A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG presenta mocións en tódolos concellos do Deza-Tabeirós para solicitar a súa implicación no apoio ao sector leiteiro

O SLG presenta mocións en tódolos concellos do Deza-Tabeirós para solicitar a súa implicación no apoio ao sector leiteiro

21 de Decembro do 2021

deza_moción_leite

O Sindicato Labrego Galego presentou mocións en todos os concellos da comarca do Deza-Tabeirós para demandar a súa implicación activando medidas de apoio ao sector leiteiro galego, e sumando forzas canda o sector produtor no traslado das súas reivindicacións á Consellaría do Medio Rural.

Esta acción forma parte da campaña iniciada no pasado mes de novembro, trasladada xa aos concellos de Arzúa e Chantada, e que terá continuidade en tódolos municipios do país onde a produción láctea é representativa e moi importante desde un punto de vista económico.

En primeiro termo hoxe procedeuse a trasladar a moción ao Concello de Lalín -un dos dez concellos que producen non seu conxunto o 30% do leite da Galiza, con case mil persoas afiliadas á Seguridade Social agraria- a través do rexistro administrativo presencial -adxuntamos imaxes-, comprometéndose os concelleiros presentes a levalo a pleno. O resto de concellos da comarca completaranse ao longo da xornada a través do rexistro electrónico.

O Estado español atópase entre os dez que abarcan o 86% do total de entregas de toda a Unión Europea, e Galiza é a maior produtora de leite do Estado, cun 39,1 % do total das mesmas, moi lonxe da súa inmediata seguidora, Castela e León, cun 12,5%.

Sen embargo, a Consellaría do Medio Rural leva máis de dez anos inhibíndose das súas responsabilidades no tocante ao apoio ao sector leiteiro -e aos sectores primarios en xeral-, instrumentalizando o Goberno da Xunta de Galicia para acelerar a destrución das granxas familiares que tradicionalmente teñen vertebrado o noso país, deixando o campo libre á instalación agroindustrial e a unha articulación territorial salvaxemente capitalista, que expulsa ás persoas que viven no rural despoboando territorios que logo son acaparados para o espolio enerxético, mineiro, etc.

Fronte a este desleixo estratéxico da Xunta de Galicia, pedimos a implicación da corporación municipal do Concello de Lalín e dos restantes concellos da comarca do Deza-Tabeirós para que asuman as demandas que o SLG formula na moción, e para que insten ao Presidente da Xunta a tomar a iniciativa no paquete de medidas que propoñemos:

 

  1. A convocatoria urxente da Mesa do Leite e con carácter permanente. A Consellaría do Medio Rural ten a obriga de facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, polo que ten que tentar tódalas vías posibles para recuperar unhas condicións que garantan a viabilidade de toda as granxas galegas.

  2. Que o Ministerio recolla a obrigatoriedade de crear índices de referencia vinculantes para impedir prezos e condicións abusivas.

  3. Que a Consellería sexa a encargada da realización e actualización deses índices de referencia obxectivos e representativos da realidade das granxas galegas.

  4. Que se estableza un sistema de mediación que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión. Dito sistema de mediación será en Galiza . Tendo a maior rexión produtora do estado, non é normal ter que acudir a cortes de arbitraxe ou sistemas de mediación en Madrid.

  5. Que ningún operador lácteo, sexa industria ou primeiro comprador, poida operar se non ten aval suficiente para o pago do leite, ou se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade. O falta de pagamento do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas. As granxas non son entidades financeiras.

  6. Establecer unha liña de traballo urxente coas Administracións para reducir os custos de produción. Impedirase a especulación coas materias primas, acabarase coas tarifas eléctricas que penalizan á produción de alimentos, axudas a programas de desintensificación.

  7. Compromiso por parte do Concello de non mercar leite de empresas que estean a pagar prezos inxustos aos gandeiros e ás gandeiras galegas, decantándose por marcas galegas que merquen e procesen o leite na Galiza. E , se fora posible, consumo de leite e queixo producido e transformado na comarca.

 

Dende o SLG denunciamos unha vez máis que a política de brazos cruzados da Administración galega -non fai estudos de custos propios, non convoca a mesa do leite con todas as partes, pretende limitar o Observatorio Lácteo Galego a unha única reunión anual, etc.- e estatal -non habilitando medidas e, ademais, negociando unha PAC 2023 discriminatoria para Galiza-, está a empurrar á quebra ás pequenas e medianas explotacións galegas, empobrecendo o noso país e poñendo en risco o acceso á alimentación por parte da poboación, ao estaren dinamitando a estrutura produtiva de proximidade.