da zona, en lugar de procurar a súa restauración en condicións ambientais aceptables, e coa conseguinte instalación de plantas de tratamento das drenaxes acedas e dos sulfuros presentes nestas canles hídricas.

Xa que logo, o proxecto presentado, lonxe de supor unha mera declaración de obras en dominio público hidráulico (DPH) ou zona de policía de leitos, é un proxecto de autorización de verquidos de augas residuais industriais procedentes dunha explotación mineira, cos seus respectivos proxectos de plantas de tratamento. Polo tanto, é manifestamente inadecuada a pretensión de darlle trámite a este suposto proxecto de drenaxe da mina San Rafael a través de Augas de Galicia conforme aos procedementos de autorizacións en DPH e zona de policía de leitos, dado que só pode ser tramitado en conformidade co artigo 245 do Regulamento do dominio público hidráulico, correspondente á autorización de vertidos.

Resulta moi preocupante que na descrición de Augas de Galicia referida a este Anuncio as augas residuais industriais procedentes das instalacións de residuos mineiros da concesión de explotación “San Rafael” sexan denominadas “augas pluviais”, a descrición dos puntos de vertido no DPH identificada comopuntos de devolución”, e o cauce fluvial de rego do Portapego referido abstractamente como un “punto”. Ao longo deste proxecto, así como no Anuncio emitido por Augas de Galicia, dedúcese unha tentativa de descaracterización dos cauces nos que se efectuaría as verteduras, que se presentan co eufemismo “puntos de devolución”.

En definitiva, o obxecto do procedemento non excede con creces o ámbito do procedemento de autorizacións en DPH e zona de policía de leitos senón tamén o da autorización de verquidos, pretendendo asumir Augas de Galicia as función propias do órgano substantivo mineiro.

Os proxectos implican, de feito, modificacións substanciais do proxecto definitivo de abandono e clausura dun depósito de residuos mineiros e do plan de restauración, resultando obvio que non é Augas de Galicia o órgano competente para o seu trámite. Moito menos no caso da hipotética inexistencia dos correspondentes plans de restauración e plan de abandono-clausura, o cal sería inaudito considerando que xa transcorreron 39 anos desde a adopción do Real Decreto 2994/1982, 21 anos desde a adopción da Orden de 26 de abril de 2000 e 12 anos desde a adopción do Real Decreto 975/2009, pois Augas de Galicia pretendería tramitar e aprobar os equivalentes funcionais parciais sendo totalmente incompetente para conducir dito trámite.

Por outra banda, o proxecto resulta de base inadmisíbel ao non existir identificación clara de quen é o seu verdadeiro promotor e responsábel, unha vez que a peticionaria da autorización é distinta á peticionaria dos proxectos. A solicitude é feita por unha mercantil, Explotaciones Gallegas SL, que non é a titular da concesión de explotación “San Rafael” n.º 2.946”. Podemos atopar incluso referencias a un presumible acordo con Atalaya Mining, sen especificar para que nin a quen representa esa empresa.

A indeterminación na identidade e responsabilidade do promotor non é aceptable nin pode ser casual ante a dimensión e gravidade do que en realidade se pretende autorizar, e non é comprensible que Augas de Galicia teña chegado a someter os proxectos a información pública se non é en connivencia cunha tentativa de diluír no futuro as responsabilidades derivadas, no que sen dúbida é unha proposta de tratamento destinada ao fracaso en termos do cumprimento dos obxectivos de calidade ambiental. A esta irregularidade engádeselle ademais a absoluta falta de rigor técnico do proxecto presentado.

 


 

Por se fora pouco, as actuacións incluídas neste proxecto supoñen unha modificación substancial do proxecto definitivo de abandono e clausura da referida instalación -que debería terse aprobado no seu día atendendo ás normas correspondentes- representando tamén unha modificación substancial do plan de restauración da explotación, ben sexa o aprobado orixinalmente atendendo ao Real Decreto 2994/1982, de 15 de octubre, sobre restauración de espacio natural afectado por actividades mineras, ben sexan os plans de restauración sucesivos.

 


 

Dende o SLG denunciamos a connivencia constante da Xunta de Galicia con proxectos que están a destruír o noso medio rural e impactando negativamente nas actividades produtivas das persoas que viven nestas áreas, ademais de empeorar a súa calidade de vida afectando aos ecosistemas e á biodiversidade destas contornas.