A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O peche de Tegestacín: crónica dunha morte anunciada ante a inacción da Consellaría do Medio Rural

O peche de Tegestacín: crónica dunha morte anunciada ante a inacción da Consellaría do Medio Rural

18 de Decembro do 2021

tegestacín web

O feito de que siga a haber primeiros compradores que teñen deixado impagos é responsabilidade directa da Xunta de Galicia. Algunhas destas industrias lácteas contan mesmo con condenas previas por esa mesma infracción, como é precisamente o caso da actual propietaria de Tegestacín, a familia Sangiao, condenada por impagos ás gandeiras e gandeiros que subminstraban o leite a Lácteos Tambre.

 


O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas leva denunciando dende o ano 2019 os impagos de Tegestacín ás granxas lácteas. A última vez que o fixemos foi o pasado mes de xullo, cando a empresa acumulaba débedas que ían dende os 3.000 aos 80.000 € -correspondentes a entre os dous e os catro meses de produción-, comprometendo xa daquela a viabilidade das granxas.

O feito de que siga a haber primeiros compradores que teñen deixado impagos é responsabilidade directa da Xunta de Galicia. Algunhas destas industrias lácteas contan mesmo con condenas previas por esa mesma infracción, como é precisamente o caso da actual propietaria de Tegestacín, a familia Sangiao, condenada por impagos ás gandeiras e gandeiros que subminstraban o leite a Lácteos Tambre.

É absolutamente indignante que malia as reiteradas denuncias ao longo de anos, a Consellaría do Medio Rural non teña actuado de ningún xeito. Non é de recibo o caso de empresarios como a familia Sangiao, que tras varias sentenzas condenatorias, disolveu Lácteos Tambre e seguíu operando no mercado con Logística Alimentaria e, ate fai uns días, con TeGestacín SL. A Consellaría debería denegar a licenza para mercar leite a aquelas empresas ou persoas que teñan sido condenadas por impagos.

Dende o SLG queremos expresar o noso absoluto desagrado ante a deixadez e completa inacción da Consellaría do Medio Rural, que elude a súa responsabilidade de actuar fronte a unha práctica industrial abusiva que está empuxando ao peche de centos de granxas familiares.

Reiteramos unha vez máis as reivindicacións que vimos trasladando á Consellaría dende fai máis de dez anos: regulación da actividade dos primeiros compradores. En concreto, que a Administración lles esixa o depósito de avais ou outro tipo de garantías que cubran posibles impagos, e que exista unha vía de reclamación rápida e efectiva para que as granxas que sufran a morosidade poidan ingresar o antes posible os cartos que lles deben.