A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. A vocal do SLG no Craega, Elia Rodríguez, intervén como experta na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo invitada por AGE

A vocal do SLG no Craega, Elia Rodríguez, intervén como experta na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo invitada por AGE

4 de Decembro do 2014

Elia

Co obxectivo de discutir varios aspectos do proxecto de novo regulamento relativo á produción ecolóxica e etiquetaxe de produtos ecolóxicos da Comisión Europea, a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo realizou, o 3 de decembro, unha audiencia pública baixo o título "O regulamento relativo á produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos". Alí estivo Elia Rodríguez Vázquez, labrega da Mariña que é vocal no Consello de Agricultura Ecolóxica de Galiza (Craega). Elia foi invitada pola agora eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra; quen, na súa responsabilidade como Coordinadora do GUE/NGL para a Comisión de Agricultura, apostou por ela como experta con máis de vinte anos de experiencia na produción ecolóxica de Galiza.

Dende AGE explican que Elia Rodríguez destacou entre todas as persoas expertas convidadas por achegar ao auditorio un discurso sincero e apegado á realidade. A vocal do SLG no Craega deu boa conta do posicionamento das labregas e labregos que realizan o seu traballo cunha clara conciencia do valor social que ten a produción alimentar. En relación ás intervencións de expertos e deputados que sinalaban que un maior control da produción ecolóxica implicaría o encarecemento da mesma, Elia fixou firmemente a súa posición: "O consumo ecolóxico vai en aumento, polo que deberiamos incrementar a nosa capacidade de producir este tipo de alimentos, pero eu non quero producir para unha elite, senón para todo o mundo, e para iso precisamos ter máis apoio das institucións, para poder dar alimentación sa a toda a poboación".

Elia Rodríguez defendeu tamén a necesidade de camiñar cara unha agricultura sostíbel, "unha explotación ecolóxica mellora as calidades de vida do campesiñado, do medio ambiente, crea postos de traballo e fixa poboación no medio rural",  abondou avogando pola necesidade dun "mundo rural vivo" que, ademais, "grazas ao establecemento dun maior número de labregas e labregos contribuiría a parar os lumes". "As explotacións ecolóxicas crean paisaxe e 'paisanaxe' ", resumiu.

En relación á valoración solicitada pola Comisión con respecto á afección das importacións de produtos ecolóxicos no territorio comunitario, demandou "os límites para estas importacións teñen que ser os mesmos que hai na UE", ademais "non debería ser tan difícil facer estes controis, xa que as exportacións non veñen de quilo en quilo", engadiu con retranca.

Elia denunciou tamén as dificultades para conseguir sementes ecolóxicas na Galiza e no Estado.  difícil atopalas certificadas, hai que pedilas a outros países da UE, e temos o problema de que non están adaptadas ao noso territorio". Por iso, insistiu, "eu aposto porque se permita o intercambio de sementes entre labregas e labregos." Ademais, en relación á contaminación dos produtos, aseverou con contundencia "os cultivos transxénicos deberían estar totalmente prohibidos na UE se queremos unha agricultura sa".   

En relación á grande carga burocrática á que se enfrontan diariamente as explotacións, Elia denunciou que, na actualidade, tanto na Galiza como no Estado "somos as produtoras as que temos que pagar a certificación, incrementándose, polo tanto, os custes de produción. Eu penso que isto deberíano facer as institucións, a certificación debería de ser un servizo público". E, en relación a este aspecto, "as pequenas explotacións terían que ser certificadas coma un todo, independente de que teñan animais e horta".

Pola súa banda, a eurodeputada de AGEe Lidia Senra, valorou "moi positivamente" a participación dunha labrega galega neste foro, xa que "aportou a súa experiencia directa, as reivindicacións e dificultades das pequenas e medianas explotacións". E, en relación á proposta de modificación do regulamento de produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos da Comisión Europea sinalou "a agricultura ecolóxica vai moito máis alá de fornecernos con alimentos sans, xa que temos que ter en conta que supón tamén unha ferramenta fundamental para loitar contra o cambio climático, polo que dende AGEe consideramos que, a través desta normativa, se deben favorecer as producións labregas para os mercados locais e de proximidade".

Elia Rodríguez